Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 13 de maio de 2020 Páx. 19954

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 8 de maio de 2020 pola que se modifica a Orde do 30 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código do procedemento CO300C).

A Orde do 30 de xaneiro de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 36, do 21 de febreiro de 2020, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e procede a súa convocatoria para o ano 2020 (código do procedemento CO300C).

No artigo 3.5 da convocatoria, establécese que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, é dicir, ata o 23 de marzo de 2020.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, suspendeu os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Así mesmo, estableceu na mesma disposición que o cómputo dos prazos continuará no momento en que perda vixencia o real decreto ou, de ser o caso, as súas prórrogas, e que a suspensión de termos e a interrupción de prazos se aplicará a todo o sector público definido na Lei 39/2015, no que se encadra a Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Porén, no punto cuarto sinala que as entidades do sector público poderán acordar de xeito motivado a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Consello da Xunta de Galicia, en acordo adoptado en sesión celebrada o 24 de abril de 2020, decidiu dar continuidade a unha serie de procedementos administrativos entre os que se atopa este.

Tendo en conta que o sector do comercio ao retallo foi un dos máis afectados por esta crise e que as actuacións subvencionables desta orde son indispensables para a volta á actividade e que os establecementos comerciais poidan incorporar medidas de dixitalización ou reformas, resulta indispensable ampliar o antedito prazo xa que as excepcionais circunstancias están a producir problemas operativos tanto nas pequenas e medianas empresas como nas persoas autónomas e, por extensión, aos asesores e xestores que afrontan serias dificultades para recompilar a información necesaria para a presentación das solicitudes.

Visto que o artigo 32.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece a posibilidade de que a Administración, salvo precepto en contrario, poida conceder, de oficio ou por pedimento das persoas interesadas, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda da metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiro.

Visto que a actual contorna de crise e incerteza económica e dado que é posible que as medidas de distanciamento social continúen no tempo, considérase preciso facilitar o acceso ás axudas a aquelas empresas e persoas autónomas que o precisen mediante a introdución da posibilidade de pagamentos anticipados das axudas.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal e procédese á súa convocatoria para o ano 2020 (código do procedemento CO300C) ata o 29 de maio de 2020.

Artigo 2

Modifícase o artigo 2 das bases reguladoras, que queda redactado nos seguintes termos:

As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con crédito con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.1 «Dixitalización e innovación do sector comercia» por un importe total de 3.800.000,00 € euros.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables e mesma persoa beneficiaria.

As persoas beneficiarias poderán solicitar, unha vez recibida a concesión da axuda, un anticipo de ata o 50 %, segundo o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da citada lei, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación ou, se é o caso, pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 3

Publicar a presente orde para o seu xeral coñecemento, no Diario Oficial de Galicia, na sede electrónica da Xunta de Galicia e no portal do comerciante.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria