Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 30 de marzo de 2020 Páx. 17484

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 60/2020, do 12 de marzo, polo que se aproba o cambio de denominación dos colexios oficiais de aparelladores, arquitectos técnicos e enxeñeiros de edificación da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que pasan a denominarse Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente.

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfírense as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta este traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, regula no seu artigo 13 o procedemento de modificación de denominación dos colexios profesionais e atribúe as facultades de iniciativa ao propio colexio, á Administración autonómica ou ao consello galego respectivo, para iso sinala que a aprobación do cambio de denominación se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

De conformidade co dito artigo, o cambio de denominación dos colexios pola de Colexio Oficial da Arquitectura Técnica foi solicitado polos catro colexios da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, logo do acordo das correspondentes xuntas xerais. Esta modificación fundaméntase na necesidade de adecuar a denominación actual aos pronunciamentos xudiciais firmes que anulan a denominación do título de enxeñaría da edificación, o que obriga aos colexios a suprimir da súa denominación a mención á dita titulación e evitar posibles controversias con outros colectivos profesionais.

Así mesmo, preténdese simplificar a denominación colexial e identificar o colexio cunha denominación que fai referencia a unha das titulacións académicas habilitantes para o exercicio da profesión, así como á profesión regulada de arquitectura técnica.

En virtude do sinalado, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de marzo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da denominación

1. Aprobar a modificación da denominación dos colexios oficiais de aparelladores, arquitectos técnicos e enxeñeiros de edificación da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que pasan a denominarse:

– Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña.

– Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Lugo.

– Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Ourense.

– Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra.

2. As referencias contidas nos estatutos e noutras disposicións vixentes, referidas aos colexios oficiais obxecto de modificación da súa denominación, débense entender realizadas aos colexios oficiais da arquitectura técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza