Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16391

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2020 pola que se ordena a publicación da desafectación do edificio denominado Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega, con referencia catastral número 7579201NH3477H0001FE.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O acordo do Concello de Santiago de Compostela, plasmado na correspondente escritura pública, de reparcelación da unidade OE 5, estableceu a titularidade do Concello no edificio con referencia catastral 7081606NH3478A0001KE, pero tamén estableceu o seu uso universitario en canto non se procedese á construción dunha nova facultade de medicina e odontoloxía.

Dado o tempo transcorrido sen que se construíse tal facultade e persistindo a necesidade do seu destino para usos universitarios, é necesario buscar unha solución para as necesidades de espazo para fins municipais que o citado edificio pretendía resolver.

Segundo. Para resolver as mutuas necesidades de espazo, o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Santiago de Compostela comprometéronse a:

a) Por parte do Concello de Santiago de Compostela, a adscribir á USC o inmoble con referencia catastral 7081606NH3478A0001KE, por un prazo de quince anos renovables.

b) Por parte da USC, a realizar a cesión de uso do inmoble denominado Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega sito nas Casas Reais, nº 8, e con referencia catastral 7579201NH3477H0001FE.

Terceiro. A Xunta de Goberno do Concello da cidade de Santiago de Compostela, na sesión do día 25 de novembro de 2019, adoptou o acordo de adscrición temporal á Universidade de Santiago de Compostela do inmoble para sede dos estudos da especialidade de odontoloxía, condicionando a súa eficacia a que a Universidade adoptase o acordo correspondente de adscrición ou cesión de uso gratuíta a favor do Concello do inmoble sito na rúa Casas Reais, nº 8, con referencia catastral nº 7579201NH3477H0001FE e puxese á disposición do Concello o uso da edificación.

Cuarto. O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, na sesión do día 19 de febreiro de 2020, adoptou os seguintes acordos:

a) Desafectar o inmoble denominado Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega sito nas Casas Reais, nº 8, e con referencia catastral 7579201NH3477H0001FE, que pasa a ser considerado ben patrimonial, con efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Ceder o uso do inmoble en favor do Concello de Santiago de Compostela como compensación pola adscrición do inmoble denominado «Odontoloxía» con referencia catastral 7081606NH3478A0001KE, por un prazo de quince anos renovables.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu artigo 10 a desafectación dos bens e dereitos de dominio público, establecendo que «os bens e dereitos demaniais perden esta condición, adquirindo a de patrimoniais, nos casos en que se producise a súa desafectación».

Segundo. As Normas de xestión patrimonial, aprobadas por Resolución reitoral do 14 de xullo de 1993, DOG do 11 de agosto de 1993, modificadas por acordo do Consello Social do 19 de febreiro de 2020, establecen no seu artigo 15 que «os bens de natureza patrimonial da Universidade de Santiago de Compostela poderán ser cedidos en uso, sempre e cando non se estableza a súa afectación demanial ou aproveitamento no período de tempo que dure esta».

Terceiro A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 75.3.k) establece que é competencia do Consello Social «Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da Universidade e aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da Universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público».

Á vista do anterior, o reitor

Resolve:

Primeiro. Publicar a desafectación ao servizo público da educación superior do ben inmoble denominado Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega sito nas Casas Reais, nº 8, e con referencia catastral 7579201NH3477H0001FE, que pasa a ser considerado ben patrimonial, con efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 46 e 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.

Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 20.6.2018, DOG do 29 de xuño)
Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela