Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13406

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca o Programa de escolas abertas destinado a persoas directivas e responsables de impartir docencia nas entidades galegas para o ano 2020 (código de procedemento PR923E).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por persoas galegas, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer das persoas galegas residentes fóra de Galicia e dos seus descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

A preservación das comunidades galegas asentadas fóra do territorio de Galicia, en canto exalten a nosa lingua, tradicións, o noso folclore e a nosa historia, é unha tarefa fundamental da Secretaría Xeral da Emigración por canto, tales actos, que permiten o mantemento dos lazos culturais e sociais da colectividade galega no exterior coa Galicia territorial, son a expresión mesma da galeguidade, tal e como se entende na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Para dar cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, por medio desta resolución esta secretaría xeral convoca e regula o Programa de escolas abertas 2020 destinado a persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior e a persoas galegas residentes fóra de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos a persoal directivo e docente das entidades galegas do exterior.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2020, código de procedemento PR923E.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para este programa as persoas responsables de impartir docencia naquelas entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Poderán solicitar participar neste programa aquelas persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas:

a) Que teñan constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade solicitada cunha actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.

b) Aquelas entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.

c) No caso de persoas que soliciten participar no obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos.

2. Persoal directivo das entidades galegas do exterior.

Para a modalidade de formación de persoal directivo, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que pertenzan á xunta directiva daquelas entidades galegas que, no Rexistro da Galeguidade, estean inscritas na Sección de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que colaboren no exterior coa Secretaría Xeral da Emigración nun programa que esta xestione en materia de xuventude.

As persoas solicitantes desta modalidade deberán ter unha idade comprendida entre os 21 e 35 anos, e formar parte da xunta directiva da entidade no último ano, cando menos, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Persoal de cociña das entidades galegas do exterior xestionen directamente a súa cociña/comedor.

Para a modalidade de formación de persoal de cociña, poderán ser beneficiarias aquelas persoas que traballen na cociña ou comedor das entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade nas seccións de comunidades galegas, centros colaboradores ou federacións de entidades e que xestionen directamente ou teñan arrendada ou cedida a un terceiro a xestión da cociña/comedor.

4. Non poderán ser beneficiarias dos distintos obradoiros as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no Programa de escolas abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así for, quedarán excluídas.

Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas solicitantes que exerzan o seu labor docente ou pertenzan a entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas solicitantes deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 para solicitar os obradoiros de especialización de docentes de gaita, baile, percusión, canto popular e pandeireta tradicionais galegas, de confección de traxe tradicional e de cociña galega. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Características do programa

As distintas actividades que se desenvolverán no programa consistirán na organización e participación en obradoiros de especialización de:

– Gaita tradicional galega.

– Baile tradicional galego.

– Percusión tradicional galega.

– Canto popular e pandeireta.

– Confección de traxe tradicional galego.

– Formación de persoal directivo.

– Cociña galega.

Estes obradoiros terán as seguintes características comúns:

– Formación intensiva, de carácter participativo, cunha duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas.

– A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades.

– Cada alumno deberá vir provisto dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros de carácter cultural.

– O lugar de celebración, o número de prazas de cada obradoiro por país, o desenvolvemento de cada unha das modalidades e a non realización dos obradoiros que non acaden un número mínimo de oito (8) solicitudes establecerase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. Así mesmo, no caso de que o número de solicitudes presentadas para algún dos obradoiros sexa elevado, poderase determinar a realización de máis dun obradoiro nalgunha das modalidades.

Artigo 4. Prazas e datas de realización

1. O número de prazas ofertadas ascende a un total de 90, distribuídas do seguinte xeito:

– Área 1 (países europeos): 20 prazas.

– Área 2 (países do resto do mundo): 70 prazas.

As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar á outra área, de haber nela solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa.

Para o obradoiro de formación de persoal directivo, de haber suficientes solicitudes admitidas, reservarase o 70 % das prazas para mulleres.

2. Os obradoiros desenvolveranse preferiblemente na cidade de Ourense durante o mes de xullo do ano 2020.

Aquelas persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia unha vez finalizadas as actividades, ata completar un período aproximado de trinta (30) días desde o remate da actividade, deberán asumir todos os gastos desta prórroga.

A persoa que desexe prorrogar a súa estadía en Galicia segundo os termos anteriormente indicados, deberá reflectilo na solicitude de participación no programa cubrindo o recadro correspondente.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade

1. Financiamento.

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos gastos necesarios para a organización e o desenvolvemento dos obradoiros programados dentro do Programa de escolas abertas 2020.

Igualmente, farase cargo da organización e do custo da estadía e da viaxe de ida e volta dos participantes desde os seus países ou comunidades de residencia ata o lugar onde se desenvolvan os obradoiros.

3. Compatibilidade.

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Para os obradoiros de gaita, baile, percusión, canto e confección de traxe:

a) Documento identificativo da persoa solicitante no caso de non dispor de DNI ou NIE. Si se dispón de DNI ou NIE só se achegará no caso de opoñerse a súa consulta no anexo I segundo o disposto no artigo 9 da resolución.

b) Unha fotografía recente tamaño carné.

c) Documentación identificativa da entidade en que exerce as súas funcións.

d) Ficha da entidade colaboradora que certifica, segundo o modelo do anexo II.

e) Unha declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a ensinar e aplicar os coñecementos adquiridos no seo da entidade en que imparte ensino durante, como mínimo, dous anos, incluída no anexo I.

f) Breve currículo da persoa aspirante, con especial referencia aos grupos ou escolas en que impartiu docencia, os coñecementos e o nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións etc., na materia obxecto do obradoiro.

g) Para os obradoiros de gaita, baile, percusión e canto popular e pandeireta: unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD...) da modalidade solicitada que non exceda os catro (4) minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de canto e baile, a gravación deberá ser solista.

h) Certificación da entidade do nome da escola ou grupo e do número de alumnos que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo IV.

i) Para o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, certificación da entidade na cal acredite a experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego e, de ser o caso, copia do título oficial de corte e confección.

Así mesmo, deberá presentar unha certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos, segundo o modelo que figura como anexo III.

2. Para o obradoiro de formación de persoal directivo das entidades galegas deberase achegar a seguinte documentación:

a) Certificación de que a persoa solicitante leva pertencendo á xunta directiva da entidade durante o ano anterior á data da convocatoria incluída no anexo II.

b) Acta da entidade na cal apareza o seu nomeamento como membro da xunta directiva na cal exerza as funcións directivas.

c) Breve currículo da persoa aspirante, con especial referencia á formación académica e á experiencia de xestión da entidade galega que certifica.

d) Para aquelas persoas que soliciten esta modalidade e que colaboren coa Secretaría Xeral da Emigración nun programa que esta xestione en materia de xuventude, abondará con que acrediten tal colaboración.

e) A recollida nas alíneas a), b), c), d) e e) do número 1 deste artigo.

3. Para o obradoiro de cociña galega deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Unha declaración da persoa aspirante pola cal se compromete a incluír no menú da entidade todos ou parte dos pratos aprendidos, incluída no anexo I.

b) Breve currículo con especial referencia á súa experiencia como cociñeiro/a.

c) Certificación da entidade na cal acredite a experiencia na súa cociña durante polo menos un ano anterior á data da convocatoria (anexo II) e, de ser o caso, copia dalgún título oficial de cociña.

d) Certificado da entidade de que xestiona directamente a cociña e comedor do centro ou que ten arrendada ou cedida a xestión da cociña e comedor do centro a unha empresa privada ou terceira persoa segundo anexo V.

e) A recollida nas alíneas a), b), c) e d) do número 1 deste artigo.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

O material audiovisual poderase presentar nos seguintes formatos de uso común: mp4, avi, mov ou wmv e non pode superar os 12 MB.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento PR923E consultarase automaticamente o DNI/NIE da persoa solicitante, de ser o caso.

Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado que estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración e que avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe no cal se concretará o resultado da avaliación.

3. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que estas reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de corenta (40) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

4. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), formule as alegacións ou achegue os documentos preceptivos que considere oportunos para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistida da súa petición e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

5. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal).

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web (https://emigracion.xunta.gal), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

7. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no que se concrete o resultado da avaliación. Este órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración e avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución.

2. Unha vez examinados os expedientes e elaborado o informe, elevarao ao órgano instrutor para que formule a proposta de resolución.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano avaliador, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada que se lles notificará ás persoas interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de dez días presenten as alegacións oportunas, de ser o caso.

Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polas persoas interesadas. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polas persoas interesadas, formularase a correspondente proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e esta resolución publicarase na páxina web (https://emigracion.xunta.gal).

Artigo 12. Criterios de selección

Os criterios de valoración serán os seguintes:

1. Calidade técnica:

a) Obradoiros de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega.

A calidade técnica da gravación valorarase ata un máximo de 60 puntos distribuídos do seguinte xeito:

a.1) No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega:

– Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

– Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

– Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

a.2) No caso do obradoiro de baile tradicional galego:

– Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 20 puntos.

– Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

Non se admitirán solicitudes que, ao criterio das persoas técnicas encargadas de valorar as gravacións presentadas, non acaden un nivel técnico suficiente para participar no correspondente obradoiro, e pódese establecer unha puntuación mínima para poder participar nos obradoiros.

b) Obradoiro de confección de traxe tradicional galego. Valorarase cun máximo de 40 puntos de conformidade cos seguintes criterios:

– Estar en posesión do título oficial de corte e confección: 20 puntos.

– Ter experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego, debidamente certificado pola entidade galega: 20 puntos.

c) Obradoiro de formación de persoal directivo ata un máximo de 13 puntos:

c.1) Categoría da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante:

– Comunidade galega: 5 puntos.

– Centro colaborador: 3 puntos.

– Federación: 2 puntos.

c.2) Número de socios da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante: ata 5 puntos.

c.3) Ter a condición de presidente, vicepresidente, tesoureiro ou secretario da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante: ata 3 puntos.

d) Obradoiro de cociña galega ata un máximo de 19 puntos:

d.1) Categoría da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante:

– Comunidade galega: 5 puntos.

– Centro colaborador: 3 puntos.

– Federación: 2 puntos.

d.2) Número de socios da entidade galega no exterior a que pertence a persoa solicitante: ata 5 puntos.

d.3) Pola situación xurídica da cociña e comedor na entidade galega:

– Entidades que xestionan directamente a cociña e comedor do centro: 9 puntos.

– Entidades que teñen arrendada ou cedida a xestión da cociña e comedor do centro a unha empresa privada ou terceira persoa: 1 punto.

– Entidades sen cociña nin comedor: 0 puntos.

2. Persoas alumnas solicitantes que non participasen nas catro últimas edicións de calquera destes programas: 20 puntos.

No caso de empate, resolverase en primeiro lugar en favor de quen non participase no programa. De persistir o empate, resolverase en favor de quen leve máis anos sen participar. Por último, de persistir o empate, resolverase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, comezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra que resulte do sorteo anual que corresponda para a actuación dos aspirantes nos procesos de selección para o ingreso na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas, de persoas responsables de impartir docencia nas entidades galegas do exterior, procederase a adxudicar a praza vacante á seguinte candidata segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración e que pertenza a unha entidade do mesmo país e, se non for posible, do mesmo continente.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución deste procedemento será ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e publicada na páxina web http://emigracion.xunta.gal

A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

2. O prazo máximo para resolver e notificar esta convocatoria será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

4. A presentación de solicitudes supón a autorización para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo I se inclúe unha manifestación da persoa solicitante neste sentido.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Obrigas, seguimento e control

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa, no caso de concesión.

2. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no eexercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias destes programas estarán obrigadas a:

a) Participar e asistir a todas as horas de formación das actividades para as cales foron seleccionadas.

b) Cumprir as normas ditadas pola Secretaría Xeral da Emigración para o normal desenvolvemento do programa, así como aquelas de réxime interno do centro residencial onde se celebre o Programa de escolas abertas.

c) As persoas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar á Secretaría Xeral da Emigración, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Secretaría Xeral da Emigración das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo as funcións de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas solicitantes prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

5. O falseamento de datos ou da documentación presentada, así como o incumprimento das súas obrigas, comportará a súa exclusión do programa así como da participación en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro.

6. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei. O incumprimento das obrigas nos números 2, 3 e 4 deste artigo suporá o reintegro do 100 % da subvención.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio dos poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Os datos das persoas beneficiarias da subvención incorporaranse ao Rexistro Público de Subvencións da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderase interpor desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file