Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2020 Páx. 10905

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica, convocado mediante a Resolución do 3 de maio de 2019.

A base 8.1.4 da Resolución deste centro directivo, do 3 de maio de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 92, do 15 de maio), pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso, entre outras, na categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e na data que se fixen nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa dita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso na categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica, convocado mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 3 de maio de 2019, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data, hora e lugar que a seguir se indican:

Data: 1 de marzo de 2020.

Hora: 9.30 horas.

Lugar: recinto da Feira Internacional de Galicia; avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de Emprego Público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Cada aspirante deberá consultar, con carácter previo, a porta de acceso que lle corresponde.

Os/as aspirantes que teñan autorizada polo órgano de selección unha adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios accederán ao recinto pola porta 0.

Terceiro. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Cuarto. Os/as aspirantes serán convocados/as nun único chamamento para a realización de todos os exercicios que integran a fase de oposición e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

No marco das previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitiralles ás mulleres embarazadas ou que desen a luz, e que por estes motivos estean ingresadas o mesmo día do exame, que realicen os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará a un centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia unha delegación do tribunal que lles permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que puxesen en coñecemento do órgano convocante, cunha antelación mínima de 72 horas á data de realización do exame, a situación de embarazo e a súa vontade de realizar a proba no centro sanitario para o suposto de estar ingresadas na data da súa realización e cando se recibisen na Dirección Xeral de Recursos Humanos comunicación e xustificación do seu ingreso en centro hospitalario por tal motivo con anterioridade á realización dos exercicios.

Por razóns temporais e organizativas, unicamente serán atendidas as solicitudes de desprazamento a centro sanitario pola causa exposta que consten debidamente xustificadas na Dirección Xeral de Recursos Humanos cunha antelación mínima de cinco horas á publicada no Diario Oficial de Galicia como hora de inicio das probas.

Para os efectos desta base, só se admitirá como medio válido de comunicación o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

Quinto. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria; queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos e constituirá causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida destes dispositivos.

Así mesmo, non se permitirá o acceso ao interior do recinto de realización das probas con mochilas nin maletas.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos