Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2020 Páx. 9973

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2020 pola que se notifican as resolucións das solicitudes de axudas de pagamento a zonas con limitacións naturais en áreas de montaña (submedida 13.1) e en áreas distintas de montaña (submedida 13.2), cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), reguladas na Orde do 22 de xaneiro de 2019.

A Orde do 22 de xaneiro de 2019 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro), prevé no seu artigo 28 que a notificación das resolucións se poderá realizar mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga ás listaxes das resolucións das solicitudes das liñas de axudas reguladas no artigo 2.2, parágrafo f), da Orde do 22 de xaneiro de 2019 citada.

Na web publicaranse as listaxes de concesión e de denegación das liñas de axudas de pagamento a zonas con limitacións naturais, con indicación das persoas beneficiarias, o importe, de ser o caso, e as causas de denegación.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/.

Estas axudas son cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas no portal de axudas PAC as resolucións completas das solicitudes das liñas de axudas citadas no punto primeiro desta resolución.

O acceso ao dito portal poderá realizarse a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac.

Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución individualizada mediante certificado dixital ou DNI-e (DNI electrónico) ou co emprego da Chave365. A información sobre a forma de alta da Chave365 atópase na ligazón que se indica a seguir:

https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365.

Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga, no prazo dun mes desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria