Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 2 de marzo de 2020 Páx. 14098

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de febreiro de 2020 pola que se desenvolve a tramitación electrónica dos alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo (código de procedemento MR612A).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da Administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia. Con ela dáse continuidade ao recoñecemento legal do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración por medios electrónicos, que xa realizaba a actualmente derrogada Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG número 159, do 18 de agosto de 1998, abrangue como ámbito de aplicación o alleamento madeireiro dos aproveitamentos en montes propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e naqueles suxeitos a consorcio ou convenio coa Xunta de Galicia.

A Orde do 8 de setembro de 1998, publicada no DOG número 180, do mércores 16 de setembro de 1998, desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 12 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece que as administracións públicas deberán garantir que as persoas interesadas se poden relacionar coa Administración a través de medios electrónicos, para o que porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e aplicacións que, en cada caso, se determinen. No seu artigo 14 indica aqueles suxeitos obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, entre os cales se atopan as persoas xurídicas. En adición, e consonte o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, tamén estarán obrigados a relacionarse do mesmo xeito as persoas traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.

De acordo co establecido no artigo 66 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando a Administración nun procedemento en concreto estableza expresamente modelos específicos de presentación de solicitudes, estes serán de uso obrigatorio por parte das persoas interesadas.

Desta maneira é necesario implantar nos procedementos de alleamento de madeira establecidos no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, a súa tramitación por medios exclusivamente electrónicos, dado que as persoas licitadoras nos ditos procedementos son persoas xurídicas ou persoas traballadoras autónomas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.10 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Medio Rural en materia de montes e aproveitamentos forestais e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é regular o procedemento de tramitación electrónica para o alleamento dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia regulados polo Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde aplicarase aos alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes de participación, correspondentes ao sobre A, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do anexo I –formulario normalizado– dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a oferta económica, correspondente ao sobre B, utilizarase o modelo tipo establecido no anexo II. De maneira obrigada, deberá presentarse individualmente para cada lote obxecto de alleamento.

3. As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da consellería competente en materia de medio rural da provincia en que se realice o alleamento.

4. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta o dito anexo presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. No entanto, respecto da oferta económica, correspondente ao sobre B (anexo II desta orde), observaran o disposto na disposición transitoria primeira desta orde.

Artigo 4. Declaracións incluídas nos formularios normalizados

1. A solicitude de participación, correspondente ao sobre A (anexo I desta orde), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

1.1. Declaracións xerais:

a) Que non esteán incursos en suposto ningún a que se refire o artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE (LCEur 2014\535) e 2014/24/UE, do 26.2.2014 (LCEur 2014\536) (en diante, LCSP).

b) Que non forma parte dos órganos de goberno ou administración da entidade ningún alto cargo a que se refire a Lei 3/2015, do 30 de marzo, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado; da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas; a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, nin se trata de calquera dos cargos electivos regulados na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, nos termos establecidos nela.

c) Que se encontra ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda estatal, non ten débedas de natureza tributaria coa Comunidade Autónoma de Galicia nin coa Seguridade Social impostas pola lexislación estatal ou autonómica.

1.2. Declaracións específicas:

a) Que na actualidade se encontra de alta no imposto sobre actividades económicas (IAE) (agás persoas traballadoras autónomas estranxeiras).

b) Que a entidade está inscrita no Rexistro de Licitadores e que as circunstancias da entidade que nel figuran respecto dos requisitos exixidos para a admisión no procedemento de contratación son exactas e non experimentaron variación.

c) Que, de acordo co disposto nos artigos 86 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas, e 149 da LCSP, a entidade a que representa comprométese a achegar ou, se é o caso, facilitar canta información lle sexa solicitada, no caso de pertencer a un grupo de empresas.

d) Que manifesta coñecer o contido e alcance do Código ético institucional da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 24 de xullo de 2014 e publicado por Resolución do 8 de setembro de 2014.

e) Que se somete á xurisdición dos xulgados e tribunais españois de calquera orde para todas as incidencias que de modo directo ou indirecto poidan xurdir do contrato, con renuncia, de ser o caso, ao foro xurisdicional estranxeiro que lle corresponda (só para persoas empresarias estranxeiras).

f) Os datos da persoa empresaria respecto aos criterios de desempate sobre:

i) O número de persoas traballadoras fixas con discapacidade ou inclusión no cadro de persoal.

ii) A porcentaxe de contratos temporais no cadro de persoal da empresa.

iii) A porcentaxe de mulleres empregadas no cadro de persoal da empresa.

iv) Se dispón da Marca galega de excelencia en igualdade, nos termos do artigo 75.c) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

v) No caso de empresas con menos de 50 persoas traballadoras, se ten implantado un plan de igualdade nos termos do artigo 67.4 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Se a persoa empresaria non cubre esta letra f) no anexo I, a Mesa de Contratación interpretará que non se encontra en ningún dos supostos mencionados.

2. A oferta económica, correspondente ao sobre B (anexo II desta orde), deberá incluír as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do seu compromiso de realizar o aproveitamento de acordo co establecido nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas.

b) Declaración de coñecer e aceptar na súa totalidade o prego de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexen a licitación deste procedemento.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas empresarias, sexan persoas xurídicas ou persoas traballadoras autónomas, que participen nos alleamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e teñan a súa sede social no territorio español deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Persoas traballadoras autónomas:

a) Xustificación da solvencia técnica ou profesional.

b) Xustificación da solvencia económica e financeira.

c) Último recibo do IAE (ou declaración xurada de exención).

d) De ser o caso, xustificante do depósito da garantía provisional do 2 % do prezo do/s lote/s en que participa.

e) En aplicación da disposición transitoria primeira, os xustificantes de entrada no rexistro administrativo da correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia do medio rural de cada un dos sobres B que conteñan a oferta económica do/dos lote/s en que participa (anexo II).

1.2. Persoas empresarias que non estean dadas de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia nin no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado:

a) Escritura de constitución ou modificación da empresa.

b) Poder declarado bastante da persoa representante dilixenciado pola asesoría xurídica da Xunta de Galicia.

c) Xustificación da solvencia técnica ou profesional.

d) Xustificación da solvencia económica e financeira.

e) Último recibo do IAE (ou declaración xurada de exención).

f) De ser o caso, xustificante do depósito da garantía provisional do 2 % do prezo do/s lote/s en que participa.

g) En aplicación da disposición transitoria primeira, os xustificantes de entrada no rexistro administrativo da correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia do medio rural de cada un dos sobres B que conteñan a oferta económica do/dos lote/s en que participa (anexo II).

1.3. Persoas empresarias con alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado:

a) Xustificación da solvencia técnica ou profesional.

b) Xustificación da solvencia económica e financeira.

c) Último recibo do IAE (ou declaración xurada de exención).

d) De ser o caso, xustificante do depósito da garantía provisional do 2 % do prezo do/s lote/s en que participa.

e) En aplicación da disposición transitoria primeira, os xustificantes de entrada no rexistro administrativo da correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia do medio rural de cada un dos sobres B que conteñan a oferta económica do/dos lote/s en que participa (anexo II).

2. As persoas empresarias, sexan persoas xurídicas ou persoas traballadoras autónomas, que participen nos alleamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e teñan a súa sede social fóra do territorio español deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Capacidade de obrar:

a.1) A capacidade de obrar das persoas empresarias non españolas que sexan nacionais de Estados membros da Unión Europea ou de Estados signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo acreditarase pola súa inscrición no rexistro procedente, de acordo coa lexislación do Estado onde están establecidas, ou mediante a presentación dunha declaración xurada ou un certificado, nos termos que se establezan regulamentariamente, de acordo coas disposicións comunitarias de aplicación.

a.2) As persoas empresarias estranxeiras distintas das incluídas no punto a.1) deberán acreditar a súa capacidade de obrar con informe da Misión Diplomática Permanente de España no Estado correspondente ou da Oficina Consular en cuxo ámbito territorial radique o domicilio da empresa.

b) Xustificación da solvencia técnica ou profesional.

c) Xustificación da solvencia económica e financeira.

d) De ser o caso, xustificante do depósito da garantía provisional do 2 % do prezo do/dos lote/s en que participa.

e) En aplicación da disposición transitoria primeira, os xustificantes de entrada no rexistro administrativo da correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia do medio rural de cada un dos sobres B que conteñan a oferta económica do/dos lote/s en que participa (anexo II).

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude de participación, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se deba de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

e) Certificado de inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado, de ser o caso.

f) Certificado de inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor).

g) Última comunicación anual presentada ao Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor).

h) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas en momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións da consellería competente en materia de montes polas que se fan públicas as convocatorias, mediante procedemento aberto con criterio único (prezo), para os alleamentos de madeiras de montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería competente en materia de montes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición transitoria primeira. Das ofertas económicas

1. Namentres non se desenvolva a ferramenta que posibilite a garantía necesaria en materia de seguridade informática para a apertura dixital das ofertas económicas das empresas licitadoras, correspondente ao sobre B (anexo II), deberase presentar a dita oferta de forma presencial nun sobre pechado perante o Rexistro Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente, toda vez que nestes procedementos é o órgano de contratación, tal e como sinala o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

2. Cando a dita entrega presencial, de carácter transitorio, se realice, as persoas licitadoras deberán incorporar no anexo I, os xustificantes de entrada no rexistro administrativo da xefatura territorial da consellería competente en materia de medio rural correspondente de cada un dos sobres B que conteñan a oferta económica do lote en que participa. Para tal efecto, a entrega de forma presencial de cada un dos sobres B (anexo II) será necesariamente realizada con anterioridade á presentación do sobre A (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de planificación e ordenación forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file