Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16385

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 3 de marzo de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado da Circunvalación leste de Ourense, treito OU-105 (Bemposta)-N-525, clave OU/07/068.01.

Antecedentes:

Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de outubro de 2014 apróbase o expediente de información pública e, definitivamente, o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia (DOG do 20 de novembro).

Segundo o disposto nos artigos 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, e 8.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, o planeamento urbanístico municipal tiña que adaptarse ás determinacións do plan aprobado.

O plan sectorial aprobado define unhas zonas de reserva viaria como zonas de non edificación cuxa función é que sexan soporte das novas infraestruturas viarias. Tal e como determina o artigo 11 da normativa do plan sectorial, os solos recollidos como reservas viarias en solo rústico clasificaríanse como solo rústico de protección de infraestruturas, clasificación que se pode superpoñer a calquera outra de solo rústico de especial protección.

Entre as vías estruturantes do plan estaba incluída a circunvalación leste interior de Ourense, treito Bemposta-N-525; que, tal e como indicaba o plan «dá continuidade á recentemente mellorada OU-510 e ao novo treito Rairo-Bemposta, conectando, pola súa vez, coa rolda Bulevar e estruturando a conexión de Ourense coas VAP».

O plan sectorial aprobado conta coa avaliación ambiental estratéxica, con memoria ambiental aprobada mediante Resolución do 7 de abril da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (DOG do 2.5.2014); pero tal e como figuraba na normativa do plan, isto non exclúe a necesidade de someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos das novas actuacións, polo que se actualizou o trámite ambiental, elaborando un estudo de impacto ambiental conforme o contido exixido na Lei 21/2013 e avaliación ambienta, para que sexa sometido a información pública.

Por último, mediante Real decreto 1390/2018, do 19 de novembro, prodúcese o cambio de titularidade do treito da estrada estatal N-525 desde o punto quilométrico (p.q.) 219+100 (enlace da N-525 coa A-52 en Allariz) ata o p.q. 233+080 (enlace da N-525 coa A-52 en Ourense sur), a favor da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 13 de decembro), treito que, no seu punto final, coincide na desembocadura desta nova vía.

O obxectivo do presente proxecto consiste en definir ortograficamente todas as actuacións que se levarán a cabo para a correcta execución da estrada que unirá a OU-105 en Bemposta e a N-525, abranguendo así os treitos que forman a OU-510, que discorre entre O Ceboliño e a N-525 no concello de San Cibrao das Viñas.

Considerando todo o exposto e o establecido na normativa vixente,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, someter ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado da circunvalación leste de Ourense, treito OU-105 (Bemposta)-N-525, clave OU/07/068.01.

Segundo. A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realizarase durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781, Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Ourense (Rúa Sáenz Díez, 1, 32071 Ourense), na Casa do Concello de San Cibrao das Viñas (praza da Constitución, 1, 32911 San Cibrao das Viñas) e na Casa do Concello de Ourense (praza Maior, 1, 32005 Ourense). Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas), atópase á disposición dos interesados o estudo de impacto ambiental do proxecto de trazado.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2020

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas