Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7517

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto de Estudos do Territorio

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2020 polo que se acorda someter ao procedemento de información pública o Proxecto de orde pola que se leva a cabo a actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico AEIP-05-03 Canóns do río Miño e AEIP-05-04 Canóns do Sil, co obxecto de fundir as dúas áreas nunha única, denominada AEIP-05-03 Ribeira Sacra.

De conformidade co artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desta lei, as administracións públicas, ao estableceren ou tramitaren os procedementos que resulten de aplicación, velarán por que se informe o público, mediante avisos ou outros medios apropiados, como os electrónicos cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

O artigo 9.3 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia establece que os catálogos da paisaxe poderán, se for o caso, identificar determinadas zonas xeográficas como «Áreas de especial interese paisaxístico», en atención aos valores naturais e culturais alí presentes.

O artigo 4 do Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia, regula a actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico, e sinala que as áreas identificadas e delimitadas no Catálogo das paisaxes de Galicia poderán ser revisadas ou actualizadas, de oficio ou por instancia de calquera interesado, cando se acrediten circunstancias que o xustifiquen, tales como a dispoñibilidade de novas fontes de información, cambios ou transformacións da paisaxe, perda ou aparición de valores paisaxísticos ou cambios na percepción da paisaxe por parte da poboación.

O mesmo artigo prescribe que o órgano autonómico con competencias en materia de paisaxe será o competente para proceder á actualización ou revisión, seguindo o seguinte procedemento:

a) Elaborará unha proposta de inclusión, eliminación ou modificación de áreas de especial interese paisaxístico. Esta proposta conterá, necesariamente, a xustificación das circunstancias que motiven a modificación, así como a explicación detallada do procedemento, metodoloxía e resultado da correspondente proposta.

b) A proposta someterase a información pública por un prazo de dous meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que coiden pertinentes.

c) O expediente será aprobado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe, logo da consulta aos departamentos autonómicos competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural.

d) Antes da súa aprobación, remitirase para consulta previa do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.

e) Unha vez aprobada, procederase á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta o establecido no artigo 4 do Decreto 119/2016, do 28 de xullo, e co fin de asegurar que se observen as garantías en materia de participación na elaboración de disposicións de carácter xeral, unha vez iniciada a tramitación do Proxecto de orde pola que se leva a cabo a actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico, AEIP-05-03 Canóns do río Miño e AEIP-05-04 Canóns do Sil, co obxecto de fundir as dúas áreas nunha única, denominada AEIP-05-03 Ribeira Sacra:

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, por un prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o Proxecto de orde pola que se leva a cabo a actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico AEIP-05-03 Canóns do río Miño e AEIP-05-04 Canóns do Sil, co obxecto de fundir as dúas áreas nunha única, denominada AEIP-05-03 Ribeira Sacra:

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do Proxecto de orde na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

reximexuridico.cmatv@xunta.gal

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido ao Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

Guillermo Evia Pérez
Director do Instituto de Estudos do Territorio