Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 2020 Páx. 15515

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de febreiro de 2020 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia a Fundación Arume.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Arume con domicilio na avenida de Fernando Casas Novoa, número 38, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 9 de agosto de 2019, José Carballo García, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, para os efectos da inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, desta entidade.

2. A Fundación Arume constituíse en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 10 de xuño de 2019, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo 556, pola Asociación Galega Monte Industria, representada por José Carballo García; A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga), representada por José Elier Ojea Ureña; A Asociación Forestal de Galicia, representada por Francisco Javier Fernández de Ana Magán; a Asociación de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo, representada por Daniel Díaz Ramos; o Clúster da Madeira de Galicia, representado por José Manuel Parada Rodríguez; a Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), representada por Isabel Álvarez Balvís; a Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (Serfoga), representada por María Elena Picos Vilar; a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), representada por Jacobo Feijóo Lamas; e Abanca Corporación Bancaria, S.A., representada por Jesús Combarro Pereira.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– Promover o valor e o uso dos montes galegos, en especial os de coníferas e, en particular, dos piñeiros de Galicia, mediante o impulso de plans integrais e a realización de actuación de dinamización e recuperación dos montes e a potenciación do uso das súas madeiras para xerar un ecosistema sustentable e, con iso contribuír activamente a unha maior riqueza forestal, á mellora do medio rural, ao benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento económico de Galicia.

– A recadación de fondos e obtención de axudas -ben sexan subvencións, donativos ou axudas de calquera outra índole- destinadas a financiar actividades de investigación, a través de proxectos de I+D, de innovación, de formación, de comunicación e de divulgación coa finalidade de mellorar os montes de coníferas así como calquera outro de promoción do uso das súas madeiras nos ámbitos propios da cadea de valor forestal galega.

– Fomentar e impulsar a implantación de modelos de silvicultura tecnicamente contrastados, a mellora xenética dos materiais de reprodución e a certificación da xestión forestal sustentable nos montes galegos.

– Sensibilizar a opinión pública e as administracións públicas acerca da importancia ambiental e económica dos ecosistemas de piñeirais e do uso dos piñeiros de Galicia, así como promover as medidas lexislativas adecuadas para protexer e promover a silvicultura activa e a xestión sustentable dos montes e o uso da madeira de coníferas de Galicia.

– Preservar e comunicar os valores ambientais, culturais, sociais e económicos vinculados aos montes e ao uso de madeira de coníferas e, en particular, dos piñeiros de Galicia.

– Promover e fomentar o consumo da madeira de coníferas de Galicia en todos os ámbitos e o uso de produtos certificados, así como impulsar o desenvolvemento de novas aplicacións da madeira con produtos de maior valor engadido.

– Promover e fomentar os aproveitamentos micolóxicos e outros aproveitamentos forestais compatibles coa produción de madeira de coníferas de Galicia.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Carballo García, en representación da Asociación Galega Monte Industria, como presidente; Francisco Javier Fernández de Ana Magán e Francisco Guillermo Dans del Valle, en representación da Asociación Forestal de Galicia, como vicepresidentes; Jesús Combarro Pereira, en representación de Abanca Corporación Bancaria, S.A., como tesoureiro; Ismael Olveira Lema, como secretario; e José Manuel Cajaraville Varela e Juan José Busto Rodríguez, en representación da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga); José Luis Lozano Paz, en representación da Asociación de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo; Benito García Sánchez, en representación do Clúster da Madeira de Galicia; Isabel Álvarez Balvís, en representación da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga); Alejandro Arias Otero, en representación da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (Serfoga); e Jacobo Feijóo Lamas, en representación da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia da Fundación Arume, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de febreiro de 2020,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia a Fundación Arume, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza