Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 7 de abril de 2020 Páx. 17974

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (DSP 634/2019).

María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 634/2019 deste xulgado do social, seguido por instancia de Mónica Lareo Sánchez contra Limpiezas El Polígono, S.L., Áncora Hispania, S.L. e Fogasa, sobre despedimento, se ditou a sentenza cuxa parte dispositiva di:

«Que estimando integramente a demanda interposta por Mónica Lareo Sánchez contra Áncora Hispania, S.L. e Limpiezas El Polígono, S.L., efectúo os pronunciamentos seguintes:

1. Debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento da demandante, efectuado pola demandada Áncora Hispania, S.L. con data de efectos do día 31 de xullo de 2019, e debo condenar e condeno a Limpiezas El Polígono, S.L. e a Áncora Hispania, S.L. a se ater á dita declaración, e condeno a Áncora Hispania, S.L. a que opte entre readmitir inmediatamente a traballadora demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento, con aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación desta sentenza a razón de 24,63 euros diarios, ou ben, á elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento á demandante dunha indemnización de 9.975,15 euros por despedimento improcedente.

A opción do empresario entre a readmisión da traballadora e a indemnización por despedimento improcedente deberase exercer no prazo de 5 días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito termo sen que o empresario optase, entenderase que procede a readmisión.

2. Debo condenar e condeno a Áncora Hispania, S.L. a aboar á demandante a cantidade de 2.347,18 euros brutos en concepto de salarios de xuño, xullo e 6 días de agosto de 2019, liquidación de vacacións de 2019 e indemnización de falta de aviso previo, máis os xuros previstos no artigo 29.3 do ET sobre os conceptos salariais (que comportan 1.571,21 euros) devindicados desde a data de presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución, e o xuro do artigo 1108 do Código civil sobre os conceptos indemnizatorios (que comportan 775,97 euros) desde a data de presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

3. Debo condenar e condeno a Áncora Hispania, S.L. ao aboamento das custas procesuais, con inclusión dos honorarios do letrado da parte demandante por importe de 200 euros.

4. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, non procede a súa condena nesta instancia. Deberase observar o que resulte da aplicación do artigo 33 do ET, con notificación da presente resolución.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que fronte a ela poderán interpoñer recurso de suplicación para ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Notifíquese ás partes, facéndolles saber que, en aplicación do mandato contido no artigo 53.2 da LXS, no primeiro escrito ou comparecencia ante o órgano xudicial, as partes ou interesados e, de ser o caso, os profesionais designados sinalarán un domicilio e datos completos para a práctica de actos de comunicación. O domicilio e os datos de localización facilitados con tal fin producirán plenos efectos e as notificacións neles intentadas sen efecto serán válidas ata que non sexan facilitados outros datos alternativos, e será carga procesual das partes e dos seus representantes mantelos actualizados. Así mesmo, deberán comunicar os cambios relativos ao seu número de teléfono, fax, enderezo electrónico ou similares, sempre que estes últimos estean a ser utilizados como instrumentos de comunicación co tribunal.

A anterior resolución entregarase á letrada da Administración de xustiza para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.

Por esta miña sentenza, xulgando definitivamente na primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que sirva de notificación en legal forma a Limpiezas El Polígono, S.L. e Áncora Hispania, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do xulgado.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

A letrada da Administración de xustiza