Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2020 Páx. 7779

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2020, da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura da Sección de Oncoloxía Médica.

Mediante a Resolución do 22 de xuño de 2018, da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés (DOG núm. 134, do 13 de xullo), convocouse a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura da Sección de Oncoloxía Médica.

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro), o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicarlle o posto de xefatura da Sección de Oncoloxía Médica na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés a Francisco Ramón García Arroyo ***8799**, aspirante que acadou a maior puntuación.

(*) Ocúltase parcialmente o número do DNI para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Segundo. O aspirante deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberase efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince (15) días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo e os correspondentes haberes percibiranse de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado/a nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Terceiro. O aspirante seleccionado obterá un nomeamento para o desempeño do posto por un período inicial de catro anos de duración. Antes da finalización do referido período, o profesional seleccionado será avaliado para os efectos da súa prórroga, por idéntico período, ou remoción. Neste último caso, darase previamente audiencia ao interesado.

Cuarto. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 20 de xaneiro de 2020

José Ramón Gómez Fernández
Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés