Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2020 Páx. 7009

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 3 de xaneiro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións para entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS508B).

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección en que se estrutura a Consellería de Política Social.

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, establece que corresponde á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

A Lei 10/2011, do 28 de novembro, establece entre as súas prioridades o fomento da acción voluntaria, promovendo o coñecemento público das actividades de acción voluntaria e o recoñecemento social das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria, e prevé no seu artigo 25 incentivos e apoios a entidades e a persoas voluntarias.

A Consellería de Política Social considera de máximo interese, por tanto, colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado e recoñece o labor que as persoas voluntarias e as entidades achegan á sociedade, ao contribuír á súa transformación e influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia e obxectividade na concesión das axudas e subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e queda sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expediente de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (procedemento BS508B).

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades de carácter privado sen ánimo de lucro, sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

1º. Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.

2º. Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.

3º. Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: local, comarcal, etc.

b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:

1º. Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.

2º. Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Artigo 2. Beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2020, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención previstas na Estratexia de acción voluntaria 2016-2018.

Artigo 3. Requisitos das/dos beneficiarias/os

1. Para poderen ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades privadas non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

Artigo 4. Crédito total

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.312F.481.0, por un importe de cento corenta e cinco mil catrocentos quince euros (145.415 €), de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 17 de outubro de 2019, en que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán conceptos subvencionables os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2020, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a contratación de persoal experto, a adquisición de material funxible pero non inventariable ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste. En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

3. A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 4.000 euros nin o 75 % do orzamento total do proxecto presentado. A contía da axuda por proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración do artigo 12, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS508B), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbere día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades de acción voluntaria interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 10. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social poderá requirir á entidade solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude.

Artigo 11. Instrución

1. O Servizo de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha Comisión de Valoración, que estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente: a/o xefa/e da Sección de Voluntariado.

b) Secretario: unha/un funcionaria/o do Servizo de Voluntariado e Participación, que participará con voz pero sen voto.

c) Vogais: dous técnicos do Servizo de Voluntariado e Participación.

3. O órgano instrutor poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo 12, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade. Do dito informe daráselle traslado ao órgano instrutor para que propoña a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que avaliar as solicitudes, algún dos compoñentes non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Artigo 12. Criterios de valoración

A valoración e a selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 11.2. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 35 puntos).

1º. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto.

2º. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade.

3º. Secuencia lóxica da intervención: situación da que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que se conta e os que terán que incrementar.

4º. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega previndo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da/do responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

c) Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

1º. A maior achega financeira da entidade ao proxecto (ata 7,5 puntos).

2º. Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa de carácter privado (ata 7,5 puntos).

d) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

e) Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree e propaganda relativas á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

Artigo 13. Resolución

1. No prazo máximo de quince días desde que o órgano instrutor formule a proposta de resolución, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ditará a correspondente resolución motivada, que lles será comunicada aos interesados.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado resolverá a concesión ou denegación das solicitudes presentadas por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, que se considerarán ditadas polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os cinco meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Se a resolución non fose notificada aos interesados no prazo o que se refire o número anterior, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

5. Notificada a resolución polo órgano concedente, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada, tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Adicionalmente, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse complementariamente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Estas notificacións realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío desta notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, poderá practicarse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Notificada a resolución polo órgano concedente de conformidade co disposto no número 1, a/o beneficiaria/o disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contrario, entenderase tacitamente aceptada, tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

a) Poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; senón o for, poderán interpor recurso en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, se esta é expresa, ou no de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 16. Xustificación da axuda concedida

1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación é o día 8 de novembro de 2020. O interesado deberá presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola comisión.

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado.

b) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante copia de factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

c) Anexo II. Xustificación.

d) Anexo III xunto coa seguinte documentación:

1º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil dos gastos realizados e documentación acreditativa do pagamento. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, polo que todas as facturas se deberán presentar xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse ademais acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

2º. Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI e o concepto polo cal se retribúe.

3º. Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

4º. Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, as entidades de acción voluntaria achegarán necesariamente as copias das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. En canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

5º. Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias dos recibos e o correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

6º. En canto aos fondos propios, de os haber, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

7º. Declaración responsable do representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, segundo anexo IV da orde.

2. Os órganos competentes da Consellería de Política Social poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a/o beneficiaria/o non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 17. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste artigo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 18. Pagamento da axuda

O pagamento da subvención realizarase unha vez que o órgano concedente comprobe a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, poderán realizarse pagamentos á conta que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada e ata o máximo do 50 % da subvención concedida. O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte do beneficiario da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

Artigo 19. Pagamentos anticipados

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida. De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 62.3 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se fose o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades de acción voluntaria privadas que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.

c) Estaren sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.

d) Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

h) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Artigo 21. Fiscalización e control

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Reintegro das axudas ou subvencións

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do proxecto obxecto de subvención; no segundo caso, procederase ao reintegro da parte proporcional do proxecto non xustificado.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na presente orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a regularidade das actividades e a concorrencia doutras axudas.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración aos beneficiarios cando derive a imposibilidade de conseguir o obxecto, sempre que afecten o modo en que se conseguen os obxectivos, ou cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou ao cumprimento do obxecto.

De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria, para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade coa Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada de gasto

Esta orde estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 e ao disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Incremento do crédito

Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade cos artigos 31.2 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, e 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020.

Disposición adicional quinta. Infraccións e sancións

Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normas de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file