Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 1 de abril de 2020 Páx. 17729

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2020 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública da revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia Costa (ciclo 2021-2027).

A Directiva 2007/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación, ten como principais obxectivos obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións. Para obter estes obxectivos, define como ferramenta principal o plan de xestión de risco de inundación.

O 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Segundo a disposición derradeira segunda do Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, o plan deberá ser revisado e actualizado, como máis tarde o 22 de decembro de 2021 e, a continuación, cada seis anos.

Deberanse actualizar e revisar tamén, segundo indica o artigo 21 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, as restantes fases de implantación da Directiva 2007/60/CE, do 23 de outubro de 2007, a avaliación preliminar do risco de inundación (EPRI) e os mapas de perigosidade e risco de inundación (MAPRI).

O artigo 10.2 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, referido á cartografía de perigosidade e risco de inundación, determina que os mapas de perigosidade e risco de inundación se someterán a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses.

Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización dos devanditos mapas, polo que con base no citado artigo, esta dirección

RESOLVE:

Someter a consulta pública durante un prazo de tres meses a revisión e actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia Costa (ciclo 2021-2027), que comprende:

• A delimitación dos mapas de perigosidade e risco de inundación das novas áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) e subtramos de ARPSI definidos no documento “Revisión e actualización da avaliación preliminar do risco de inundación da demarcacion hidrográfica Galicia Costa (ciclo 2021-2027)” aprobada pola Dirección de Augas de Galicia o 25 de abril de 2019.

• A revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación correspondente ao ciclo 2015-2021, de determinadas ARPSI, nas cales o organismo de bacía detectou a necesidade de proceder á súa revisión e actualización.

A presente consulta pública inclúe os mapas de perigosidade e risco de inundación dos escenarios marcados pola Directiva 2007/60/CE, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión do risco de inundación.

Dada a magnitude desta información, o proceso de posta en consulta pública destes mapas realizarase de forma progresiva nas sedes e páxina web do organismo de bacía.

O sometido a consulta pública é un documento explicativo da metodoloxía empregada na actualización e revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación (MAPRI) da demarcación hidrográfica Galicia Costa do ciclo 2021-2027 e unha serie de información xeográfica que se poderá visualizar ou descargar a través do visor xeográfico da infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica Galicia Costa (IDE-DHGC), que pode consultarse:

1. Na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente, https://augasdegalicia.xunta.gal/).

Dentro do visor, a información xeorreferenciada sometida a consulta pública atópase baixo a epígrafe D2007/60 Mapas Inundables Fluviais ciclo 2021-2027 CP.

2. Nas seguintes oficinas de Augas de Galicia:

a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2-9º, 15008 A Coruña.

c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16 baixo, 15781 Santiago de Compostela.

d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo.

Os mapas de perigosidade e risco de inundación poderanse consultar durante un período de tres (3) meses e, dentro dese prazo, poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se xulguen convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O cómputo do prazo iniciarase no momento en que perda vixencia o acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, publicado por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Diario Oficial de Galicia núm. 51, do 15 de marzo) ou, de ser o caso, as prórrogas deste.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e, dentro desta, Augas de Galicia.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico augasdegalicia.dma@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia