Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13168

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas (código de procedemento SI447A).

BDNS(Identif.): 496593.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta convocatoria as mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.

b) Non convivir con parella afectiva.

c) Estar empadroadas e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

d) Que os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente, nos seis meses anteriores á data de presentación da solicitude.

e) Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

2. Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambas incluídas, na data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

Estas axudas, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto proporcionarlles ás persoas beneficiarias citadas no punto anterior estadías de tempo libre, que se desenvolverán preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro, incluíndo servizos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias, que serán gratuítos para as persoas beneficiarias, cun máximo de 90 prazas. A súa finalidade é facilitarlles un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2020 o programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas (código de procedemento SI447A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de setenta e dous mil seiscentos euros (72.600 €) para a adquisición dos servizos precisos para facela efectiva, por medio dun procedemento público de contratación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade