Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16024

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 2 de marzo de 2020 pola que se convocan axudas para realizar actividades formativas STEM en lingua inglesa, STEMweek, no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento ED504G).

O novo marco curricular do sistema educativo galego pon de manifesto a necesidade de que o alumnado adquira competencias que lle permitan habilidades de traballo en equipo, desenvolvemento do espírito crítico e habilidades comunicativas nunha lingua estranxeira. O alumnado debe aprender cos feitos, observándoos e logo interpretándoos por medio de experimentos e con razoamento rigoroso. Espérase que el mesmo redescubra e comprenda principios fundamentais a través da observación e da propia reflexión. Faise necesario captar o interese do alumnado, destacar a importancia e a utilidade do que se aprende para resolver problemas nun futuro inmediato e así acadar unha repercusión directa cara a futuras vocacións.

Outro elemento que se considera necesario é impulsar as coñecidas como «vocacións STEM» (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e así espertar a motivación do alumnado cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico-tecnolóxico, como así o pon de manifesto o «Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñarías e matemáticas en Galicia», onde se destaca que o índice de titulados non cubrirá a demanda de profesionais nun futuro nestes sectores.

En especial, cómpre o fomento da presenza de alumnas en estudos non obrigatorios relacionados co ámbito STEM. As decisións que se toman sobre a orientación académica fórxanse no ensino obrigatorio, polo que un factor determinante podería ser a creación de diversos contornos de aprendizaxe onde se ofrezan modelos próximos e proxectos interesantes que teñan un compoñente de xénero.

Neste senso, a actividade STEMweek pódelle proporcionar ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía, ademais de ofrecer unha oportunidade para a mellora da competencia comunicativa en lingua inglesa.

Esta acción enmárcase na Estratexia galega de educación dixital (Edudixital 2020) e na Estratexia galega de linguas estranxeiras (Edulingüe 2020) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

En consecuencia, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) do alumnado que curse 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria no réxime xeral e matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2020.

Esta convocatoria, para os efectos de identificación e acceso das persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «Actividades formativas STEMweek», co código do procedemento administrativo ED504G.

Artigo 2. Actividades de formación convocadas

1. As quendas, lugar de realización, datas, número de alumnos/as e cursos a que van destinadas as actividades que se convocan son:

Quenda

Lugar

Datas

Idioma

Nº de alumnado

Curso

CRD

A Coruña

16-22 de agosto de 2020

Inglés

100

3º ESO

CRD

A Coruña

23-29 de agosto de 2020

Inglés

100

4º ESO

Esta actividade terá lugar no CRD da Coruña (Centro Residencial Docente, O Burgo-Acea de Ama s/n, Culleredo, 15670) en réxime de internado de domingo a sábado seguinte.

En cada quenda, o alumnado entrará o domingo entre as 18.00 e as 19.30 horas e sairá o sábado entre as 12.00 e as 13.30 horas. As familias ou titores/as legais dos/das menores serán os responsables de levar e recoller o alumnado no lugar de realización da actividade e os gastos que isto ocasione correrán pola súa conta. O resto da actividade será gratuíta para o alumnado adxudicatario das prazas ofertadas.

2. A organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

3. O custo total de cada actividade inclúe:

a) Os docentes que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

b) Os gastos de docencia e o material escolar.

c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

d) Os gastos de mantenza e aloxamento.

e) O certificado de realización da actividade.

f) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser persoa beneficiaria destas axudas o/a alumno/a que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria no réxime xeral en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2019/20, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as materias no curso 2018/19.

c) Ter acadado no curso 2018/19 unha cualificación mínima de 6 na materia de inglés.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incurso/a nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade, farase constar como documento identificativo o da persoa proxenitora ou da persoa titora legal.

2. As axudas poderán ser solicitadas pola persoa proxenitora ou pola persoa titora legal, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado, se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.423A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 130.000 euros.

2. A contía da axuda para cada persoa beneficiaria será o custo total da actividade, referido no artigo 2.3.

Artigo 5. Solicitudes, presentación e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación «en liña» dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.es/axudasst/. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación «en liña» e poderán elixir entre a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. No caso de presentación presencial, esta aplicación «en liña» xera un documento electrónico, correspondente aos anexos I e II, que a persoa interesada deberá imprimir e asinar debidamente.

4. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

5. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Certificación académica das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2018/19 e da nota media obtida. No caso dos centros concertados, as certificacións serán asinadas pola persoa directora do centro docente co visto e prace da Inspección Educativa.

c) Copia/s do/dos libro/s de familia onde figuren todos os membros computables da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que a persoa solicitante ten atribuída a custodia do/da alumno/a para quen se solicita a axuda.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

– As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, a persoa titora do/da alumno/a.

– Os/as fillos/as menores de idade, coa excepción dos emancipados. Terán a mesma consideración que os/as fillos/as, as persoas en situación de tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído.

– Os/as fillos/as maiores de idade discapacitados ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

– Os/as fillos/as solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.

– As persoas proxenitoras separadas legalmente ou divorciadas con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos e fillas que teñan en común.

– A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do/da alumno/a, excepto no caso de custodia compartida.

– Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polas persoas proxenitoras ou persoa de situación análoga e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos anteriores, excepto no caso de custodia compartida.

Non terá a consideración de membro computable:

– A persoa proxenitora que non ten atribuída a custodia do/da alumno/a nos casos de separación ou divorcio.

– O agresor nos casos de violencia de xénero.

En todo caso, terase en conta a situación persoal e a composición da unidade familiar en 31 de decembro de 2018, agás no relativo á violencia de xénero, que se aplicará o disposto na lexislación específica.

Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poida dispor destas informacións, non se lles exixirá ás persoas interesadas a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I (familia monoparental, divorcio ou separación, viuvez, titoría legal ou outras), deberá alegarse:

d) Copia da xustificación de separación ou divorcio.

e) Copia da xustificación de viuvez.

f) Copia da xustificación de titoría legal.

g) Copia da xustificación das alegacións que se fagan constar como outras circunstancias familiares.

h) Copia do certificado de discapacidade da persoa solicitante, dalgunha das persoas persoas proxenitoras ou da persoa titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código (ED504G) e o órgano responsable do procedemento (a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles as persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e das persoas proxenitoras ou da persoa titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c).

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Ingresos totais da unidade familiar; datos de carácter tributario ou económicos da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) correspondente ao ano 2018.

d) Estaren ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria para subvencións e axudas, as persoas proxenitoras ou a persoa titora ou a persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou a persoa solicitante no caso de ser maior de idade.

e) Estaren ao día no pagamento coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas proxenitoras, ou a persoa titora ou a persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou a persoa solicitante no caso de ser maior de idade.

f) Estaren ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social as persoas proxenitoras ou a persoa titora ou da persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou a persoa solicitante no caso de ser maior de idade.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

g) Título de familia numerosa.

h) Discapacidade da persoa solicitante, dalgunha das persoas proxenitoras ou da persoa titora, ou da persoa de análoga relación segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou de irmáns/ás menores de 25 anos ou de persoas tuteladas no caso de que fose expedido pola Xunta de Galicia.

i) Situación de pensionista por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou a equivalente de clases pasivas dalgunha das persoas proxenitoras, da persoa titora ou da persoa de análoga relación, segundo o establecido no artigo 6.1.c), ou da persoa solicitante, a través da consulta co Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, Incapacidade Temporal e Maternidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou no anexo II, e achegar os correspondentes documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. Non serán tidas en conta nin valoradas as circunstancias alegadas e non xustificadas documental e correctamente tal como se indica, nin as que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin as que conteñan emendas.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Artigo 9. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos tamén serán comunicados ás entidades encargadas do tratamento coa finalidade da xestión das actividades formativas obxecto desta convocatoria.

4. Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como son os diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

6. No caso de existiren diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán en todo caso aquelas relativas á Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e ao Regulamento (UE) 2016/679, xeral de protección de datos.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por estes medios, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Colaboración dos centros docentes na difusión e participación nesta convocatoria

1. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional remitiralles aos centros docentes información en formato electrónico sobre o procedemento de solicitude e de adxudicación de prazas, para a súa difusión entre o alumnado obxecto desta convocatoria.

2. A dirección de cada centro docente arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia ao Consello Escolar, ao Claustro, ás asociacións de nais e pais (ANPA) e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado. Así mesmo, exporanse no taboleiro de anuncios a listaxe provisional e a definitiva de alumnado seleccionado.

3. O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina da internet http://www.edu.xunta.es/axudasst.

4. As direccións dos centros docentes sostidos con fondos públicos facilitarán, na medida das súas posibilidades, ás familias e/ou ao alumnado interesado o acceso á aplicación informática correspondente a este programa.

Artigo 13. Aceptación das bases

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 14. Comunicación

Toda a información relacionada co estado das solicitudes ou coa adxudicación de prazas farase a través da páxina principal da web http://www.edu.xunta.es/axudasst, que se actualizará periodicamente.

Artigo 15. Comisión de Valoración

A valoración das solicitudes e a proposta de selección das persoas beneficiarias desta convocatoria será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola Presidencia da Comisión de Selección, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.

Artigo 16. Criterios de selección

1. A adxudicación de axudas e asignación de prazas na actividade solicitada farase atendendo á puntuación total obtida por cada alumno ou alumna que resulte de aplicar o baremo establecido no anexo IV.

2. A adxudicación terá carácter de concorrencia competitiva, polo que non será suficiente para obter asignación de praza e a axuda reunir todos os requisitos exixidos nesta convocatoria. É necesario, tamén, acadar un número de orde que sitúe a persoa solicitante dentro das prazas que se van conceder.

Artigo 17. Procedemento de adxudicación de prazas

1. Unha vez finalizada a comprobación das solicitudes recibidas, a Comisión de Selección fará públicas tres listaxes: unha primeira, na cal se incluirán as solicitudes admitidas; unha segunda, de solicitudes que precisan da emenda dalgún aspecto; e unha terceira, de solicitudes excluídas, facendo constar as causas de exclusión.

Estas listaxes exporanse na web da convocatoria (http://www.edu.xunta.es/axudasst), na Oficina de Rexistro Único e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e remitiranse para a súa publicación ás Xefaturas Territoriais da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e aos centros de ensino obxecto do ámbito desta convocatoria.

2. A continuación, abrirase un prazo de dez días naturais para emendar os erros e a falta de documentación, así como para efectuar reclamacións ou renuncias. As circunstancias da emenda de erros ou falta de documentación poderanse consultar mediante o número do documento de identificación (NIF, NIE, etc. da persoa representante ou da persoa solicitante, no caso de que esta sexa maior de idade) na aplicación «en liña» dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasst. A falta de presentación da documentación a que fai referencia o punto 1 do artigo 6, letras a), b), c), d), e), f), g) e i), dentro deste prazo será motivo de exclusión da convocatoria. A falta de xustificación referida ás alegacións correspondentes a que fai referencia o punto 1 do artigo 6, letra h), e o punto 1 do artigo 8, letras g), h) e i), implicará que non sexan tidas en conta as circunstancias correspondentes no momento da baremación.

3. Transcorrido este prazo, publicarase a listaxe provisional de alumnado seleccionado e de alumnado suplente, ordenado por puntuación por cada un dos cursos.

Así mesmo, publicarase a listaxe de solicitudes con requirimentos relacionados coas comprobacións de datos referidas no artigo 8.1, letras c), d), e) e f); o contido destes requirimentos poderase consultar mediante o número do documento de identificación (NIF, NIE, etc.) da persoa representante, ou da persoa solicitante no caso de que esta sexa maior de idade, na aplicación «en liña» dispoñible na páxina web https://www.edu.xunta.es/axudasst/.

Estas listaxes exporanse co mesmo procedemento indicado no punto 1.

4. En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios por orde de prioridade:

1º. Favorecerase a persoa solicitante de menor renda per capita da unidade familiar, calculada segundo o exposto no anexo IV.

2º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

5. A seguir, abrirase un prazo de 10 días naturais para formular reclamacións e para presentar a documentación sinalada nos requirimentos relacionados coa comprobación de datos. Rematado este prazo e estudadas as alegacións e a documentación presentada, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva.

6. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada pola Comisión de Selección a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

7. As listaxes definitivas de persoas seleccionadas e de suplentes, así como os destinos as datas de realización das estadías, serán publicadas na páxina web https://www.edu.xunta.es/axudasst e no resto dos lugares indicados no punto 1.

8. A continuación, abrirase un prazo de 5 días naturais para que as persoas seleccionadas remitan á consellería o anexo III de aceptación ou renuncia da axuda concedida.

As prazas vacantes seranlle ofertadas ao alumnado suplente por chamamento directo aos teléfonos indicados na solicitude, seguindo a relación publicada de suplentes.

Artigo 18. Reintegros

En aplicación do artigo 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, suporá o reintegro do importe equivalente da axuda e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde proceder ao reintegro:

– A renuncia posterior á aceptación da axuda sen unha causa grave debidamente xustificada.

– Non presentarse o día do inicio da actividade sen unha causa grave debidamente xustificada.

– A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían.

Artigo 19. Obrigas e abandonos durante a realización da actividade

1. Un comportamento non apropiado poderá supor a expulsión deste programa e o final da estadía por causas de igual ou similar natureza ás seguintes:

a) Incumprimento das normas establecidas para o desenvolvemento da actividade.

b) Consumo de alcohol e/ou de substancias ilegais.

c) Automedicación sen autorización médica.

d) Condutas disruptivas.

e) Comportamentos asociais.

A expulsión do programa suporalle á persoa solicitante o pagamento de regreso e do custo total da actividade, así como, de ser o caso, do importe dos danos ocasionados ou derivados das ditas condutas.

2. No caso do alumnado que se atope realizando a estadía e decida abandonar o programa sen unha causa grave debidamente xustificada, a persoa solicitante asumirá os gastos ocasionados, así como o importe total do custo da actividade.

Artigo 20. Resolución

1. A persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional resolverá a relación final das persoas adxudicatarias e os importes das axudas concedidas.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución definitiva das persoas adxudicatarias publicarase no DOG e na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal), polo que se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra a resolución definitiva de adxudicación, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Baremo e puntuación

Criterios de puntuación:

1º. Nota media do expediente no curso 2018/19: ata 10 puntos.

O criterio de selección que se terá en conta será o da nota media das cualificacións do expediente académico dos estudos realizados no curso 2018/19 polo alumnado.

O cálculo da nota media expresarase cun decimal calculado mediante arredondamento, facéndose constar este resultado na epígrafe correspondente, incluído no anexo I de solicitude destas axudas.

A baremación da nota media aplicarase segundo a seguinte táboa:

Nota media

Puntuación

5-5,9

5 puntos

6-6,9

6 puntos

7-7,9

7 puntos

8-8,9

8 puntos

9-9,9

9 puntos

10

10 puntos

2º. Renda per capita da unidade familiar: ata 20 puntos.

Aplícase unha puntuación ponderada e progresiva en función da renda per capita da unidade familiar, segundo o cadro que consta máis abaixo, calculada como suma dos ingresos de cada un dos membros computables da unidade familiar, correspondente ao exercicio fiscal do ano 2018, dividido entre o número de membros da unidade. Cando se presentase declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao exercicio fiscal 2018, sumaranse os importes dos recadros correspondentes á base impoñible xeral e da base impoñible do aforro; cando non se presentase, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Para os efectos de cómputo das rendas, teranse en conta:

a) As dos proxenitores non separados legalmente nin divorciados ou, de ser o caso, das persoas titoras do/da alumno/a.

b) Os proxenitores separados legalmente ou divorciados con custodia compartida.

c) Os/as irmáns/ás da persoa solicitante de 16 anos, maiores de 16 e menores de 25 anos.

d) A persoa que, por novo matrimonio, en situación de unión de feito ou en situación análoga ás anteriores con convivencia, resida no domicilio familiar coa persoa proxenitora do/a alumno/a, excepto nos casos de custodia compartida.

A puntuación que se asignará segundo a renda per capita exprésase na seguinte táboa:

Tramos de renda per capita da unidade familiar (euros)

Ata 3.962

20 puntos

Igual ou maior a 3.962 € e inferior a 7.606 €

16 puntos

Igual ou maior a 7.606 € e inferior a 10.222 €

12 puntos

Igual ou maior a 10.222 € e inferior a 11.450 €

8 puntos

Igual ou maior a 11.450 €

4 puntos

3º. Pertenza a familia numerosa: 2 puntos.

4º. Discapacidade igual ou superior ao 33 % ou pensionista da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou equivalente de clases pasivas dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao: 2 puntos.

5º. Non ter sido beneficiario dunha axuda ao abeiro da convocatoria establecida pola Orde do STEMweek 2019: 1 punto.