Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2020 Páx. 5989

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2020 de delegación específica en cada unha das persoas titulares das xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, das competencias relativas ás contratacións que se inicien ao longo do ano 2020 das 261 cafetarías escolares existentes.

A Orde da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional do 5 de decembro de 2018, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería, delega, no seu artigo 1.c), con carácter xeral no titular da Secretaría Xeral Técnica as funcións que como órgano de contratación lle corresponden, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

Como queira que neste momento é preciso iniciar os procesos de contratación das cafetarías escolares dos centros docentes públicos dependentes desta consellería existentes en cada unha das catro provincias galegas, cuxos contratos actuais rematan co actual curso escolar, parece oportuno asegurar a necesaria homoxeneización da contratación do servizo.

Así mesmo, as características específicas do servizo contratado e a súa imbricación na organización interna de cada centro de ensino precisan dunha xestión contractual o máis próxima e descentralizada posible.

Estas consideracións aconsellan no momento actual residenciar nas catro xefaturas territoriais dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional o desenvolvemento das tarefas relativas aos procedementos de contratación que se inicien ao longo do ano 2020 das 108 cafetarías radicadas na provincia da Coruña, 34 na de Lugo, 28 na de Ourense e 91 na provincia de Pontevedra, delegando para isto as competencias funcionais de contratación respectivas nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Polo exposto, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Delegar, de xeito puntual e específico, nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, as competencias respectivas para as contratacións que se inicien no ano 2020 das 261 cafetarías escolares existentes nos centros de ensino público da Comunidade Autónoma Galega.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional