Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 2 de abril de 2020 Páx. 17748

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2020 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais de nivel básico para persoal empregado público, traballador por conta allea ou autónomo, empresario ou persoa con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso en materia de prevención de riscos laborais.

RESOLVO:

Convocar o curso de prevención de riscos laborais que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nesta actividade formativa os empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 9 de abril de 2020.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula, desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

Cuarta. Criterios de selección

1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas, terán prioridade aquelas persoas que posúan a condición de delegadas de prevención, traballadoras designadas e/ou empresarias que asuman as funcións de prevención de riscos laborais na súa empresa (deberán achegar a documentación que o acredite issga.cursoprl@xunta.gal dentro do prazo de presentación de solicitudes).

2. No caso de que non haxa suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Non obstante, aqueles/as alumnos/as que non superen a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderán continuar o curso e serán substituídos/as por novos/as alumnos/as de acordo coa orde da lista de agarda.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas, o horario e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Issga poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Issga reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Issga garantirán nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV20022.

Prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga.

1. Obxectivos.

Proporcionar a formación que establece o anexo IV do Regulamento dos servizos de prevención (Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro), que capacita para o desenvolvemento das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais.

2. Destinatarios/as.

Poderán participar nesta actividade formativa os/as empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 60 h edición.

Edicións: tres.

Datas: do 21 de abril ao 18 de xuño de 2020.

Proba final presencial: o día 18 de xuño, ás 10.00 horas.

A proba final do curso realizarase de forma descentralizada nos centros territoriais do Issga nas localidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e en Santiago de Compostela na sede da EGAP, rúa Madrid 2-4, polígono das Fontiñas.

Prazas: 75 por edición.

4. Contido.

1º. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

2º. Riscos xerais e a súa prevención.

3º. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.

4º. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.

5º. Primeiros auxilios.

6º. Prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.