Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 27 de marzo de 2020 Páx. 17426

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2020, conxunta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da dita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Orde do 6 de febreiro de 2014, pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no punto 3.4 do seu protocolo determina que a creación de selos electrónicos se realizará mediante resolución das secretarías xerais, secretarías xerais técnicas, direccións xerais ou persoa titular da dirección da entidade pública instrumental competente, que deberá ser publicada en sede electrónica.

O Decreto 30/2017, do 30 de marzo, establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda. Na sección 2ª do capítulo III recolle as funcións da Subdirección Xeral de Contabilidade, entre as cales se atopan, entre outras, velar polo correcto funcionamento do sistema de información XUMCO e a explotación do devandito sistema.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma:

a) Xeración do documento contable electrónico.

b) Asignación do número de operación contable.

Segundo. Os órganos responsables, en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior, serán:

a) A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado XUMCO ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

Cuarto. Autorizar o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) para utilizar o selo electrónico denominado XUMCO para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Sexto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico XUMCO sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sétimo. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2020

Almudena Chacón Pichel
Interventora xeral da Comunidade Autónoma

Víctor Coladas Bilbao
Director do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable