BDNS (Identif.): 493994.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.
Segundo. Obxecto
Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:
a) Subvención á creación directa de emprego estable.
b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
c) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e do Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Programa II (código de procedemento TR340E).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse seiscentos mel euros (600.000 €).
Quinta. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2020.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria