Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 5 de febreiro de 2020 Páx. 7541

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de xaneiro de 2020 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Manuel Moldes.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Manuel Moldes, con domicilio na rúa Benito Corbal, número 60, en Pontevedra.

Feitos:

1. O 3 de decembro de 2019, María Carmen Díaz Cacheda, presidenta do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Manuel Moldes constituíuse en escritura pública outorgada en Pontevedra, o 12 de novembro de 2019, ante o notario Francisco León Gómez, co número de protocolo 2.573, por María Carmen Díaz Cacheda, Manoel Anxo Rodríguez-Moldes Díaz e Iria Rodríguez-Moldes Díaz, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– «Reunir, conservar, restaurar, difundir e estudar a obra do artista Manuel Moldes e o seu legado.

– Promocionar a investigación e o estudo da figura e a obra de Manuel Moldes.

– Contribuír á localización e catalogación da súa obra.

– Reunir o seu patrimonio bibliográfico e documental.

– A Fundación estará aberta á arte moderna e contemporánea en todas as súas facetas e realizacións. Xunto coa exposición permanente da obra de Manuel Moldes, potenciarase o diálogo con obras doutros artistas e disciplinas grazas á colaboración con outros axentes culturais, institucións e persoas relacionadas co ámbito cultural e científico».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por María Carmen Díaz Cacheda como presidenta, Manoel Anxo Rodríguez-Moldes Díaz como vicepresidente, e Iria Rodríguez-Moldes Díaz como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Manuel Moldes con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de decembro de 2019,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Manuel Moldes e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza