Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7312

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía, para as persoas residentes na Arxentina, Uruguai e Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 11 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2020.

Mediante a Resolución do 11 de decembro de 2019 (DOG núm. 242, do 20 de decembro) reguláronse e convocáronse as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2020.

No artigo 13 da dita resolución establécese un prazo de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar solicitudes, prazo que remata o próximo día 5 de febreiro.

As especiais circunstancias sociais e políticas que acontecen actualmente na Arxentina, Uruguai e Venezuela están a provocar grandes dificultades para que as persoas residentes neste país poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa, así como para poder achegarse ás entidades colaboradoras e delegacións da Xunta de Galicia habilitadas para a presentación electrónica e presencial das súas solicitudes.

A situación sociopolítica destes países está a agravar a situación de escaseza de recursos para a subsistencia, máis en sectores da poboación especialmente sensibles a estes episodios de desgoberno, como o formado polas persoas maiores.

Na Arxentina, Uruguai e Venezuela reside un gran número de persoas que teñen a condición política de galegos e maiores de 65 anos, e unha boa parte deles, debido aos procesos inflacionarios que frecuentemente sofren estes países, non dispoñen de rendas suficientes para poder conseguir produtos de primeira necesidade ou farmacolóxicos para poder subsistir, polo que as axudas do Programa de axudas económicas individuais resultan imprescindibles para a súa subsistencia.

En atención a estas circunstancias, resulta preciso ampliar, para as persoas residentes na Arxentina, Uruguai e Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes do Programa de axudas económicas individuais para o ano 2020.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar, unicamente para as persoas residentes en Arxentina, Uruguai e Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 13 da Resolución do 11 de decembro de 2019, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2020 (DOG núm. 242, do 20 de decembro), ata o 19 de febreiro de 2020.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración