Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8104

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2019 pola que se procede á convocatoria pública para a anualidade 2020 das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (código de procedemento VI406B).

O artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para actuacións de rehabilitación. No artigo 11 deste decreto indícase que mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de vivenda poderán aprobarse programas de financiamento consistentes na subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas, con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

Por outra banda, o 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e a renovación urbana, establecendo diferentes programas e accións orientadas á recuperación do patrimonio construído, entre os cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

A Orde do 20 de decembro de 2019 estableceu as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas. En virtude da citada orde, establécese unha liña de préstamos para financiar a execución de obras de rehabilitación de edificios e vivendas situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa concesión poderá ir acompañada dunha axuda económica directa consistente na subsidiación dos xuros dos préstamos cualificados.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas financeiras do referido programa para a anualidade 2020; a súa tramitación axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas Ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, habilítanse créditos para o financiamento das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas.

De conformidade coas competencias atribuídas polo artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2020 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas previstas nesta convocatoria están recollidas na Orde do 20 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 07.83.451A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 72.000 € para a anualidade 2020; por importe de 45.000 € para a anualidade 2021; por importe de 54.380 € para a anualidade 2022; por importe de 55.400 € para a anualidade 2023; e por importe de 70.000 € para a anualidade de 2024.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II da orde pola que se establecen as bases reguladoras deste programa.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematadas, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten a elementos decorativos e ornamentais, así como á instalación ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria asinada por técnico/a competente, sendo este o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra, e deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude da axuda.

5. As actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguirán os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.

Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, se ben non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.

4. Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

5. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2020 e, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Xeral do IGVS.

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa ou entidade solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.

d) Declaración responsable de que a persoa ou entidade solicitante non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Documento que acredite a propiedade ou a posesión do inmoble que se pretende rehabilitar, no caso de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

c) Anexo II de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

d) Autorización da persoa propietaria do inmoble para realizar as actuacións de rehabilitación, no suposto de solicitudes presentadas por persoas posuidoras.

e) Acordo da comunidade de persoas propietarias de solicitar o préstamo cualificado para a rehabilitación do inmoble, no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias.

f) Acta de constitución da comunidade de persoas propietarias, tanto no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias, como as presentadas por persoas físicas para financiar a súa participacion en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

g) Autorización das restantes persoas propietarias para a realización da actuación obxecto de rehabilitación, no suposto de que a vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e a solicitude non fora presentada por comunidades de persoas propietarias.

h) Proxecto de execución das obras que se pretenden realizar, elaborado por técnico competente ou, de ser o caso, memoria asinada por técnico/a competente, sendo este/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

i) Licenza municipal, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar, ou comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorridos máis de quince (15) días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

j) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de persoas propietarias no que se recolla o acordo da comunidade de realizar as actuacións de rehabilitación, a relación de vivendas partícipes nestas actuacións e a porcentaxe e importe de participación de cada unha no orzamento protexible, no suposto de solicitudes presentadas por comunidades de persoas propietarias e por persoas físicas para financiar a súa participacion en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

k) Licenza de primeira ocupación, certificado de fin de obra ou calquera outro documento que acredite que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizadas.

l) Certificado municipal en que conste que a edificación ou vivenda foi habitada durante un mínimo de cinco anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados.

m) Certificación médica que acredite o embarazo da solicitante e/ou dalgunha muller membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de ser o caso.

n) Certificado acreditativo da existencia dalgún proceso de adopción en trámite por parte da persoa solicitante e/ou dalgunha persoa membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias, de ser o caso.

o) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia, de ser o caso e para o suposto de non ter sido expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

p) Declaración responsable da persoa solicitante e/ou das persoas membros das súas unidades de convivencia dos ingresos obtidos, á cal se deberá xuntar, se é o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no dito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e/ou certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario, para o suposto de que algunha desas persoas non estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF, no caso de solicitudes non presentadas por comunidades de persoas propietarias.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, a Dirección Técnica de Fomento do IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a súa acreditación por outros medios dos contidos aos que se refire o documento.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo 3. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa ou entidade solicitante, así como, de ser o caso, das persoas que forman parte da súa unidade de convivencia.

b) DNI, NIE ou, de ser o caso, NIF da persoa ou entidade representante.

c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) correspondente ao último período impositivo co prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude, da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

d) Certificados acreditativos de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

e) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

f) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas membros da unidade de convivencia nas que concorra a dita circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos cadros correspondentes habilitados nos anexos I e II e achegar os documentos.

3 Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre o recoñecemento de concesión do préstamo cualificado e, de ser o caso, o outorgamento da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas directas de subsidiación de xuros iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reunise os requisitos esixidos no ordinal 8 e/ou non fose acompañada da documentación relacionada no ordinal 9, requirirase á persoa ou á entidade solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Examinada a documentación, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS remitirá unha proposta de recoñecemento do acceso ao financiamento e, de ser o caso, de concesión das axudas económicas directas de subsidiación de xuros á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral de IGVS non implicará en ningún caso a obrigatoriedade para a entidade financeira de conceder o préstamo cualificado. No suposto de que as entidades financeiras, segundo os seus criterios de solvencia, deneguen a concesión do préstamo, perderase o dereito a percibir a axuda á subsidiación de xuros, sen que esta perda implique dereito a percibir indemnización ningunha.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da solicitude de acceso ao préstamo cualificado e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación dos xuros será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa ou entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria recoñecerá o dereito da persoa interesada a solicitar un préstamo cualificado en calquera entidade financeira que participe no desenvolvemento deste programa, nos termos previstos no artigo 4 da Orde do 20 de decembro de 2019, e, de ser o caso, concederá unha axuda de subsidiación dos xuros do referido préstamo. Así mesmo, a citada resolución establecerá o tipo de préstamo recoñecido, especificando se se trata dun préstamo persoal ou con garantía hipotecaria, o seu importe máximo e o prazo para a súa formalización, que non poderá exceder de tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.

3. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Xustificación e pagamento da axuda de subsidiación dos xuros

1. A xustificación da concesión da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado realizarase coa formalización do contrato de préstamo coa entidade financeira, de conformidade coas estipulacións contidas no convenio de financiamento subscrito para estes efectos entre o IGVS e a dita entidade.

Se non se formaliza o préstamo no prazo establecido na resolución de concesión da axuda ou se formaliza un tipo de préstamo, persoal ou hipotecario, diferente do indicado nesta, producirase a perda do dereito ao cobro da axuda, que se declarará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O pagamento da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado satisfaránllelo ás persoas beneficiarias directamente as entidades financeiras, que posteriormente liquidarán os correspondentes importes ao IGVS, de acordo coas cláusulas contidas no correspondente convenio de financiamento.

3. A xustificación final da subvención realizarase pola persoa beneficiaria mediante a presentación do modelo que figura como anexo III desta resolución, dirixido á Dirección Técnica de Fomento do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da data de finalización das obras acompañado dos seguintes documentos:

a) Certificado final de obra.

b) Contrato de arrendamento da vivenda na que se realizaron as actuacións de rehabilitación, no caso de non destinarse aquela a uso propio da persoa propietaria.

Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

Décimo sexto. Obrigas das persoas e das comunidades de propietarios/as beneficiarias

As persoas e as comunidades de propietarios/as beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

a) Destinar o importe íntegro do préstamo ao pagamento das correspondentes actuacións.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da concesión do préstamo ou da axuda de subsidiación que poida determinar a perda sobrevida do dereito ás ditas axudas.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Destinar a vivenda en que se realicen as obras de rehabilitación a residencia habitual e permanente da persoa promotora ou, de ser o caso, da/das persoa/s a quen lla arrende.

Non obstante, esta obriga só será exixible para quen obteña a axuda de subsidiación e durante o período de duración desta.

Décimo sétimo. Notificacións

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante deberán manifestar expresamente, no anexo I, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán a disposición da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude a estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. As persoas beneficiarias deberán subministrar ao IGVS, logo do requirimento para o efecto, de acordo co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Décimo noveno. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como Diarios Oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Vixésimo. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa.

Vixésimo primeiro. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Vixésimo segundo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/20015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo terceiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file