Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 5 de marzo de 2020 Páx. 14829

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 17 de febreiro de 2020 pola que se regula o procedemento e se aproba e dá publicidade ao modelo de comunicación de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacionais á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR803B).

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1 atribúe á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia de execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, atribúe á Secretaría Xeral de Emprego as competencias e funcións, entre outras materias, relativas ás relacións laborais e a seguridade e saúde laboral.

O artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece as entidades que están obrigadas, en todo caso, a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo.

Por isto, e á vista do establecido na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar o modelo de comunicación deste procedemento ás novas exixencias establecendo a súa presentación a través de medios electrónicos, facilitando así unha maior comunicación e unha relación máis áxil e simple entre a Administración galega e aquelas empresas que despracen persoas traballadoras a Galicia de acordo co establecido na Lei 45/1999, do 29 de novembro, sobre o desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional.

Así mesmo, a presente norma incorpora a necesidade, derivada do disposto pola redacción actual do artigo 5 da Lei 45/1999, do 29 de novembro, que regula o desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional, relativa a sinalar os datos da persoa física ou xurídica, presente en España como representante da empresa que despraza, prestadora dos servizos para servir de enlace coas autoridades españolas e para o envío e recepción de documentos e notificación, así como para os procedementos de información e consulta e de negociación.

De conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o proxecto de orde foi informado pola consellería competente en materia de facenda, polos órganos con competencias horizontais en materia de Administración electrónica, avaliación e reforma administrativa e polos órganos competentes en materia de impacto de xénero. Así mesmo, o proxecto foi sometido a ditame do Consello Galego de Relacións Laborais, e foi publicado na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento administrativo TR803B), para a súa tramitación por medios electrónicos sobre o desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional regulados pola Lei 45/1999, do 29 de novembro, que regula o desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servizos transnacional.

Esta comunicación debe ser efectuada por todas aquelas empresas que despracen persoas traballadoras por un prazo superior a 8 días, excepto no caso de ETT que o terán que comunicar en todo caso.

Artigo 2. Forma e lugar de presentación

A comunicación de desprazamento de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servicios transnacional á Comunidade Autónoma de Galicia será presentada obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicacion aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Documentación complementaria

1. No caso de que a empresa que desprace sexa unha ETT, terá que achegar a seguinte documentación (anexo I):

a) Acreditación de que reúne os requisitos exixidos pola lexislación do país onde está situada para poñer á disposición doutra empresa usuaria, con carácter temporal, os/as traballadores/as que ela contrata.

b) A precisión das necesidades temporais da empresa usuaria que se traten de satisfacer co contrato de posta á disposición con indicación do suposto de celebración que corresponda segundo o disposto no artigo 6.2 da Lei 14/1994, do 1 de xuño, pola que se regulan as empresas de traballo temporal.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir, de maneira motivada, a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

5. Cando na comunicación se faga referencia a documentos PASS, IED ou outros que non sexan DNI ou NIE, deberán achegar os documentos.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa comunicante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e DNI ou NIE no caso de traballadores/as autónomos/as con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados á Inspección de Traballo e Seguridade Social e á Axencia Estatal de Administración Tributaria no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia, coa finalidade de información e verificación dos desprazamentos de persoas traballadoras no marco dunha prestación de servicios transnacional á Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de formularios

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file