Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2020 Páx. 8295

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no ano 2019 en centros públicos de Galicia (código de procedemento ED311G).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei 8/2013, do 9 de decembro, regula de forma específica nos seus artigos 54 a 58 as ensinanzas artísticas superiores sinalando como tales, os estudos superiores de Música e de Danza, as ensinanzas de Arte Dramática, as ensinanzas de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e os estudos superiores de Deseño.

O Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio; posteriormente, promulgáronse os reais decretos que estableceron os contidos básicos das diferentes ensinanzas artísticas superiores, e que tiveron o seu desenvolvemento en Galicia para diferentes especialidades en: Arte Dramática, Música, Deseño, e en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

O Real decreto 1027/2011, do 15 de xullo, modificado polo Real decreto 96/2014, establece o Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES), e determina o nivel 2 (Grao), para o título de graduado, e para o título superior das Ensinanzas Artísticas Superiores.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca anualmente os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que remata os seus estudos universitarios nas universidades do Sistema universitario de Galicia. Co obxecto de favorecer tamén nas ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico, como recoñecemento ao esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata estes estudos cunha excelente traxectoria académica, considérase conveniente levar a cabo unha convocatoria anual de premios fin de carreira para estudos superiores de ensinanzas artísticas.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2018/19, nos centros dependentes da Xunta de Galicia (código de procedemento ED311G).

2. Estes premios, ademais de ter asignada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.423A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, cunha contía global de 18.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2020, en trámite parlamentario. Esta orde tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3. Número e dotación dos premios

1. Poderanse conceder ata seis premios coa seguinte distribución: 2 premios nas ensinanzas superiores de Música, 2 premios nas ensinanzas superiores de Deseño, 1 premio nas ensinanzas superiores de Arte Dramática, e 1 premio nas ensinanzas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

2. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

3. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de estudos superiores de ensinanzas artísticas no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun deles, deberá escoller en cal desexa recibir o premio.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar a estes premios o alumnado de ensinanzas artísticas superiores que cumpra os seguintes requisitos:

a) Que teña finalizados, no curso 2018/19, os estudos da titulación artística superior pola que opta ao premio nun centro superior de ensinanzas artísticas de titularidade da Xunta de Galicia.

b) Que teña unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao posuíren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación de súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico xsere@edu.xunta.es.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

• Título superior de ensinanzas artísticas.

• Certificado do centro correspondente en que debe figurar a nota media do expediente académico do total dos créditos superados, excluídos os recoñecidos. Así mesmo, deberá constar o curso en que se superou o traballo fin de estudos (TFE).

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberanos realizar electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes e a listaxe das persoas que non obtiveron o premio.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal, tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanzas de Réxime Especial.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e o/a xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Educación de Persoas Adultas.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria realizarase pola comisión avaliadora atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida polo/a alumno/a en cada unha das distintas titulacións de ensinanzas artísticas superiores implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As titulacións de cada unha das ensinanzas artísticas superiores que compitan entre si valoraranse indistintamente, independente da especialidade cursada, e obterá o premio a titulación coa nota media máis alta.

3. A nota media calcularase de acordo co disposto no artigo 5.3 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro.

4. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1º. Ter obtido o premio extraordinario nas ensinanzas cursadas.

2º. Maior número de matrículas de honra.

3º. Maior número de sobresalientes.

4º. Maior número de notables.

5º. Menor número de suspensos.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a súa contía.

b) Listaxe das persoas que non obtiveron premio.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

1. Informar ao órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 17. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro, total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña o premio sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file