Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19816

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade das convocatorias do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O artigo 92 bis, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificou, no seu punto 6, a regulación dos sistemas de provisión definitiva dos postos de traballo reservados á escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional. En particular, a citada normativa estableceu unha nova porcentaxe para a valoración dos méritos xerais, méritos de determinación autonómica e méritos específicos.

Así mesmo, o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, que desenvolve o citado artigo 92 bis, da Lei 7/1985, establece na súa disposición transitoria quinta que aos concursos de provisión de postos de traballo reservados aos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, que se convoquen con anterioridade á entrada en vigor do dito Real decreto e da súa Orde de desenvolvemento, lles será de aplicación o Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, e a Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

De acordo coa anterior normativa e co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en uso das atribucións conferidas polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade conxunta ás convocatorias do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, aprobadas polas corporacións locais de Galicia, que se inclúen no anexo desta resolución.

Segundo. Respecto ao contido común das bases reguladoras, esta resolución remítese á publicación que realizará a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública no Boletín Oficial del Estado, que servirá de base para o cómputo dos prazos.

Terceiro. Coñecemento da lingua galega.

O coñecemento da lingua galega acreditarase nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

O tribunal de valoración realizará unha proba de carácter eliminatorio aos/ás aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente. Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente. Para a realización desta proba, o tribunal de valoración incorporará asesores/as especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Cuarto. Méritos de determinación autonómica.

A valoración dos méritos autonómicos realizaraa o tribunal de conformidade coas regras e puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ata un máximo de 3 puntos.

Para a valoración dos méritos autonómicos os tribunais de valoración poderán solicitar á Dirección Xeral de Administración Local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos, relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, está constituído polos seguintes:

a) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,5 puntos.

b) Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

c) Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

d) Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

A forma de valoración que corresponde a cada un dos méritos autonómicos é a que se indica a continuación:

a) Cursos de formación e perfeccionamento.

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente foron homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para estes efectos.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos/ás funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para estes efectos. Para o suposto de que a puntuación dalgún curso non estivese determinada na súa convocatoria, correspondendo o seu obxecto coa aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia (e sempre que non formase parte dos procesos selectivos correspondentes), valorarase de conformidade cos criterios establecidos pola consellería competente en materia de réxime local en coordinación coa EGAP, do xeito que se describe a seguir:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

b) Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia segundo se indica:

b.1) Servizos prestados como funcionarios/as de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

b.1.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

b.1.2) De distinta subescala ou/e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

b.2) Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionario/a de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

b.2.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

b.2.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

c) Actividade docente.

A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública ou realizados en colaboración con esta.

A súa valoración será a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

d) Publicacións.

Valoraranse as publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, a razón de 0,10 puntos por cada monografía, e 0,05 por cada artigo, sempre que aparezan en publicacións con ISBN ou ISSN.

Os/as concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.

Quinto. Méritos específicos.

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se inclúen no anexo desta resolución.

Sexto. Valoración de méritos.

O tribunal de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo a quen non os reúna. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño. A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:

– Méritos xerais, ata un máximo de 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais do persoal habilitado nacional que aprobe a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, sen que sexa posible acreditación adicional algunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

– Méritos de determinación autonómica ata un total de 3 puntos.

– Méritos específicos ata un total de 1,50 puntos.

A valoración dos méritos de determinación autonómica e dos méritos específicos efectuarase con base na documentación acreditativa achegada polas persoas concursantes.

Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, o tribunal asignará unicamente a puntuación de méritos xerais e de méritos autonómicos.

En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, o tribunal dará prioridade na proposta de adxudicación a aquela persoa que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración do artigo 15 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Sétimo. Os actos administrativos das corporacións locais e dos tribunais de valoración realizados no procedemento do concurso poderán ser impugnados conforme o previsto nos artigos 121 e 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases específicas que rexen as convocatorias

• Interventor/a adxunto/a da Deputación Provincial de Lugo

Primeira. Características do posto

1. Corporación: Deputación Provincial de Lugo.

2. Denominación do posto: interventor/a adxunto/a (nº 1.452).

3. Escala, subescala e categoría a que pertence o posto: habilitación de carácter nacional. Escala intervención-tesouraría. Categoría superior.

4. Nivel de complemento de destino: 27.

5. Contía do complemento específico: 2.433,75 €/mes.

6. Situación da praza na data da convocatoria: vacante e dotada.

Segunda. Méritos específicos (5 % do total: 1,5 puntos)

A) Cursos de formación e perfeccionamento (máximo 0,70 puntos).

– Por cursos realizados sobre fiscalización interna das corporacións locais.

