Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 28 de febreiro de 2020 Páx. 13906

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 24 de febreiro de 2020 pola que se modifica o prazo de presentación das solicitudes previsto na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B).

A Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, establece no artigo 20 que o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 28 de febreiro de 2020.

E ante a petición de diferentes colectivos da necesidade de prolongar o dito prazo debido á complexidade da documentación necesaria para solicitar estas axudas, que pode impedir que os solicitantes poidan tramitar correctamente as oportunas solicitudes, cómpre ampliar o devandito prazo de solicitudes.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de solicitude da axuda

Amplíase ata o 31 de marzo de 2020 (incluído) o prazo de presentación das solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural