Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8131

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de xaneiro de 2020 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes na Axencia Galega de Emerxencias.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, os postos de traballo que se indican no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (edificio administrativo de San Caetano, 15771 Santiago de Compostela), nas súas xefaturas territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán unir á petición un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde un/unha funcionario/a con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e as demais disposicións concordantes.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o posto de traballo, se se considera oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, de conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo posesorio empezarase a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a xeral.

Subgrupo: A1.

Retribucións: subdirector/a xeral nivel 30.

Corpo ou escala: xeral.

Adscrición administracións públicas: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia).

Dependencia: Axencia Galega de Emerxencias.

Localidade: A Estrada (Pontevedra).

Denominación do posto: Área do CAE 112 Galicia.

Subgrupo: A1/A2.

Retribucións: xefatura servizo nivel 28A.

Corpo ou escala: xeral/especial.

Adscrición administracións públicas: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia).

Observacións: especial responsabilidade e dispoñibilidade por quendas de garda.

Dependencia: Axencia Galega de Emerxencias.

Localidade: A Estrada (Pontevedra).

missing image file