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

Só serán valorados cursos impartidos polo INAP, EGAP ou organismos equivalentes doutras comunidades autónomas, e universidades.

Baremo.

Só se valorarán os cursos cunha duración de máis de 20 horas a razón de 0,35 puntos por curso.

Para os efectos de garantir a actualización dos coñecementos, só serán valorados aqueles cursos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2009.

Acreditación.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados a que se refiren.

Motivación.

Considérase necesario garantir neste punto unha adecuada formación nas materias sinaladas, que constitúen o núcleo de funcións esenciais do posto. Por outra parte, establécese unha duración mínima dos cursos e unha data de realización en aras a garantir unha formación máis actualizada, completa e pertinente.

b) Docencia (máximo 0,80 puntos).

Actividades de docencia (conferencias, relatorios e similares) que versen sobre contabilidade analítica e/ou custos dos servizos públicos na Administración local.

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

Só será valorada a actividade docente en cursos impartidos polo INAP, EGAP ou órganos equivalentes doutras comunidades autónomas, deputacións provinciais ou universidades, impartidos desde xaneiro de 2005.

Baremo.

As ditas actividades docentes serán valorados a razón de 0,26 puntos por conferencia ou relatorio.

Acreditación.

As actividades de docencia acreditaranse mediante certificados expedidos polas entidades organizadoras correspondentes á actividade invocada ou documento acreditativo do nomeamento como relator ou conferenciante.

Motivación.

Considérase necesario valorar a función de docencia nestas materias, por estar relacionadas coas materias que gardan relación directa coas funcións do posto que se cubra, cuxo titular tamén realizará actividades de asistencia e asesoramento aos concellos que soliciten información a través do servizo provincial de cooperación e asistencia a concellos en materias relacionadas coa función interventora e de control interno e auditoría.

Terceira. Méritos de determinación autonómica

Méritos de determinación autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional), conforme as regras e condicións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e que serán valorados ata un 15 % do total da puntuación máxima posible do conxunto do concurso.

Cuarta. Méritos xerais

Os méritos xerais son os determinados pola Administración do Estado, cuxa acreditación a efectuará a dirección xeral competente por instancia dos interesados, que serán valorados ata un 80 % do total da puntuación máxima posible do conxunto do concurso.

Quinta. Coñecemento do idioma galego

Para cumprimento do establecido na normativa de aplicación, nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os aspirantes deberán acreditar, mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso, estar en posesión do certificado de lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente deberán facer unha proba en que se avaliará co resultado de apto ou non apto o grao de coñecemento de galego que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Sexta. Puntuación mínima e entrevista

A) Puntuación mínima. Non se establece.

B) Entrevista. Non se prevé.

Sétima. Comisión de valoración

Comisión titular:

Presidente: Manuel García Mel, xefe do Servizo de Recursos Humanos da Deputación Provincial de Lugo.

Secretaria: María Esther Álvarez Martínez, secretaria xeral da Deputación Provincial de Lugo.

1º Vogal: Rosa Abelleira Fernández, interventora da Deputación Provincial de Lugo.

2º Vogal: Gloria Baamonde Tomé, xefa do Servizo de Fiscalización da Deputación Provincial de Lugo.

3º Vogal: Vázquez Fernández, interventor do Concello de Lugo.

Comisión suplente:

Presidente: Xesús Arrizado Yáñez, técnico asesor en Recursos Humanos da Deputación Provincial de Lugo.

Secretaria: Montserrat Conde López, secretaria-interventora da Deputación Provincial de Lugo.

1º Vogal: José Ferreiro Fernández, tesoureiro da Deputación Provincial de Lugo.

2º Vogal: Fernando Seijas Puga, xefe do Servizo de Contabilidade e Contas da Deputación Provincial de Lugo.

3º Vogal: María García Ferro, vicesecretaria do Concello de Lugo.

• Secretaría de clase 3ª do Concello de Castrelo do Val (Ourense).

– Denominación do posto: secretaría de clase 3ª.

– Denominación da corporación: Concello de Castrelo do Val.

– Poboación a 1.1.2019: 1.001 habitantes.

– Subescala: secretaría-intervención.

– Nivel de complemento de destino: 28.

– Complemento específico: 18.606,14 €/año.

Baremo de méritos específicos:

Tendo en conta os requisitos de experiencia e formación que se considera conveniente que reúna o aspirante que finalmente acceda ao posto cuxa provisión se convoca e as necesidades propias deste concello, ponderadas en función das características do municipio e a organización do traballo, exponse:

Ao tratarse dun municipio rural e insertado nunha comarca sobre cuxos concellos se asenta unha mancomunidade de municipios, que completa e complementa a prestación dos servizos municipais, os méritos específicos que se valoren deben necesariamente primar a experiencia profesional en relación coas características propias deste concello.

De acordo cos estatutos da mancomunidade de municipios a que o concello pertence, a secretaría-intervención do ente supramunicipal desempeñarase en acumulación por algún dos titulares das secretarías-intervencións dos concellos mancomunados.

Así ante a previsión da súa cobertura por quen ocupe a do Concello de Castrelo do Val, resulta obxectivamente conveniente a experiencia laboral no desempeño de postos de secretaría-intervención de mancomunidades de municipios.

Como consecuencia do exposto anteriormente, o Concello de Castrelo do Val prima valorar este mérito, por tratarse dun criterio obxectivo para fixar responsabilidades municipais, estando relacionado directamente coas funcións do posto de secretaría-intervención.

Por outro lado, como xa se mencionou anteriormente, ao tratarse dun pequeno municipio, a súa organización administrativa está composta fundamentalmente por persoal, tanto funcionario como laboral de diferentes categorías profesionais, e o concello, con certo atraso, atópase en plena implantación da Administración electrónica, o que demanda tanto cambios na organización e na xestión municipais como un claro rol directivo do habilitado nacional que vaia ocupar o posto.

É o secretario-interventor quen deberá liderar esta implantación, que pola súa propia complexidade aúna cuestións xurídicas, técnicas, procedimentais e organizativas. Este proceso e os mecanismos implícitos (a sinatura electrónica, a sede electrónica, o perfil de contratante, a notificación electrónica ou factura electrónica) implican que as funcións públicas necesarias en todas as corporacións locais, a saber: a secretaría e o control e a fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, conlevan, de facto, a dirección inmediata e operativa dos servizos tanto de contido xurídico e administrativo como de contido económico-financeiro da Administración da entidade local, baixo a superior autoridade do alcalde.

De feito o artigo 2.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (reproducindo o artigo 1.3 do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro), establece claramente que «Quen exerza a responsabilidade administrativa de cada unha das funcións referidas no punto 1, terá atribuída a dirección dos servizos encargados da súa realización, sen prexuízo das atribucións dos órganos de goberno da Corporación local en materia de organización e dirección dos seus servizos administrativos».

Así pois, resulta obxectivamente conveniente a formación en funcións directivas. Como consecuencia do exposto anteriormente, o Concello de Castrelo do Val prima valorar este mérito, por tratarse dun criterio obxectivo para fixar responsabilidades municipais, estando relacionado directamente coas funcións do posto de secretaría-intervención.

Hai que sinalar que o Concello de Castrelo do Val carece de relación de postos de traballo e acordo regulador das condicións de traballo para os empregados públicos que impiden a descrición dos postos de traballo e a súa valoración económica, así como das funcións que realizan cada un dos traballadores que integran o persoal con tarefas administrativas dentro das oficinas municipais, polo que a coordinación das funcións que se realizán entre o distinto persoal municipal resulta clave para o habilitado nacional que desempeñe o posto de secretaría-intervención neste concello.

Tamén é importante destacar que aínda non se creou o posto de tesouraría, cuxas funcións inherentes ao posto son desempeñadas actualmente por un auxiliar administrativo, polo que está aberta a posibilidade de que o titular da secretaría-intervención teña que asumir as ditas tarefas.

Por todo iso, establécense os seguintes méritos específicos que o tribunal terá en conta para as súas valoracións.

a) Experiencia profesional.

A puntuación máxima nesta epígrafe será de 0,70 puntos.

Por experiencia profesional dos aspirantes no desempeño de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional na subescala de secretaría-intervención, en virtude de nomeamento mediante calquera das formas de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (xa sexa en propiedade, provisional, comisión de servizos ou acumulación), en mancomunidades de municipios, a razón de 0,015 puntos por mes ata un máximo de 0,70 puntos.

Medios de acreditación:

A acreditación destes méritos realizarase mediante certificados das distintas entidades locais en que se acrediten o tempo de servizos prestados en cada unha delas. Ademais, presentarase, se é o caso, a resolución correspondente da Dirección Xeral da Administración Local de Galicia.

Para efectos de valoración dos servizos prestados, considéranse os servizos prestados por calquera das formas de provisión previstas no artigo 10.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

b) Cursos de formación e perfeccionamento.

A puntuación máxima nesta epígrafe será de 0,60 puntos.

Como xa se mencionou anteriormente, por tratarse dun pequeno municipio, a súa organización administrativa está composta por persoal, tanto funcionario como laboral de diferentes categorías profesionais, e o concello atópase en plena implantación da Administración electrónica, o que demanda tanto cambios na organización e na xestión municipais como un claro rol directivo do habilitado nacional que vaia ocupar o posto.

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

Soamente se valorarán os cursos que impartan as administracións públicas (Administración Xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas adicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP) e colexios oficiais de secretarios, interventores e secretarios-interventores da Administración local.

Neste punto valoraranse cursos sobre as funcións directivas nas administracións públicas (estatal, autonómica ou local) ou para a obtención do diploma de directivo de comunidade autónoma ou equivalente para as outras administracións, de acordo co seguinte:

– Cursos de 50 a 100 horas, a razón de 0,30 puntos/curso.

– Cursos de máis de 100 horas, a razón de 0,60 puntos/curso.

Puntuación máxima de 0,60 puntos.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada do/dos título/s ou certificado/s de asistencia a que se refiren.

c) Outros méritos: (non se valoran).

d) Entrevista: non se prevé a realización de entrevista.

e) Méritos de determinación autonómica e medios para a súa acreditación.

Efectuarase con base na acreditación que acheguen os concursantes e de conformidade coas previsións do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional.

f) Coñecemento da lingua galega:

Os aspirantes acreditaranno nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión dos postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Comisión de valoración:

Tribunal titular:

– Presidente: Miguel Ángel Rodríguez Rodríguez, secretario-interventor do Concello de Sandiás (Ourense).

– Secretario e 1º vogal: Paulino Fernández Salgado, secretario-interventor do Concello de Monterrei (Ourense).

– 2º Vogal: Cristina Taboada González, secretaria do Concello de Oímbra (Ourense).

Tribunal suplente:

– Presidente: Darío Antonio Mangana Rivas, secretario-interventor do Concello de A Gudiña (Ourense).

– Secretario e 1º vogal: María Jesús Romero Chillón, secretaria-interventora do Concello de Vilardevós (Ourense).

– 2º Vogal: Cristina Villarino Santiago, secretaria-interventora do Concello de Trasmiras (Ourense).

• Secretaría de clase 3ª do Concello de Vilar de Santos (Ourense).

1. Obxecto.

O obxecto das presentes bases será o establecemento dos méritos específicos, a súa forma de acreditación e valoración, así como a composición do tribunal cualificador do concurso ordinario para a provisión do seguinte posto de traballo:

– Denominación do posto: secretaría de clase 3ª.

– Denominación da corporación: Concello de Vilar de Santos (Ourense).

– Poboación na data 1.1.2019: 820 (fonte INE).

– Subescala: secretaría-intervención.

– Nivel de complemento de destino: 28.

– Complemento específico: 17.903,34 €/ano.

2. Méritos.

2.1. Méritos xerais.

A valoración de méritos xerais obterase da relación publicada na páxina web do Ministerio de Facenda e Función Pública, na mesma data que a convocatoria conxunta, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

2.2. Méritos de determinación autonómica.

Efectuarase con base na acreditación achegada polos concursantes e de conformidade coas previsións do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional.

2.3. Méritos específicos da corporación local.

Non se prevén.

3. Coñecemento da lingua galega.

Os aspirantes acreditaranno nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Comisión de valoración.

Tribunal titular:

– Presidente: Mario Luis Rodríguez Fernández, secretario-interventor asesor da Deputación Provincial de Ourense.

– Secretario: Carlos Javier Fernández Fernández, oficial maior do Concello de Ourense.

– 1º Vogal: Ana María Guerra Villamarín, secretaria do Tribunal Económico-Administrativo do Concello de Ourense.

– 2º Vogal: María da Concepción Martínez Taboada, secretaria-interventora do Concello de Toen.

– 3º Vogal: Jacobo Manuel Rayón Cedeira, secretario-interventor do Concello de Chandrexa de Queixa.

Tribunal suplente:

– Presidente: Francisco Javier Rodríguez Tourón, secretario-interventor asesor da Deputación Provincial de Ourense.

– Secretario: Francisco Javier Llorente Serrano, secretario-interventor asesor da Deputación Provincial de Ourense.

– 1º Vogal: Patricia Hernández Estévez, secretaria-interventora do Concello de Arbo.

– 2º Vogal: Maximino Jardón Pedras, secretario-interventor do Concello de Allariz.

– 3º Vogal: José Luis Feijoo Feijoo, secretario-interventor do Concello de Bande.

5. Normativa supletoria.

En todo o non previsto nas presentes bases estarase ao disposto no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e demais normativa de aplicación.