Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2020 Páx. 9443

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, na súa xuntanza do día 29 de outubro de 2019, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (Financiamento Igape-Pemes).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO

Primeiro

Publicar as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (Financiamento Igape-Pemes) (código de procedemento IG535A).

E proceder á convocatoria para o ano 2020 da Liña de Préstamos para o crecemento das Pemes-Reavais Crecemento, da Liña de operacións de tráfico comercial-Reavais Funcionamento e da Liña de Garantías vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos-Reavais Garantías, en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo

Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Cuarto. Dotación orzamentaria

Dotaranse provisións polo importe máximo de 900.000 € para atender posibles falidos (partida orzamentaria 09.A1.741A.8900) do exercicio 2020.

As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese un límite máximo total de operacións financeiras de 57.600.000 €, avaladas polas SGR nun importe máximo de 36.000.000 €, cun límite máximo de reavais do Igape ante SGR de 9.000.000 €, respectando, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Anualmente, e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido, e minorarase no seu caso en proporción aos reavais minorados conforme á información trimestral de avais vivos facilitada a tal efecto polas SGR.

En relación ás compensacións económicas ás SGR, os créditos dispoñibles nesta convocatoria serán de 1.800.000 €, partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, do exercicio 2020, previa existencia de crédito adecuado e suficiente.

Quinto. Prazos de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión/denegación será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Sexto. Contido da convocatoria

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes)

O Igape, no cumprimento das súas funcións, enfoca os seus programas e iniciativas na procura do desenvolvemento do sistema produtivo galego, en especial, apoiando ás pequenas e medianas empresas (pemes).

Son estas as que sofren maiores dificultades para acceder ao financiamento adecuado ás súas necesidades, atopándose con maiores esixencias de garantías e maiores custos de financiamento que outras empresas de maior dimensión.

De forma continuada nos últimos 25 anos, o Igape ven apoiando o acceso ao financiamento das pemes con axudas en forma de garantía e subvencións de gastos financeiros, promovendo diversas liñas para cubrir necesidades específicas.

As sociedades de garantía recíproca galegas (SGR), veñen tamén desempeñando dende a súa creación un importante papel no tecido empresarial de Galicia, compartindo co Igape o obxectivo de posibilitar o acceso ao crédito das pemes galegas, mediante a prestación de avais ante entidades de crédito, actividade na que teñen demostrada solvencia e capacidade técnica.

O apoio conxunto do Igape e das SGR galegas á obtención de financiamento por parte das pemes, toma forma coa promoción de convenios de colaboración coas principais entidades de crédito que operan en Galicia, cos que se acadou moi boa experiencia no pasado.

Mediante a Resolución do 21 de maio de 2019 publicáronse as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (Financiamento Igape-pemes), nas que se estableceu un marco de apoio ao acceso ao crédito, regulando os requisitos e o procedemento de calquera actuación de apoio ao crédito bancario. Coas presentes bases reguladoras, dáselle continuidade ao dito Marco, adaptando os prazos de solicitude para o ano 2020.

As axudas contempladas no anexo I, tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes galegas, facilitando:

a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer mediante reavais, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.

b) Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial, co obxecto de favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

c) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das Pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos.

En todas estas modalidades, o apoio do Igape consiste nun reaval de ata o 25 % do risco asumido polas SGR.

A convocatoria dos apoios deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base ao establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar ás pemes beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar as súas operacións correntes e de investimento, e o seu crecemento.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de prazos de solicitude mais dilatados no tempo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-Pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto no artigo 35 e 63 da Lei 9/2007.

Neste caso, a operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

3. Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan, se é o caso, para cada liña de financiamento conforme ao recollido no anexo I. En todo caso, exclúense as que de seguido se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades que implican a utilización de animais vivos con fins experimentais ou científicos.

e) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

f) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

g) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise. Para estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Artigo 3. Características das operacións financeiras e axuda do Igape

1. As características, finalidades, importes máximos e mínimos, e condicións das operacións financeiras apoiadas serán as detalladas para cada liña de financiamento recollida no anexo I.

2. Axuda do Igape en forma de garantía.

En aquelas liñas de financiamento nas que así se contemple no anexo I, a axuda do Igape consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación avalada e en todo caso co máximo de 7 anos, en garantía do dun máximo do 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

Con carácter xeral, o reaval do Igape ante as SGR será do 25 % do risco asumido pola SGR, salvo nos casos nos que a SGR combine este coa cobertura doutros reavais doutros organismos públicos ou dependentes da Administración. Nestes supostos, se a suma dos reavais superase o límite do 80 % da operación avalada establecido no artigo 4.6.b do Regulamento 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, reducirase o reaval do Igape nos puntos porcentuais en que exceda.

O cálculo da subvención bruta equivalente implícita na axuda en forma de garantía, determinarase segundo a seguinte fórmula de cálculo simplificada:

Subvención bruta equivalente = 2 x (importe do reaval en euros) x (prazo de vixencia do reaval en anos)/75

3. Axuda do Igape en forma de subsidiación de gastos financeiros.

Nas liñas de financiamento nas que así se contemple no anexo I, a axuda do Igape poderá consistir na bonificación do tipo de xuro nominal e/ou das comisións de aval das operacións de préstamo acollidas a estas bases.

A axuda a abonar ao titular calcularase do seguinte xeito:

– Calcularanse os valores absolutos dos puntos que se percibirán durante o período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de carencia.

– Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da concesión da operación financeira.

– No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, os cálculos faranse de xeito teórico, como se fose a 7 anos, incluída a carencia.

– Axuda á comisión do aval financeiro, se é o caso, que se calculará como na axuda ao tipo de xuro.

4. Compatibilidade e límites.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de mínimis. De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas cuxa actividade estea encadrada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España no anexo I do Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape, a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas en minimis implícitas no mesmo. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) En caso de persoas xurídicas:

1º. Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.

3º. No caso de entidades obrigadas a formular, aprobar e depositar contas anuais, contas anuais depositadas no Rexistro Mercantil –ou noutro rexistro, segundo proceda– correspondentes ao último exercicio pechado, xunto co informe de auditoría de ser o caso.

b) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente. Así mesmo as comunidades de bens deberán presentar o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

c) A documentación específica, se é o caso, sinalada no anexo I para cada liña de financiamento.

d) Complementariamente poderá solicitarse a achega daqueloutra documentación xustificativa necesaria para avaliar o risco da operación e o seu axuste ás finalidades da axuda.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

En aplicación do artigo 50.b) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, os solicitantes ou, se é o caso, os socios da comunidade de bens, poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración autonómica ou de non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico da solicitude.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

4. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e na documentación achegada, coa colaboración das SGR adheridas, que revisarán a documentación achegada polas solicitantes e comprobarán que cumpran as condicións e requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como a execución e cumprimento da finalidade da axuda.

5. Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade de crédito e á SGR, a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

No caso de que a SGR designada solicite o coaval da operación, deberá comunicalo a través da mesma Extranet, indicando o importe da operación a coavalar e a SGR á que solicita o coaval.

As SGR revisarán as solicitudes e a documentación presentada, e comunicarán ao Igape, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude, a través da Extranet de entidades colaboradoras, se reúnen a documentación e requisitos esixidos nas bases, detallando se é o caso a documentación que falta.

6. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se a solicitude non reúne a documentación ou os datos esixidos nestas bases, o Igape requirirá o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta, con indicación de que en caso contrario, teráselle por desistido da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

7. Previa comunicación á SGR da documentación complementaria se é o caso presentada, a SGR remitirá ao Igape validación do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda e a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 25 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, ou se é o caso no prazo dos 10 días hábiles seguintes á comunicación da documentación complementaria, a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

8. A entidade de crédito deberá comunicar a súa decisión sobre a concesión da operación financeira no prazo dos 35 días hábiles seguintes á recepción da solicitude, a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

9. Posteriormente, o Igape remitirá á entidade de crédito, con copia á SGR, a través desta mesma canle, a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña un recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

10. No caso de non recibir resposta da entidade de crédito ou da SGR respecto da autorización da operación nos prazos establecidos, ou se a resposta dalgunha ou de ambas entidades é denegatoria, ordenarase o arquivo do expediente.

11. A verificación polas SGR da documentación presentada coas solicitudes e do cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para a obtención da axuda, así como as comunicacións sobre a concesión da operación polas SGR e as entidades de crédito ao Igape e as verificacións sobre o cumprimento das finalidades da axuda, presentaranse a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

A autorización de acceso á Extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as SGR e as entidades de crédito teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo VI, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade. Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a Extranet de entidades colaboradoras.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, relativos á persoa ou entidade solicitante ou a cada un dos socios da comunidade de bens, se é o caso:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

h) Consulta de concesións pola regra de mínimis da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo III) e achegar os documentos.

3.Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Resolución

1. Unha vez verificado o cumprimento pola solicitude dos requisitos establecidos nestas bases, e comunicada pola SGR e pola entidade de crédito a súa posición, a persoa titular da Dirección da Área de Investimento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe da operación, o seu prazo de vixencia e carencia, así como a axuda en forma de garantía polo reaval que se prestará á SGR e/ou en forma de subsidiación de gastos financeiros.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito conlevará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 7. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. O Igape notificaralle ao solicitante, á entidade de crédito e á SGR a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007. A notificación efectuarase só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses desde a data de presentación completa da solicitude no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da citada Lei 39/2015.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias, e a súa remisión ás entidades de crédito e ás SGR para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade. Cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Igape.

2. De acordo co establecido no artigo 5 do Real Decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado Rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de Datos Nacional de Subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 9. Formalización da operación financeira

1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicarase á SGR e á entidade de crédito a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), de acordo co establecido no artigo 4.9 das presentes bases.

a) A formalización da operación financeira antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión solicitada.

b) No contrato de financiamento formalizado anticipadamente de acordo co previsto no apartado anterior, deberanse mencionar, polo menos, os seguintes extremos: que se presentou a solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste Instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e condicións establecidas na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva denegatoriamente.

c) No suposto de que a resolución de concesión que, no seu caso, se dite, contemple unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberá incluírse un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, no que se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

2. Se a operación financeira se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

3. O prazo máximo para a formalización da operación financeira, ou, no seu caso, para a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape, será de 2 meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizara ou adaptara, ditarase resolución tendo ao solicitante por renunciado e ordenando o arquivo do expediente, salvo que, previa solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da SGR e da entidade de crédito, o Igape autorice a dita prórroga.

4. Non será necesaria a formalización contractual do reaval, abonda para obrigar ao Igape e á entidade beneficiaria do reaval a resolución de concesión e a formalización do aval coa SGR. A póliza de aval que se formalice entre a SGR e a empresa avalada deberá facer constar a existencia do reaval do Igape e as súas características.

Artigo 10. Disposicións

Disporase dos fondos do préstamo para os destinos previstos para cada liña de financiamento no anexo I das presentes bases e especificados na resolución de concesión.

No caso de préstamos, o período de disposición iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización.

Artigo 11. Xustificación

1. Dentro dos prazos previstos para cada liña de financiamento no anexo I, os beneficiarios deberán presentar a xustificación das finalidades ás que foron aplicadas.

Para iso deberán cubrir previamente o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de xustificación, que no caso de subvención de gastos financeiros, será tamén solicitude de cobro.

A solicitude de xustificación presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo IV a estas bases, que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e no cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento realizado para o efecto.

Unha vez xerada a solicitude de xustificación, que no caso das axudas en forma de subsidiación de gastos financeiros será tamén solicitude de cobro, o beneficiario deberá presentala por vía electrónica.

2. Para axudas de importe inferior a 30.000 €, o sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009, incluíndo no formulario de xustificación os datos esixidos no devandito artigo.

O Igape poderá requirirlle aos beneficiarios a remisión dos xustificantes das finalidades dos préstamos seleccionados con base en técnicas de mostraxe, comprobándose para estes efectos polo Igape un mínimo do 10 % dos expedientes.

Cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape procederá a requirirlle aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos, sinalados no anexo I para as distintas liñas de financiamento.

3. Para axudas de importe superior a 30.000 €, e de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, os beneficiarios deberán achegar xunto coa solicitude de xustificación, que no caso de axudas en forma de subsidiación de gastos financeiros será tamén solicitude de cobro, as copias dixitalizadas do contrato de financiamento e da documentación xustificativa relacionada para cada liña de financiamento no anexo I. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

4. Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas de importe inferior seleccionadas en base a técnicas de mostraxe ou nas que non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape remitirá á SGR correspondente os formularios xunto á documentación xustificativa presentada por vía electrónica, a través da Extranet de entidades colaboradoras. As SGR revisarán a documentación xustificativa, e comunicarán ao Igape por vía electrónica, se é o caso, a documentación que falta, así como a validación do grao de cumprimento/non cumprimento da finalidade da axuda, no prazo máximo de 30 días desde a recepción da documentación.

Artigo 12. Pagamento das subvencións dos gastos financeiros

Para as liñas de financiamento do anexo I que contemplen esta modalidade de axuda, unha vez completada a xustificación conforme ao sinalado no artigo 11 anterior, o Igape procederá ao pagamento da subvención dos gastos financeiros a través da entidade de crédito prestamista.

En calquera caso, o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007.

Artigo 13. Procedemento en caso de execución dos reavais do Igape

1. No caso de falta de pagamento por parte do titular do préstamo, e tras un período de 180 días dende o primeiro incumprimento atendido pola SGR, no que, tanto a entidade de crédito como a SGR efectuaran as oportunas xestións para a súa regularización, será suficiente o requirimento escrito da entidade de crédito prestamista á SGR para que esta liquide o capital pendente de amortizar, máis os xuros de mora xerados, calculados a un tipo que non poderá superar en 4 puntos o tipo máximo de xuro se é o caso, establecido no anexo I para a respectiva modalidade de liña de financiamento.

2. A SGR non aboará os xuros de mora se realiza o pagamento dentro do prazo de cinco días hábiles contados desde a notificación do requirimento escrito da entidade de crédito.

3. Unha vez que a operación resultase falida, a SGR deberá comunicar ao Igape tal circunstancia. Logo desta comunicación, o Igape recoñecerá as obrigas de pagamento correspondentes aos falidos comunicados no mes anterior, e procederá no mesmo momento ao pagamento das obrigas recoñecidas, con cargo aos seus propios orzamentos.

4. As SGR obríganse á execución dos bens e dereitos do prestameiro, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape as cantidades que procedan segundo o establecido no apartado seguinte.

5. O Igape participará no recobro da SGR proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, así como nos importes obtidos na transmisión dos bens ou dereitos adxudicados en pagamento de débedas que teñan a súa orixe en operacións reavaladas, xa sexa en virtude de acordos extraxudiciais (dacións en pagamento, cesión de bens, permutas, etc.) ou por procedementos xudiciais.

Ao final de cada exercicio económico, as SGR ingresarán ao Igape, na conta que este designe, os importes que lle correspondan segundo o previsto no parágrafo anterior, con indicación da operación á que corresponde, o importe obtido polo recobro ou pola transmisión así como un detalle do cálculo do importe resultante a ingresar ao Igape.

6. Nas liñas de financiamento recollidas no anexo I nas que o aval da SGR non acade o 100 % do risco, as entidades de crédito obríganse así mesmo á execución dos bens e dereitos do beneficiario, asumindo os gastos do proceso e reintegrando ao Igape proporcionalmente ao risco reavalado, unha vez deducidos os gastos do proceso por ela soportados, nos termos indicados nos anteriores números 4 e 5.

Artigo 14. Información periódica. Custodia da documentación

1. As SGR remitirán trimestralmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras, detallando polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: beneficiario, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión do reaval e/ou subsidiación de gastos financeiros, e a que reflicta as incidencias sobrevidas nas operacións reavaladas e/ou subsidiadas, especialmente, a establecida nestas bases, durante un período de catro anos desde a súa cancelación.

Artigo 15. Modificacións

1. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de xustificación/cobro.

2. O beneficiario da axuda poderá solicitar, de forma motivada, a modificación da resolución con carácter previo á formalización da operación. Unha vez formalizada a operación só se admitiran solicitudes relativas ao troco de titularidade.

3. No caso de que a modificación afecte aos datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación que se dirixirá á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

4. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, poderá acordar as modificacións da resolución nos aspectos tidos en conta para a concesión da axuda relativos ao importe e características do préstamo atendible, importe se é o caso reavalado e titularidade, sempre que a modificación non prexudique a terceiros, e que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de beneficiario deberá acreditarse documentalmente así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados da actuación apoiada e, especificamente, da operación obxecto de axuda. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, xunto co consentimento do anterior beneficiario.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da axuda inicialmente aprobada.

5. No caso de modificacións da operación financeira unha vez formalizada, e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape. Con todo, a SGR e/ou a entidade de crédito deberán comunicar a súa conformidade. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

6. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou beneficiario.

7. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 16. Reintegros, incumprimentos e sancións

1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario do compoñente de axuda en forma de garantía ou subsidiación concedidos con motivo da súa operación de préstamo, xunto cos xuros de mora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento total:

1º. Con carácter xeral, se o incumprimento nos destinos da operación financeira supón un importe atendible inferior ao mínimo establecido nestas bases reguladoras, deberán reintegrarse todas as cantidades abonadas, en concepto de compoñente de axuda de garantía e/ou subsidiación de gastos financeiros, e os seus xuros de mora.

2º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

3º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

b) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro de xeito proporcional aos destinos da operación financeira deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados na resolución de concesión, debendo reintegrarse a cantidade correspondente ao compoñente de axuda en forma de garantía e/ou subsidiación de gastos financeiros, na dita proporción, e segundo os seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base de cálculo da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados inicialmente. Se fora o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do proxecto financiado, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora.

2º. Non manter a vixencia da operación financeira bonificada durante o período inicialmente establecido na escritura de formalización suporá o reintegro do importe correspondente á seguinte gradación:

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o primeiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 90 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o segundo cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 40 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o terceiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 20 % da axuda.

2. Procederá o reintegro, total ou parcial por parte das SGR da compensación devengada ao seu favor segundo o artigo 21 destas bases, no suposto do incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, nas bases reguladoras e no convenio de colaboración, respecto das características e tipo de xuro e comisións da operación de préstamo.

3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009, sendo competente para a súa resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

4. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios, as entidades de crédito e as SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 17. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As SGR e as entidades de crédito poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións do prestameiro.

Artigo 18. Control

Tanto as SGR como as entidades de crédito adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 19. Adhesión mediante convenio de entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca colaboradoras

1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes ás SGR domiciliadas en Galicia e a todas aquelas entidades de crédito que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros para o financiamento das pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co Igape nos seus programas de subsidiación de gastos financeiros de préstamos e créditos e noutros de apoio ao acceso ao financiamento. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas SGR domiciliadas en Galicia e as entidades de crédito que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, estean acreditadas polo Banco de España e dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme ao establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo V a estas bases, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo VII a estas bases, podendo limitarse a adhesión a algunha das liñas de financiamento recollidas no anexo I, en cuxo caso recollerase expresamente.

Artigo 20. Compensación á SGR

O Igape aboará ás SGR colaboradoras neste programa un 5,00 % da contía dos avais subvencionables que presten, e que sexan formalizados conforme ás condicións establecidas nas correspondentes resolucións de concesión, en concepto de compensación económica segundo o previsto no artigo 13.2.m) da Lei 9/2007. As SGR colaboradoras deberán aplicar un mínimo do 50 % do total das compensacións recibidas neste programa ao seu fondo de provisións técnicas. O convenio de colaboración que a tal efecto se subscriba regulará o procedemento de liquidación desta achega.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme á normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados ás entidades de crédito e ás SGR para o estudo da operación financeira.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, no Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013), no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.06.2014), no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013) modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51 do 22 de febreiro de 2019), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

ANEXO I

Modalidades de liñas de financiamento

I1. Préstamos avalados para o crecemento das pemes (Reaval Crecemento).

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos términos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un préstamo a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construcións dos seguintes elementos:

Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: Terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas. Tamén se exclúen os investimentos financeiros.

Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso, e aplicacións informáticas.

Enténdese por capital corrente o pago dos seguintes conceptos de gasto: Pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos; Pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións; Pagamento de nóminas e seguros sociais; Gastos financeiros operativos e Primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa.

Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e é inferior ao custo de bens novos similares.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe do préstamo a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste anexo I.1. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo do préstamo a avalar será de 3 anos e non superior a 10 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:

Tipo de referencia: Será o euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: Será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,5 puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

Se o euribor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

D.4) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

D.5) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración. No caso de operacións por importe superior a 300.000 €, as SGR poderán tomar adicionalmente garantías reais.

E) Xustificación de finalidades.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 11 das bases, deberá presentarse no prazo de 15 días hábiles seguintes ao da disposición final do préstamo. Para o caso das operacións que xa se atopasen dispostas na data de notificación da resolución de concesión, por terse formalizado previamente de acordo co previsto no artigo 9.1 das bases, o prazo de 15 días hábiles comezará o día seguinte ao da recepción da notificación.

Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e o procedemento descrito no artigo 11, deberá achegarse a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Extracto da conta bancaria na que se aboase o importe do préstamo, comprensivo do período comprendido entre a primeira disposición ata a total utilización do saldo disposto para a súa aplicación ás finalidades.

– Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto pagado cos recursos procedentes do préstamo. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

– Nóminas e xustificantes dos importes correspondentes a retencións e ingresos a conta do IRPF e Seguridade Social afrontados co préstamo.

– Xustificantes bancarios de pagamento de todos os gastos e investimentos pagados co préstamo.

– Certificado de taxador independente dos bens de segunda man, no seu caso.

I2. Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial (Reaval Funcionamento).

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata o 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de financiamento concedidas polas entidades de crédito adheridas.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, que non implique a substitución doutro preexistente, nalgunha das seguintes modalidades:

1) Liñas de crédito para o adianto de efectos comerciais e facturas, garantindo o bo fin de letras de cambio, cheques, pagarés, recibos, facturas, certificacións de obra, e demais documentos civís, mercantís e administrativos, que a entidade financeira desconte, negocie ou anticipe e nos que a titular figure como librador ou beneficiario.

2) Liñas de crédito comercio exterior, garantindo o completo pago das obrigas procedentes de operacións de comercio exterior que os titulares contraian coa entidade financeira, tales como créditos documentarios, cartas de crédito, prefinanciamento e financiamento de exportacións, financiamento de importacións, etc.

3) Liñas de xestión do pago das compras ou confirming, anticipando as entidades de crédito os pagos aos provedores.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 600.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste anexo I.2, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 600.000 € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo do aval da SGR contragarantido polo Igape será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia. As liñas de financiamento garantidas pola SGR poderán ser a prazos inferiores renovables.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro das operacións de desconto comercial e confirming con crédito será o que pacten as partes, con un máximo do 4,00 %.

D.4) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

D.5) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 70 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

D.6) Aspectos a recoller no contrato de financiamento.

Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste anexo I.2, deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.

E) Documentación específica a presentar xunto á xustificación.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 11 das bases, deberá presentarse tralo transcurso das dúas primeiras anualidades de vixencia da operación financeira, e ao vencemento final da mesma, en ambos casos no prazo de 15 días hábiles desde a data respectiva.

Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e o procedemento descrito no artigo 11, deberán aportar a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Para as liñas de desconto comercial e factoring: Extracto bancario que relacione a totalidade de documentos anticipados ao titular con cargo á liña de financiamento facilitada, especificando importes, clientes ou librados, data do desconto e data de vencemento.

– Para as liñas de comercio exterior: Extracto bancario que relacione as obrigas contraídas coa entidade por operacións de comercio exterior con cargo á liña de financiamento facilitada, especificando importes, datas da operación, vencementos, conceptos e terceiros beneficiarios.

– Para as liñas de xestión do pago das compras ou confirming: Extracto bancario que relacione os pagos aos provedores confirmados ou anticipados, con indicación de importes, datas da operación, vencementos e terceiros beneficiarios.

I3. Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos (Reaval Garantías).

A) Obxecto.

Favorecer a capacidade das Pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas a conta para instalacións ou subministros.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

As liñas de financiamento acollidas a esta modalidade deberán ser novas e adicionais ás que a titular xa dispoña, excluíndose expresamente a substitución de liñas preexistentes coa mesma finalidade.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata o 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos términos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos Decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de avais concedidas polas entidades de crédito adheridas ou nas liñas de avais prestados polas SGR directamente ante terceiros.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado no que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe da liña de financiamento a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado I3. do presente anexo I, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

D.2) Prazo.

O prazo mínimo e vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos, sen contemplarse a posibilidade de prórroga na vixencia.

D.3) Comisións.

As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

As restantes comisións vinculadas ás operacións serán as pactadas polas partes.

D.4) Garantías.

Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de créditos adheridas ao convenio, en contragarantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

A garantía a favor das entidades de crédito ou dos terceiros será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

D.5) Aspectos a recoller no contrato de financiamento.

Ademais do recollido no artigo 9, para os contratos de financiamento recollidos neste anexo I.3, deberá figurar que o financiamento outorgado é adicional aos riscos previamente asumidos pola entidade financeira co titular, e que non suporá a cancelación doutros contratos de financiamento preexistentes coa mesma finalidade.

E) Documentación específica a presentar xunto á xustificación.

A xustificación de finalidades prevista no artigo 11 das bases, deberá presentarse tralo transcurso das dúas primeiras anualidades de vixencia da operación financeira, e ao vencemento final da mesma, en ambos casos no prazo de 15 días hábiles desde a data respectiva.

Para axudas de importe superior a 30.000 €, e para aquelas que resultando de importe inferior non se acade evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, coa forma e o procedemento descrito no artigo 11, deberán aportar a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Documento bancario ou da SGR que relacione as garantías ante terceiros outorgadas pola entidade, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, con indicación de datas de emisión, datas de vencemento, importes, e terceiros beneficiarios.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas

Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (Financiamento Igape-Pemes)

Cooperativas de crédito

Bancos

SGR

– Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega

– Abanca Corporación Bancaria, S.A.

– Banco de Sabadell, S.A.

– Bankinter, S.A.

– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

– Banco Santander, S.A.

– Caixabank, S.A.

– Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, S.G.R.)

– Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, S.G.R.)