Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 29 de abril de 2020 Páx. 18908

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Caldas de Reis

ANUNCIO de exposición pública do expediente de orde de execución para a xestión da biomasa vexetal de parcelas de propietarios descoñecidos ou de propietarios aos cales non se lles puido practicar a notificación (expediente 2516/2018).

En cumprimento do previsto no artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia:

«3. Cando non se poida determinar a identidade da persoa responsable da xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas ou resulte infrutuosa a notificación da comunicación a que se refire o número anterior, esta efectuarase mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, no cal se incluirán os datos catastrais da parcela. Nestes supostos, o prazo para o cumprimento computarase desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado».

Por non poderse practicar a/s notificación/s por tratarse de propietario descoñecido, faise pública, mediante publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, a seguinte providencia da Alcaldía, do 20 de abril de 2020, para comparecencia dos interesados.

«Providencia da Alcaldía. Inicio execución forzosa. Execución subsidiaria. Trámite de audiencia. Expediente 2516/2018.

Antecedentes:

Con data do 28 de maio de 2019 ditouse orde de execución para limpeza de parcela que incumpre as obrigas de xestión da biomasa vexetal sita no lugar das Ribocias, San Clemente de Cesar, Caldas de Reis (ref. catastral 36005 A 029001940000TO).

O titular da parcela é descoñecido. As notificacións no expediente realizáronse conforme o disposto no artigo 22.3 da Lei 3/2007, mediante publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo conferido para cumprir o ordenado sen que se executase, acordouse iniciar trámite de execución forzosa mediante execución subsidiaria a custa do interesado (descoñecido) por considerar que, en razón da non identificación do titular, era o procedemento máis axeitado para acadar o cumprimento do ordenado.

Con data do 18 de febreiro de 2020 achegouse informe do servizo de obras municipal en que se cuantificaba o custo dos traballos de limpeza da parcela no importe de 150 euros (máis IVE).

Visto o informe xurídico do 15 de abril de 2020 sobre a procedencia de iniciar a execución forzosa mediante a imposición dunha primeira multa coercitiva e reiterar a orde de execución.

Fundamentos de dereito:

Visto o disposto nos artigos 99 e 100 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, relativo á execución forzosa dos actos administrativos mediante a execución subsidiaria por parte da Administración local a custa do interesado, en aplicación do establecido nos artigos 135 e 136 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, sen prexuízo da posibilidade de iniciación do correspondente expediente sancionador, coa imposición da multa que corresponda segundo a lexislación aplicable.

E en exercicio das atribucións recoñecidas nos artigos 21.1.k) da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e á vista dos antecedentes que constan no expediente, dito a presente providencia:

Primeiro. Dar conta da valoración dos traballos de limpeza da parcela sita nas Ribocias, San Clemente de Cesar, Caldas de Reis (ref. catastral 36005A29001940000TO), que serán executados polo Concello en execución subsidiaria da Orde do 28 de maio de 2019, a custa do interesado (actualmente descoñecido), e que se cuantifican provisionalmente nun total de 150 euros (máis IVE). Concédese un (*) prazo de dez (10) días de audiencia, para que calquera interesado poida presentar os escritos ou alegacións que considere oportunos, previamente á súa aprobación e ao inicio das actuacións materiais de execución forzosa.

Segundo. Notifíquese este acordo a través de anuncios no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia ao ser o propietario da parcela descoñecido, conforme o establecido nos artigos 40 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para os efectos oportunos.

(*) Aviso importante:

En virtude da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establécese a suspensión e interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Soamente se renovará o cómputo dos prazos unha vez que o real decreto perda a súa vixencia ou a perdan as prórrogas que se realicen sobre el.

Caldas de Reis, 21 de abril de 2020

Juan Manuel Rey Rey
Alcalde presidente