Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13494

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2020 pola que se convoca o curso monográfico Coeducación emocional: a educación emocional como ferramenta para promover a igualdade.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Coeducación emocional: a educación emocional como ferramenta para promover a igualdade, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Como principais obxectivos deste curso poden destacarse os seguintes:

• Dotar o alumnado dos coñecementos, competencias e aptitudes necesarias para coeducar (educar en igualdade), así como afrontar o desenvolvemento de programas de formación en igualdade de xénero.

• Contextualizar a igualdade no marco socioeducativo, destacando ferramentas e accións adoptadas no relativo á igualdade de xénero e oportunidades.

• Fomentar o emprego de ferramentas propias da educación emocional aplicadas á educación en igualdade e á prevención da violencia de xénero, alentando as competencias socioemocionais como chave para o igual desenvolvemento de homes e mulleres.

2. Contidos.

Os temas principais que se van tratar neste curso poden distribuírse nos seguintes bloques e sesións:

– Bloque 1. Introdución. A construción socioeducativa da igualdade.

• Socialización, transmisión de valores e estereotipos e igualdade.

• Ferramentas para coeducar e construír en igualdade.

– Bloque 2. Estratexias e ferramentas prácticas de aplicación da educación emocional á promoción da igualdade.

• Educar en autocoñecemento e autoestima: sentirse iguais.

• Empatía e respecto: ser iguais.

• Estratexias para a resolución de conflitos como ferramenta para previr situacións de violencia.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus entes instrumentais e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2, 4. Santiago de Compostela.

Datas: 9, 10, 16, 17 e 18 de marzo de 2020.

Horario: das 16.30 ás 19.30 horas.

Horas lectivas: 15.

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 2 de marzo de 2020.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderá realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no punto segundo, 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008, pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización; nese caso empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública