Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 24 de marzo de 2020 Páx. 17249

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da ORDE do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C).

BDNS (Identif.): 500628.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas e as de iniciativa social que non accedan á bonificación da gratuidade da atención educativa e da matrícula a través doutros programas sempre que en ambos os dous casos teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas ás escolas infantís 0-3 anos de titularidade privada para promover a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2020 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020-2021 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar (código de procedemento BS420C).

2. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.

Así mesmo, entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 6.500.000 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Importe

2020.13.02.312B.470.2

2020-00052

6.000.000 euros

2020.13.02.312B.481.3

2015-00477

500.000 euros

2. O crédito consignado na aplicación 2020.13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.un.t) da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

3. O crédito consignado na aplicación 2020.13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e mais no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Contía da axuda

1. As axudas compensarán a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativa a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar na contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 260 euros/mes por praza a xornada completa, excluído, en todo caso, o mes de vacacións do neno ou nena.

2. Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula do curso 2020/2021 dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 200 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do de inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.

3. As axudas calcularanse en función das tarifas da escola infantil no curso 2019-2020 e do prezo da matrícula, os cales se poderán incrementar ata un 10 % para o curso 2020-2021 sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria e antes do 1 de setembro de 2020, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social