Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2020 Páx. 16950

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo do 6 de marzo de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a instrución relativa á remisión de información do exercicio do control interno das entidades locais de Galicia.

En cumprimento do Acordo do 6 de marzo de 2020, do Pleno do Consello de Contas polo que se aproba a Instrución relativa á remisión de información do exercicio do control interno das entidades locais de Galicia, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas

Acordo do 6 de marzo de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se
aproba a Instrución relativa á remisión de información do exercicio
do control interno das entidades locais de Galicia

O Pleno do Consello de Contas adoptou o «Acordo do Pleno do 27 de xaneiro de 2016 polo que se aproba a Instrución relativa ao artigo 218.3 do texto refundido da Lei de facendas locais, en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa», co obxecto regular o procedemento para dar cumprimento ao disposto no parágrafo 3 do artigo 218 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais», relativo á obriga do órgano interventor da remisión anual de información sobre os acordos contrarios a reparos adoptados pola entidade local, así como un resumo das principais anomalías detectadas en materia de ingresos. Este precepto compleméntase co sinalado no artigo 223.4 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais», que, de conformidade co previsto no artigo 53 da «Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia», e nos artigos 2 e 4 da «Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas», que o desenvolve, recoñece a competencia do Consello de Contas para a fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais e de todos os organismos e sociedades delas dependentes e, por tanto, para ter acceso á información identificada no número 3 do artigo 218 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais».

Este «Acordo do Pleno do 27 de xaneiro de 2016 polo que se aproba a Instrución relativa ao artigo 218.3 do texto refundido da Lei de facendas locais, en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa», fai referencia a outra información que, sen figurar no citado artigo 218.3 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais», enténdese de interese para o exercicio do control interno, debendo achegarse ao Consello de Contas en virtude do deber de colaboración establecido no artigo 23 da «Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas».

As novidades introducidas na regulación do control interno das entidades locais polo «Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local», e a experiencia previa na recepción e explotación da información remitida polos órganos de intervención ao Consello de Contas, aconsella aprobar unha nova Instrución que regule a información que os órganos de intervención local deben remitir ao Consello de Contas a través da Plataforma de rendición de contas das entidades locais.

O Consello de Contas, mediante convenio subscrito co Tribunal de Contas, está adherido á Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es) para a remisión telemática das contas das entidades locais da Comunidade Autónoma. Neste convenio ambas as partes recoñecen a rendición única das contas das entidades locais de Galicia, isto é, acordan considerar rendidas as contas das entidades locais de Galicia cando fosen presentadas ante calquera das dúas institucións, sempre que se respecten os requisitos formais e materiais exixidos para o efecto.

No relativo ao cumprimento da obriga prevista no citado artigo 218.3 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais» creouse unha aplicación específica na Plataforma de rendición de contas das entidades locais, facilitando non só a remisión anual dos acordos e expedientes a que se refire o artigo 218.3 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais» senón tamén o seu uso por parte das entidades locais como ferramenta de xestión e seguimento deste tipo de acordos e resolucións, permitindo ademais a remisión da información que se require aos órganos interventores en virtude do seu deber de colaboración.

Para regular o procedemento de envío mediante o uso da devandita plataforma, o Pleno do Tribunal de Cuentas ditou a «Resolución do 15 de xaneiro de 2020, da Presidencia do Tribunal de Cuentas, pola que se publica o Acordo do Pleno do 19 de decembro de 2019, polo que se aproba a Instrución sobre remisión de información relativa ao exercicio do control interno das entidades locais». A necesidade de contar con procedementos homoxéneos que permitan a explotación da información e que sexan compatibles coas características técnicas do sistema empregado para a súa presentación aconsellan que o Consello de Contas asuma o contido desa Instrución en todo o que non se opoña á normativa reguladora da institución.

En virtude do exposto,

ACÓRDASE:

Primeiro. Quedan sometidos ao cumprimento da obriga que regula esta Instrución os órganos interventores das entidades as entidades locais territoriais definidas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, tanto respecto da información da propia entidade local como da correspondente ás entidades integrantes do sector público local definido no artigo 2.2 do «Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local».

Segundo. A forma, alcance e procedemento que debe seguirse para dar cumprimento á obriga establecida no artigo 218.3 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais» é a prevista na «Resolución do 15 de xaneiro de 2020, da Presidencia do Tribunal de Cuentas, pola que se publica o Acordo do Pleno do 19 de decembro de 2019, polo que se aproba a Instrución sobre remisión de información relativa ao exercicio do control interno das entidades locais.».

Terceiro. En virtude do deber de colaboración previsto no artigo 23 da «Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas», de conformidade co disposto no artigo 223.4 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais», a remisión da información que se sinala nos artigos 5.2, 12.5, 15.7 e disposición adicional quinta do «Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local», así como a información xeral sobre a estrutura do órgano de intervención, da actividade que desenvolve e os resultados obtidos, que se deberá achegar a este consello, será a prevista nas respectivas subepígrafes da epígrafe II da Instrución, de acordo co especificado no anexo desta.

Así mesmo, prevese que, xunto coa documentación expresamente relacionada na «Resolución do 15 de xaneiro de 2020, da Presidencia do Tribunal de Contas, pola que se publica o Acordo do Pleno de 19 do decembro de 2019, polo que se aproba a Instrución sobre remisión de información relativa ao exercicio do control interno das entidades locais», este Consello de Contas poida solicitar outra referida aos reparos, expedientes de gastos ou anomalías comunicadas ou a calquera outro expediente de gastos ou ingresos, e, neste caso, o órgano interventor da entidade pública local debe facilitar tamén a información e documentación requirida de acordo co sinalado na epígrafe III.

Cuarto. No non previsto neste acordo observarase o establecido na «Resolución do 15 de xaneiro de 2020, da Presidencia do Tribunal de Contas, pola que se publica o Acordo do Pleno do 19 de decembro de 2019, polo que se aproba a Instrución sobre remisión de información relativa ao exercicio do control interno das entidades locais», sempre que non se opoña ou contradiga o disposto na «Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas»

Disposición transitoria. Remisión de información dos exercicios 2018 e anteriores

A remisión da información relativa ao exercicio do control interno das entidades locais nos exercicios 2018 e anteriores atenderá ao disposto no «Acordo do Pleno do 27 de xaneiro de 2016 polo que se aproba a Instrución relativa ao artigo 218.3 do texto refundido da Lei de facendas locais, en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa».

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Queda derrogado o «Acordo do Pleno, do 27 de xaneiro de 2016, polo que se aproba a Instrución relativa ao artigo 218.3 do texto refundido da Lei de facendas locais, en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O «Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 6 de marzo de 2020, polo que se aproba a Instrución relativa á remisión de información do exercicio do control interno das entidades locais de Galicia» entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.