Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2020 Páx. 10350

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 16/2020, do 30 de xaneiro, polo que se declara ben de interese cultural a Terraza de Sada (A Coruña).

A Terraza de Sada é un pavillón modernista comezado a construír en 1912 no recheo do paseo de Méndez Núñez na Coruña, sobre un deseño probablemente do arquitecto Antonio López Hernández, destinado a quiosco dos xardíns. Foi trasladado, entre os anos 1919 e 1920, á praia urbana da vila de Sada para continuar coa mesma función de servizo hostaleiro e recreo. Construído principalmente en madeira e vidro, coas formas e cores do modernismo, profuso en adornos xeométricos estilizados e voluptuosos, ten desde a súa orixe un concepto esvelto, lixeiro, aberto e luminoso, favorecido polo carácter efémero e flexible, do cal é proba a súa propia biografía.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da devandita lei indícase que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 88.1.e) da devandita lexislación autonómica recoñece a importancia e significación dentro do patrimonio arquitectónico dos edificios relevantes da arquitectura modernista e da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos.

A Terraza de Sada evidencia os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial e construtivamente, a súa singularidade estética e a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa, polo que resulta un ben sobranceiro do patrimonio cultural galego.

Os procedementos para o recoñecemento do seu valor remóntanse a máis de 40 anos e as diferentes consideracións e valoracións que sufriu ao longo do tempo son tamén o reflexo da evolución dos conceptos do patrimonio cultural e dos procesos da súa valoración.

Á vista do anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural, pola Resolución do 20 de febreiro de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 73, do 16 de abril, e abriuse un período de exposición pública no cal se presentaron catro alegacións.

As propostas das alegacións así como do informe dos órganos consultivos foron analizadas, valoradas e, nalgúns aspectos, tomadas en consideración total ou parcialmente para a proposta de declaración definitiva, en especial, no referido á identificación gráfica do ben, ás cuestións relativas á súa protección e conservación, así como aos elementos de interese para a valoración dos usos actuais e futuros do inmoble.

Todas as alegacións e os informes de órganos consultivos aceptan e comparten a xustificación do recoñecemento e do valor cultural da Terraza de Sada e, polo tanto, a súa declaración como ben de interese cultural. Algunha delas solicita ampliar o contorno de protección cara á ría, o que non se considera xustificado xa que este contorno xa está definido cunha amplitude suficiente para garantir a conservación e interpretación do ben e é coherente co réxime urbanístico vixente.

Así mesmo, solicítase que se inclúan nas previsións de análise o efecto do tráfico na súa conservación e o estudo de alternativas que melloren as súas condicións de protección e as características dos seus elementos orixinais, engadidos e potencialidades referidas ao uso.

Na tramitación do expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural o inmoble denominado a Terraza, no concello de Sada (A Coruña), conforme o descrito no anexo I deste decreto.

Segundo. Réxime de protección

1. Declárase ben de interese cultural a Terraza de Sada, como ben inmoble coa categoría de monumento, como parte integrante do patrimonio arquitectónico cun nivel de protección integral e suxeito ao réxime de protección recollido no anexo II deste decreto.

2. Para a súa conservación e para a determinación das prioridades e criterios de intervención establécese a necesidade de elaborar un proxecto ou plan integral de conservación do monumento, que se axustará ao contido e ás condicións descritas nos anexos deste decreto.

Terceiro. Delimitación e contorno de protección

1. A delimitación do monumento corresponde coa parcela catastral do edificio da Terraza cuxa referencia, segundo os datos da sede electrónica do catastro, é a 0702901NJ6000S0001MP.

2. O contorno de protección defínese de forma expresa por unha liña adaptada ás condicións da súa implantación e descríbese graficamente no número 2 do anexo III deste decreto.

Cuarto. Inscrición

Ordenar a inscrición desta declaración no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlla ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Quinto. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Sexto. Notificación

Este decreto, polo que se declara ben de interese cultural a Terraza de Sada, notificarase aos titulares do inmoble, ao departamento responsable da xestión do dominio público marítimo-terrestre, ao Concello de Sada e ás persoas interesadas identificadas no expediente.

Sétimo. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Incorporación ao planeamento municipal

A entrada en vigor deste decreto obriga o Concello de Sada a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e engadir as determinacións específicas para a súa protección e conservación, nas condicións establecidas no artigo 35.5 e na disposición transitoria cuarta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación:

A Terraza de Sada.

2. Localización:

Inicialmente construída nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña no ano 1912, foi trasladada en 1921 á vila de Sada.

• Lugar: avenida da Mariña, 15, 15610 Sada.

• Parroquia: Santa María de Sada.

• Concello: Sada.

• Provincia: A Coruña.

• Coordenadas centrais UTM ETRS89 FUSO 29: X: 560.559 Y: 4.800.048.

• Referencia catastral: 0702901NJ6000S0001MP.

3. Características xerais.

A Terraza é un pavillón modernista comezado a construír en 1912 no recheo do paseo de Méndez Núñez na Coruña, sobre un deseño probablemente do arquitecto Antonio López Hernández, destinado a quiosco dos xardíns.

Foi trasladado, entre os anos 1919 e 1920, á praia urbana da vila de Sada para continuar coa mesma función de servizo hostaleiro e recreo.

Construído principalmente en madeira e vidro, coas formas e cores do modernismo, profuso en adornos xeométricos estilizados e voluptuosos, ten desde a súa orixe un concepto esvelto, lixeiro, aberto e luminoso, favorecido polo carácter efémero e flexible, do cal é proba a súa propia biografía. Inicialmente construíuse nun dos dous espazos de concesión do paseo en planta baixa, pasando enseguida a entoldar a planta alta ante o aumento do número dos seus usuarios.

A ampliación dos períodos de concesión municipal animou no seu día a investir en instalacións actualizadas e modernas, tendo en conta a necesidade de competir comercialmente polos clientes con outros establecementos localizados en paralelo.

A linguaxe arquitectónica empregada combina a versatilidade dun espazo diáfano co emprego dun estilo radical, urbano e actual, enlazado coa tendencia europea da época e co claro obxectivo de diferenciarse da arquitectura histórica e a institucional que arremedaba o seu aspecto de forma ecléctica.

O edificio, con este carácter vivo e dinámico, evolucionou para adaptarse á transformación dos usos e das expectativas dos seus xestores. De tal forma que, desde o modelo sinxelo de planta baixa e azotea aberta, pasou a cubrir a planta alta cun suxerente salón de baile diáfano duns 150 m2, rodeado de paneis acristalados de cores vivas.

Para o seu traslado a Sada construíuse un soto sobre o cal apoialo na daquela superficie areosa e modificáronse algúns aspectos, como a instalación dun espazo para cociña e aseos nun módulo traseiro ou a reforma do sistema de acceso, que mudou a un único espazo central cuberto; a supresión das escaleiras exteriores e a introdución dunha escaleira interior tamén na posición central. Ademais destas modificacións espaciais e funcionais, tamén o paso do tempo derivou nalgunhas intervencións de carácter pragmático, tanto en entrepanos e cores de acabamento como en reparacións puntuais que tiñan por obxecto prolongar a súa vida, ben que desde premisas máis utilitaristas e económicas, sen referencias reais ao concepto artístico e arquitectónico orixinal.

Todas estas modificacións, con independencia de que transforman o proxecto e concepto orixinal, non deturpan os seus valores e a súa singularidade.

Os quioscos resultaban instalacións innovadoras tanto na tipoloxía arquitectónica, construtiva e funcional coma ornamental, e proba da súa axeitada aposta e risco é a pervivencia ata os nosos días dun exemplo do que desapareceron case todos os seus semellantes, ata que a propia Terraza sexa xa un supervivente único e singular nos nosos días.

4. Valoración cultural.

Os valores propios do inmoble, a súa singularidade, o seu percorrido histórico e as súas características artísticas e arquitectónicas, ademais dos seus valores identitarios e materias que non só a fan recoñecible senón que exemplifican un desexo social de pertenza e recoñecemento, aconsellan o seu estudo desde a perspectiva do recoñecemento dun valor sobranceiro no ámbito do patrimonio cultural galego.

A Terraza de Sada é un ben sobranceiro de Galicia polos seus valores culturais e representa un caso único de conservación dos inmobles desta tipoloxía e función na Comunidade Autónoma. No aspecto histórico destaca por ser unha tipoloxía orixinal creada nos primeiros anos do século XX, pola novidade que supuña para unha sociedade urbana o uso de espazos públicos relacionados co cambio radical da estrutura da cidade, das comunicacións e dos estándares da calidade de vida, que ademais sobreviviu á desaparición case que absoluta dos seus coetáneos, dos cales existiron numerosos exemplos que, cunha vida efémera, non chegaron na maior parte dos casos aos nosos días.

Tamén destaca polos valores arquitectónicos e artísticos, pola calidade do deseño, os espazos de uso diáfanos, claros e vivos, tinguidos de cores e de elementos ornamentais cunha xeometría sensual e acolledora, calidade e calidez reforzada polo exercicio artesanal da produción das pezas con que está construído.

Finalmente poden destacarse valores etnolóxicos por resultar un exemplo singular, recoñecible e apreciado do pobo de Sada e en Galicia en xeral, tanto no referido ao seu uso hostaleiro como o propio cultural, punto central do modernismo entendido como un sinal identitario, e en proceso de recuperación con actividades lúdicas e culturais periódicas en que a Terraza é o punto central e máis coñecido.

En conxunto resulta un ben senlleiro, exemplo dunha arquitectura recreativa e urbana ligada ao ocio público e ás actividades culturais cunha fermosa e delicada formalización, sensible e cálida, recoñecida popularmente e cun grande aprecio a nivel social, por representar un momento histórico concreto asociado á vida social da Coruña e, principalmente, de Sada e referente na súa evolución urbana.

5. Estado de conservación.

O estado de conservación da Terraza de Sada é precario, en especial no relativo aos seus elementos compositivos e ornamentais, e ben que se mantén en condicións de poder ser usado, precisa dunha restauración acaída que poida mesmo recuperar aspectos de cor e deseño dos cales se conservan os datos orixinais. As actuacións máis recentes non corresponden cos sistemas e materiais adecuados para os materiais orixinais, e a lixeireza e a funxibilidade supoñen un maior risco de deterioración. Moitas actuacións previas xa modificaron, como non podía ser doutra forma nun ben desta natureza, os seus acabamentos e mesmo os seus elementos ornamentais. Porén, algún deles debería ser obxecto de completa revisión ou substitución no marco dun proxecto de restauración complexo.

Á vista de tales circunstancias, considérase que o ben require da elaboración dun proxecto ou plan integral de conservación, na medida en que se prevexa a futura xestión do inmoble, localizado en dominio público.

Xúlgase que podería ser factible e beneficioso revisar, no marco dos devanditos proxectos, a posibilidade de incorporar outros usos que colaboren ao seu sustento e uso entre a comunidade, tal e como o requirira o Concello de Sada en 1982, e contribúan ao seu recoñecemento. O devandito plan deberá conter entre os seus contidos a análise e valoración dos seguintes aspectos:

• A descrición da historia do monumento, da súa formalización arquitectónica e da súa influencia na vida local e cultural.

• A valoración concreta de elementos orixinais e engadidos, así como os que poidan deturpar o seu valor cultural.

• O estado de conservación e os criterios para a conservación preventiva.

• As necesidades de intervención e os criterios para a elección de materiais, sistemas construtivos, instalacións e acabamentos.

• A localización e a ordenación do seu contorno.

• O tráfico e as medidas para reducir o seu impacto sobre o ben e para a súa apreciación.

• Os usos e a súa compatibilidade coa súa protección e conservación e as necesidades derivadas das súas concretas condicións funcionais e normativas.

• Os criterios xerais para a súa interpretación e difusión dos seus valores.

6. Uso.

O uso orixinal e actual é o de hostalaría, e outros complementarios relacionados co lecer e a cultura. Crese apropiada a continuidade destes usos para a súa interpretación adecuada como a mellor forma de manter a súa autenticidade.

Os usos culturais ou de actividades de lecer que sexan compatibles coa conservación da súa distribución e características espaciais e construtivas tamén se consideran apropiados e enriquecen a posibilidade de acceso a unha pluralidade de persoas interesadas.

O PXOM vixente no termo municipal de Sada, que inclúe a Terraza no seu Catálogo de protección do patrimonio cultural, recolle a cualificación como sistema xeral de equipamento sociocultural. A inclusión dun equipamento podería supor a necesidade de garantir uns requirimentos específicos en materia de accesibilidade e seguridade que poderían ter solucións complicadas ou de difícil integración nunha edificación das características da Terraza; a introdución de calquera uso que non sexan os actuais deberá analizarse e avaliarse no contexto do desenvolvemento dun plan director ou proxecto integral de conservación.

En calquera caso, a consideración da planificación urbanística debe ser adaptada aos valores culturais recoñecidos coa declaración segundo o recollido na disposición derradeira segunda deste decreto.

ANEXO II

Réxime de protección

1. Natureza e categoría.

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Patrimonio específico: patrimonio arquitectónico. Arquitectura civil.

• Adscrición cultural: modernismo.

• Nivel de protección: integral.

2. Réxime de protección.

O réxime de protección será o establecido nos capítulos I ao III do título II e os capítulos I e V do título III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección e que, en concreto, poden resumirse nas seguintes obrigas:

• Deber de conservación: conservar, manter e custodiar debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. O acceso por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición da propiedade, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as dúas partes, non poderá exceder os dous meses cada cinco anos.

• Deber de comunicación: comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: permitir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. Poderase acordar como obriga substitutiva o depósito do ben nun lugar que reúna as condicións adecuadas de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Dereito de tenteo e retracto: notificar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de gozar do ben, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento.

• Uso: en calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

ANEXO III

Delimitación do ben e do seu contorno de protección

1. Delimitación do ben.

O ámbito proposto do inmoble como ben de interese cultural correspóndese coa parcela catastral do edificio da Terraza cuxa referencia, segundo os datos da sede electrónica do catastro, é a 0702901NJ6000S0001MP; sinálase en vermello no plano que se xunta.

2. Contorno de protección.

O contorno de protección do ben queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais ou rúas polas que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría adxunta. O perímetro queda definido pola liña que une os puntos A-B-C-D-E, sinalado en azul no plano que se xunta, segundo a descrición literal da resolución de incoación do procedemento.

missing image file

Coordenadas UTM ETRS89 Fuso 29

Punto

X

Y

Terraza

560.559

4.800.048

A

560.506

4.800.090

B

560.548

4.799.979

C

560.579

4.799.989

D

560.641

4.799.972

E

560.569

4.800.117