Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2020 Páx. 7114

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (códigos de procedemento TU404A, TU404B e TU404C).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten por obxecto a planificación, ordenación, promoción e fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia, e establece entre os fins que persegue a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, o impulso da desestacionalización do sector turístico, a diversificación da oferta turística, e o impulso do turismo como medio de desenvolvemento dos valores propios da cultura e identidade galega.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, de 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, de 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

A Axencia Turismo de Galicia, no exercicio das súas competencias deseñou o Programa Elixe Galicia, un programa de estadías turísticas e de ocio dirixido a menores de 30 anos, familias con fillos menores e maiores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto do programa é favorecer o coñecemento polos galegos da súa Comunidade autónoma e favorecer a actividade turística dentro da Comunidade durante todo o ano, mantendo e fomentando a creación de emprego no sector

En concreto, o programa para os anos 2020 e 2021 permitirá financiar un mínimo de 12.800 prazas e constará de catro modalidades: Vacacións en zonas costeiras, Rutas de Patrimonio Histórico e Cultural, Rutas de Natureza e Estadías en Balnearios. Todas as viaxes do programa realizaranse preferentemente en provincias distintas ás de orixe co obxectivo de dar a coñecer as particularidades de cada zona do territorio galego a toda a cidadanía.

Elixe Galicia enmárcase na aposta da Axencia Turismo de Galicia pola descentralización e a desestacionalización da oferta turística galega, dun xeito sustentable, a través da posta en valor de elementos como a paisaxe, a gastronomía, o patrimonio ou o termalismo. De feito, tanto os meses do verán como o período da Semana Santa quedarán fóra dos períodos ofertados co fin de favorecer a actividade en tempada media e baixa. Trátase de obxectivos clave no modelo turístico do Goberno autonómico, que aposta por crear emprego de calidade vinculado ao turismo durante os 12 meses do ano e en toda a xeografía galega, potenciando a importancia e o peso deste sector na economía da Comunidade. De feito, o turismo supón na actualidade o 10,4 % do Produto Interior Bruto de Galicia e o 11 % dos postos de traballo.

Ademais de favorecer o turismo interior, este programa tamén repercutirá nos profesionais do sector a través das axencias de viaxes ou de todas aquelas empresas de servizos que se involucren na execución das modalidades do programa: hoteis e aloxamentos, restaurantes, empresas de autobuses, barcos, guías, empresas de turismo activo etc.

Deste xeito, a Axencia Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, para subvencionar parcialmente o custo de estadías turísticas, en réxime de concorrencia non competitiva, para as persoas maiores, mozos/as menores de 30 anos e familias con fillos menores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que resulten adxudicatarios do sorteo das prazas, así como efectuar a súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

Os procedementos regulados nesta resolución son os seguintes:

TU404A: colectivo de maiores.

TU404B: colectivo de mozos/as menores de 30 anos.

TU404C: colectivo de familias.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario/a das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no devandito artigo 6 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos/ás interesados/as.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 25 51 e 981 95 70 63 da devandita Axencia.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. Base de Datos Nacional de Subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia

de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores para os anos 2020 e 2021. (Códigos de procedementos TU404A, TU404B e TU404C)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto a participación de persoas maiores, mozos/as menores de 30 anos e familias con fillos menores, nas rutas que conforman o programa Elixe Galicia.

2. Estas axudas terán a consideración de subvencións en especie, ao abeiro do disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o disposto no artigo 3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta contía pagarase á empresa adxudicataria do contrato de servizo para a creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia polo que a Axencia Turismo de Galicia aboará á empresa adxudicataria do programa os importes correspondentes segundo as prazas concedidas.

3. O procedemento de concesión das axudas aos beneficiarios das prazas, tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión das prazas no suposto de máis solicitudes que prazas convocadas, terá lugar a través de sorteo entre todas as solicitudes que cumprindo os requisitos establecidos nas presentes bases se presenten en prazo.

Realizaranse dous sorteos, un para as solicitudes correspondentes o ano 2020 e outro para as solicitudes do ano 2021. As datas, lugar e hora da celebración dos sorteos publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/espazo-institucional.

Artigo 2. Modalidades do programa e servizos incluídos

O programa Elixe Galicia, contará con catro modalidades de viaxes:

1. «Vacacións en zonas costeiras», esta modalidade terá unha duración de 5 días (4 noites) en réxime de pensión completa. Inclúese o xantar día de chegada e día de saída, aloxamento en hoteis de tres estrelas ou superior situados en localidades costeiras. Mínimo de tres visitas ou actividades de medio día adaptadas ao grupo destinatario durante a súa estancia e inclúe o transporte desde as catro capitais das provincias galegas, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol.

2. «Rutas de Patrimonio Histórico e Cultural», modalidade que terá unha duración tres días (dúas noites), en réxime de pensión completa e preferiblemente os fins de semana para os colectivos de mozos e familias.

O aloxamento será en hoteis de dúas estrelas ou superior situados en poboacións que permitan a xestión dun programa adecuado para as visitas programadas.

Esta modalidade contará con servizos de guía acompañante durante todo o circuíto.

Inclúe visitas culturais con relevancia histórico-artística e como mínimo unha actividade ou visita diaria sen custo adicional para o usuario e tamén o transporte desde as catro capitais das provincias galegas, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol e os desprazamentos que deban producirse durante os días que dura a viaxe.

3. «Rutas de natureza e montaña» terá unha duración tres días (dúas noites), en réxime de pensión completa, preferiblemente os fins de semana para os colectivos de mozos e familias.

O aloxamento será en hoteis de dúas estrelas ou superiores ou aloxamentos rurais de categoría similar.

Esta modalidade contará con servizos de guía acompañante especializado durante todo o circuíto.

Dúas excursións ou actividades de sendeirismo e/ou turismo activo na totalidade da estancia e inclúe tanto o transporte desde as catro capitais das provincias galegas, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol, como os desprazamentos que deban producirse durante os días que dura a viaxe.

4. A modalidade de «Estadías en Balnearios» terá unha duración 5 días (4 noites), en réxime de pensión completa. Aloxamentos en hoteis de dúas estrelas ou superior situados na Comunidade Autónoma de Galicia a unha distancia non superior a 20 km do balneario, talaso ou establecemento de saúde e benestar de destino.

Deberá dispoñer, incluído no prezo do programa, dun acceso diario ao balneario de augas mineiro-medicinais, talaso ou establecemento de saúde e benestar da Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo no programa, sen custo adicional, un tratamento por persoa e estancia, así como prezos especiais reducidos para outros tratamentos.

Contará cun mínimo de dúas excursións ou actividades de medio día a recursos turísticos ou poboacións da Comunidade Autónoma de Galicia, con localización próxima ao establecemento hostaleiro de pernocta, e o transporte desde as catro capitais das provincias galegas, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol.

Para as catro modalidades do programa, o servizo inclúe unha póliza de seguro colectiva de viaxe, coa finalidade de cubrir diferentes continxencias dos usuarios durante a realización da viaxe.

5. En todo caso, os servizos e actividades finais que se inclúen nas anteditas modalidades, máis aló do mínimo establecido nos apartados anteriores, concretarase pola empresa adxudicataria do contrato de servizo para a creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas residentes legalmente na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar empadroado en algún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia con unha antigüidade mínima de dos anos anteriores á data final do prazo de presentación de solicitudes establecido nestas bases.

b) Solicitar praza para destinos distintos a súa provincia de residencia, salvo que non exista oferta nesa provincia.

c) Poder valerse por si mesmos para realizar as actividades básicas da vida diaria, coa excepción das persoas con discapacidade nas condicións especificadas para cada colectivo.

d) Efectuar o pago do prezo estipulado.

2. As persoas beneficiarias ademais de cumprir os requisitos establecidos no apartado 1 deste artigo deberán pertencer a algún dos seguintes colectivos:

A) Maiores:

– Ser pensionista de xubilación do sistema de seguridade social español, ser pensionista de viuvez con 55 ou máis anos de idade do sistema de seguridade social español, ser pensionista por outros conceptos do sistema de seguridade Social español ou perceptor de prestación, subsidios de desemprego con 60 ou máis anos de idade, ser asegurado ou beneficiario do sistema de seguridade social español con 65 o máis anos de idade.

Tamén se considerarán persoas beneficiarias, respecto do colectivo de persoas maiores, os/as cónxuxes ou no seu caso, parella de feito ou persoa coa que se constitúe unha unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade á conxugal, sen necesidade de que estes reúnan os requisitos esixidos neste apartado.

Tamén poderán ser persoas beneficiarias os/as fillos/as con discapacidade, en grado igual o superior ao 33 % sempre que a viaxe se realice cos seus pais e se aloxen na mesma habitación ou, no seu caso, abonen o suplemento establecido para habitacións individuais que estará suxeito a dispoñibilidade de praza.

As persoas beneficiarias, coa excepción dos/as fillos/as con discapacidade, deben valerse por si mesmos para realizar as actividades básicas da vida diaria.

No caso do colectivo de maiores, na solicitude que se presente deberá indicarse, no seu caso, se a participación no programa será só para o solicitante, ou se se inclúe ao/á cónxuxe e a un/unha fillo/a con discapacidade, tal como se indicou anteriormente.

Do total das prazas destinadas ao colectivo de maiores, reservarase un 10 % do total para persoas con pensións non contributivas, o que se terá que indicar na solicitude.

B) Mozos/as menores de 30 anos:

As solicitudes para este colectivo poderán ser individuais ou colectivas no caso de que se unan ata 4 solicitudes. Os/as mozos/as que se presenten como grupo nunha mesma solicitude deberán reunir os requisitos establecidos nas presentes bases para participar nos programas.

Do total das prazas destinadas ao colectivo de mozos/as destinarase un 10 % a persoas con discapacidade, en grado igual ou superior ao 33 % que poderán ir acompañados/as doutro mozo/a menor de 30 anos que se aloxe na mesma habitación e a atención requirida na estancia poida ser dispensada polo acompañante a cuxo cargo viaxan.

Neste caso, na solicitude que se presente deberá indicarse, no seu caso, se a participación no programa será só para o solicitante, ou se se inclúe á persoa acompañante, que terá a condición de beneficiario/a.

C) Familias con fillos/as menores de idade:

Enténdese por familia, as persoas unidas entre si por matrimonio ou unha relación análoga de afectividade, as persoas que dependan delas por filiación, adopción, tutela, garda, garda de feito ou acollemento permanente ou preadoptivo, e as persoas que estean ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.

Calquera outra forma de relación estable entre membros dunha parella considérase asimilada ao vínculo por matrimonio, sempre que estea acreditada pola inscrición no correspondente rexistro.

Os fillos menores entre 0-3 anos non ocuparán praza.

Terán a condición de beneficiarios os/as fillos/as entre 4 e 18 anos, os fillos/as e ascendentes con discapacidade en grado igual o superior ao 33 % sempre que a viaxe a realicen cos seus pais/fillos/as e se aloxen na mesma habitación ou, no seu caso abonen o suplemento establecido para habitacións individuais que estará suxeito a dispoñibilidade de praza e a atención requirida na estancia poida ser dispensada polos pais, titores ou fillos/as cos que viaxan.

Os/as fillos/as maiores de 18 anos e os ascendentes, salvo os fillos/as ou ascendentes con discapacidade, pagarán o 100 % da praza.

Do total das prazas destinadas ao colectivo de familias con fillos/as menores de idade, reservarase un 10 % do total para familias numerosas. Na solicitude deberá indicarse se se trata dunha familia numerosa.

2. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiaria aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, empregando o modelo que figura no anexo IV.

Artigo 4. Prazas por modalidades e quendas

1. Se convocan un número mínimo de 12.800 para participar en el programa Elixe Galicia, 6.100 para o ano 2020 e 6.700 para o ano 2021, coa seguinte distribución por modalidade de programa

– «Vacacións en zonas costeiras»: un total de 3.200 prazas para a tempada 2020 e 3.500 prazas para a tempada 2021.

– «Ruta de Patrimonio Histórico e Cultural»: un total de 1.200 prazas para a tempada 2020 e 1.300 prazas para a tempada 2021.

– «Ruta de Natureza e Montaña»: un total de 1.200 prazas para a tempada 2020 e 1.300 prazas para a tempada 2021.

– «Estancias en Balnearios»: un total de 500 prazas para a tempada 2020 e un total de 600 prazas para a tempada 2021.

2. O reparto por colectivo beneficiario será o seguinte:

Colectivos

Vacacións en zonas costeiras

Ruta de Patrimonio Histórico e Cultural

Ruta de Natureza e Montaña

Estancias en Balnearios

Maiores

40,00 %

40,00 %

20,00 %

50,00 %

Mozos/as

30,00 %

30,00 %

50,00 %

20,00 %

Familias

30,00 %

30,00 %

30,00 %

30,00 %

3. O programa desenvolverase por quendas ou turnos que agrupen ás persoas beneficiarias por modalidade, colectivo e tempada. As quendas iniciaranse en marzo-abril de 2020 e finalizarán en decembro de 2021.

Para o ano 2020:

Tempada baixa: do 1 de novembro a 17 de decembro.

Tempada media: do 28 de marzo a 30 de abril.

Tempada alta: do 1 de maio a 20 de xuño e do 11 de setembro a 15 de outubro.

Para o ano 2021:

Tempada baixa: do 26 de xaneiro a 27 de marzo e do 16 de outubro a 10 de decembro.

Tempada media: do 29 de marzo a 30 de abril.

Tempada alta: do 1 de maio a 20 de xuño e do 11 de setembro a 15 de outubro.

En todo caso as datas finais en cada unha das tempadas concretaranse pola empresa adxudicataria do contrato de servizo para a creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia.

Artigo 5. Contía da subvención e financiación das actividades subvencionadas

1. As prazas financiaranse de forma conxunta entre a Axencia turismo de Galicia e as persoas beneficiarias das prazas.

2. A contía da axuda, a cargo da Axencia turismo de Galicia e o prezo das prazas a cargo das persoas beneficiarias (IVE incluído), é variable atendendo á modalidade do programa e tempada de desfrute.

O prezo fixo a pagar polos usuarios é o seguinte:

Usuarios

Tempada

Vacacións en zonas costeiras

Rutas de Patrimonio Histórico e Cultural

Rutas de natureza

e montaña

Estancias en Balnearios

Tempada baixa

144 €

117 €

117 €

198 €

Tempada media

180 €

129 €

129 €

222 €

Tempada alta

204 €

141 €

141 €

246 €

3. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción de outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custe do programa.

4. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas axudas en especie, con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.640.0 proxecto de gasto 2013 00004 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para os anos 2020 e 2021, mediante o pago á empresa adxudicataria do contrato de servizo para a creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia dos importes que correspondan segundo as prazas concedidas.

A contía máxima a pagar pola Axencia Turismo de Galicia será de un millón catrocentos catro mil euros (1.404.000,00 €), coa seguinte distribución por anualidades:

– Anualidade 2020: 673.200,00 €.

– Anualidade 2021: 730.800,00 €.

Artigo 6. Solicitudes, prazos e documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os prazos de presentación de solicitudes serán:

Para a tempada do ano 2020 será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Para a tempada do ano 2021, o prazo de presentación de solicitudes será do 1 de setembro ao 30 de setembro de 2020.

2. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Conforme ao artigo 30.2 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, considéranse inhábiles os sábados, domingos e os declarados festivos.

3. Si neste prazo non se cubrisen a totalidade das prazas dispoñibles, admitirante solicitudes por orde de presentación ata a total cobertura das prazas e sempre con dúas semanas de antelación á data de saída.

4. Só poderá presentarse unha solicitude por persoa e ano.

No caso do colectivo de maiores, que se inclúa na solicitude ao/á cónxuxe e/ou a un/unha fillo/a discapacitado, estes non poderán presentar solicitude ningunha para a participación en calquera dos programas incluídos nas presentes bases.

Igualmente no caso do colectivo de familias, os membros que integren a familia non poderán solicitar ningunha outra axuda para o programa e ano no que se presentou a solicitude pola familia.

No caso do colectivo de mozos/as os que soliciten praza de forma agrupada non poderán solicitar ningunha outra axuda para o programa e ano no que se presentou a solicitude de xeito colectivo.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura ao final destas bases como Anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Así mesmo, a solicitude poderá presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As axencias de viaxes colaboradoras poderán informar e prestar a súa asistencia aos/ás solicitantes para o cumprimento das solicitudes.

4. As persoas interesadas achegarán a seguinte documentación:

– Anexo II: modelo de solicitude normalizado segundo colectivo beneficiario, no que se indicará a modalidade do programa, ano e a tempada de desfrute:

Anexo II-A: para o colectivo de maiores.

Anexo II- B: para o colectivo de mozos/as.

Anexo II-C: para o colectivo de familias.

– No colectivo de maiores presentarase o libro de familia cando se inclúan na solicitude como persoas beneficiarias os/as cónxuxes e os/as fillos/as con discapacidade.

– No caso do colectivo familias, deberá achegarse libro de familia ou documento que acredite a convivencia.

– Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade, no caso de que o órgano que realiza tal recoñecemento non dependa da Xunta de Galicia.

– Título de familia numerosa no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

– Anexo III en calquera dos colectivos cando se inclúan na solicitude outras persoas beneficiarias ou acompañantes, segundo se establece no artigo 3.

5. A documentación complementaria presentarase tamén preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

10. A unidade administrativa encargada da tramitación deste procedemento poderá solicitar, no caso de consideralo necesario, a documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante e, no seu caso, do cónxuxe e fillos/as acompañantes, e dos membros da familia, así como dos mozos/as que se presenten colectivamente.

– NIF da entidade representante, para todos os colectivos.

– DNI ou NIE da persoa representante, para todos os colectivos.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, da persoa solicitante. No caso do colectivo de mozos/as que presenten solicitude colectivamente consultaranse os datos de todos/as os/as solicitantes.

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social, da persoa solicitante. No caso do colectivo de mozos/as que presenten solicitude colectivamente consultaranse os datos de todos/as os/as solicitantes.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Consellería de Facenda, da persoa solicitante. No caso do colectivo de mozos/as que presenten solicitude colectivamente consultaranse os datos de todos/as os/as solicitantes.

– Consulta de datos de residencia da persoa solicitante e demais beneficiarios, en todos os colectivos.

– Certificados de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante.

– Certificado discapacidade dos fillos/as, no caso de que se inclúa na solicitude como acompañante, no colectivo de maiores e no colectivo de familias.

– Certificado de pensionista no Sistema Público de Seguridade Social da persoa solicitante, no colectivo de maiores.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas, da persoa solicitante. No caso do colectivo de mozos/as que presenten solicitude colectivamente consultaranse os datos de todos/as os/as solicitantes.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas, da persoa solicitante. No caso do colectivo de mozos/as que presenten solicitude colectivamente consultaranse os datos de todos/as os/as solicitantes.

– Título de familia numerosa, no caso de ser expedido pola Xunta de Galicia, no caso do colectivo de familias.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e no Anexo III segundo corresponda, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha das administracións arriba indicadas, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

Artigo 8. Publicidade, transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o programa no que participará. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei.

3. A solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia na súa solicitude.

4. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e finalidade da subvención.

5. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de Datos Nacional de Subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

6. Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presenzalmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:// www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Na solicitude deberá cubrirse a autorización expresa para facilitar ao comercializador os datos relativos á identidade, dirección e teléfono dos interesados, para fins relacionados coa execución do programa. Se non se autoriza expresamente a comunicación ao comercializador, procederase a arquivar a solicitude por non ser viable a xestión da mesmas.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Notificacións

1. Segundo se establece no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións públicas, todas as notificacións dos actos administrativos que se diten ao abeiro da presente convocatoria realizaranse a través da súa publicación no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia.

2. En todo caso, se resultase precisa a notificación individual a algunha das persoas interesadas, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá á persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que se non o fixese se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Estes requirimentos serán notificados ás persoas solicitantes de xeito individual de conformidade co disposto no artigo 11.2 destas bases.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Proposta de resolución definitiva

1. A participación no programa e polo tanto a concesión das subvencións farase por sorteo entre todas as solicitudes recibidas en prazo e que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

O sorteo realizarase por colectivos (maiores, familias e mozos/as), modalidades (para cada un dos programas) e tempadas (baixa, media ou alta).

O sorteo consistirá en obter un total de 36 letras atendendo aos colectivos, modalidades e tempadas, a partir das cales se ordenará por orde de apelidos ás persoas solicitantes que encabezan a solicitude.

2. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución definitiva de acordo co sorteo realizado que se publicará na páxina web da Axencia Turismo de Galicia, prescindindo do trámite de audiencia ao abeiro do disposto nos artigos 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 82.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Resolución

1. A persoa titular da Dirección, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución definitiva de acordo co sorteo realizado, e expresará, cando menos, o solicitante beneficiario do programa así como as persoas beneficiarias ou acompañantes da súa solicitude, o colectivo ao que pertence, a modalidade de programa no que ten praza e tempada baixa, media ou alta de desfrute, así como o prazo para confirmar a súa asistencia e proceder ao abono do importe do prezo da praza. De ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude. A resolución definitiva publicarase na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Xunto co listado de beneficiarios publicarase unha lista de espera ou reserva.

2. Os beneficiarios solicitantes deberán formalizar a súa reserva de praza e selección de quenda no prazo máximo de 3 día hábiles, a contar desde o día seguinte da publicación desta resolución na páxina web da Axencia Turismo de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 11.1 destas bases, pagando o 20 % da cantidade que se lles fixa como prezo no momento de efectuar a reserva e garantiráselles a praza en firme.

No momento de formalizar a reserva as persoas beneficiarias deberán indicar se na solicitude se inclúe algunha persoa con mobilidade reducida.

Transcorrido o prazo de 3 días, as persoas beneficiarias que non obtiveran praza na modalidade, tempada ou quenda solicitada, poderán optar a outras modalidades, tempadas ou quendas dispoñibles do seu colectivo, formalizando a súa reserva no prazo máximo de 10 días hábiles desde a publicación na web da resolución definitiva, pagando o 20% da cantidade que se lles fixa como prezo. O indicado neste parágrafo xestionarase directamente nas axencias de viaxes comercializadoras.

Así mesmo, as persoas, que non resultasen beneficiarias no sorteo realizado conforme ao artigo 13, formarán parte dunha lista de espera ou reserva e terán a posibilidade de cubrir as prazas non cubertas polas persoas beneficiarias, sen orde de prioridade, o cal se xestionará directamente coas axencias de viaxes comercializadoras.

3. A totalidade do pago da praza deberá completarse 60 días antes do día fixado para o comezo da quenda de que se trate.

Non obstante o anteriormente indicado, cando no momento de efectuar a reserva, a data de inicio da quenda atópese dentro de devandito período de 60 días, pagarase o 100 % do prezo correspondente ao pago por parte do beneficiario.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se tivera producido o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os Xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 17. Obrigas dos persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Confirmación de asistencia. Publicada a acreditación como posible beneficiario dunha praza, deberá confirmar a súa asistencia e elección de quenda á axencia de viaxes comercializadora, dentro dos prazos sinalados no artigo 14.

b) Unha vez confirmada a súa asistencia, deberá pagar á axencia de viaxes comercializadora, na forma e prazo que lle indiquen no momento de confirmar asistencia, a cantidade que se fixe para efectuar a reserva e garantirse a praza en firme, que non poderá ser superior ao 20 % do prezo da praza, completándose a totalidade do pagamento da praza sesenta días antes do día fixado para o comezo da quenda de que se trate.

Non obstante, cando no momento de efectuar a reserva, a data de inicio da quenda se atope dentro de dito prazo de 60 días, pagarase o 100 % do prezo da praza.

c) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. A tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao corrente nas citadas obrigas no caso de opoñerse expresamente que se soliciten polo órgano xestor. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) A manter unha conduta adecuada e correcta durante a súa estancia nas instalacións onde se desenvolvan as actividades, así como a cumprir as normas de funcionamento que para cada actividade puidesen establecerse. En caso contrario, procederase á anulación da súa participación na actividade, correndo por conta da persoa todos os gastos que ocasionase a súa estancia.

g) A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para participar no desenvolvemento das rutas, implicará a cancelación da praza obtida.

Artigo 18. Xustificación da subvención

Para xustificar a realización da actividade subvencionada, a axencia comercializadora remitirá mensualmente á Axencia Turismo de Galicia a documentación xustificativa das prazas comercializadas no período cos datos identificativos dos beneficiarios, modalidade de programa e datas de realización.

Artigo 19. Reintegros e sancións

Ás axudas obxecto desta orde seralles de aplicación:

a) O procedemento de reintegro e o control financeiro previsto nos títulos II e III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

No caso de que se declare a procedencia do reintegro en relación coa ruta concedida, considerarase como cantidade recibida a reintegrar, o importe equivalente ao desconto no prezo da ruta para cada un dos participantes. En todo caso, será esixible o interese de demora correspondente, de conformidade co disposto no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

b) Aos persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file