Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 2020 Páx. 15674

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, de adxudicación provisional de novas oficinas de farmacia trala realización dun novo acto público de elección.

Mediante Resolución do 2 de xullo de 2018 esta Secretaría Xeral Técnica convocou o concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia. O punto segundo da citada resolución establece que a súa tramitación rexerase polo disposto nos artigos 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

En virtude do anterior, o día 18 de xaneiro de 2020 tivo lugar, logo de aprobarse a lista definitiva de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso, o acto público de elección de oficinas de farmacia, ao cal foran convocadas, mediante Resolución do 11 de decembro de 2019, todas as persoas participantes que figuraban na dita lista.

Como resultado do citado acto esta Secretaría Xeral Técnica ditou a Resolución do 27 de xaneiro de 2020, pola que se facía pública a relación das 41 persoas que resultaron adxudicatarias provisionais de novas oficinas de farmacia, a cal foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 30 de xaneiro, comezando a computarse ao día seguinte o prazo de 10 días de que dispoñían os/as adxudicatarios/as provisionais para proceder á constitución da garantía exixida no artigo 25 ter.2) do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, prazo que rematou o 13 de febreiro do ano en curso.

Transcorrido o dito prazo, compróbase que a persoa adxudicataria da farmacia do Concello de Negueira de Muñiz (delimitación territorial de Negueira, San Salvador), non procedeu á constitución da citada garantía, motivo polo que, de conformidade co sinalado no artigo 25 ter.3) do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, procedeuse á celebración dun novo acto público de elección, que tivo lugar o pasado sábado 29 de febreiro de 2020, no cal foi ofertada de novo a citada oficina de farmacia.

Á vista do resultado deste novo acto público de elección e do contido da acta levantada ao efecto, e de conformidade co disposto no artigo 25 ter do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, esta Secretaría Xeral Técnica

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicar provisionalmente a Fernando Domínguez Miranda a oficina de farmacia do Concello de Negueira de Muñiz (delimitación territorial de Negueira, San Salvador).

Segundo. Consonte co sinalado no número 2 do artigo 25 ter do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, o farmacéutico que resultou adxudicatario provisional da dita oficina de farmacia dispón dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para acreditar documentalmente ter constituída garantía suficiente para cubrir o importe de 3.000 €, en calquera das formas sinaladas no citado precepto.

A documentación xustificativa da constitución da dita garantía deberá ser remitida a esta Secretaría Xeral Técnica por vía electrónica, a través do modelo xenérico denominado «aportación de documentación separada da solicitude», o cal se atopa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación da devandita documentación poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De non constituírse a preceptiva garantía no prazo indicado, o citado adxudicatario provisional quedará excluído do procedemento, procedéndose de acordo co sinalado no número 5 do artigo 25 ter do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade