Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2020 Páx. 20123

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2020 pola que se amplían os prazos de execución e de xustificación previstos na Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento TU300A).

O 14 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 9 a Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.

A devandita resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos orixinais de dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021, co obxectivo principal de lograr unha programación sociocultural que anticipe a celebración do Xacobeo 2021, para a promoción e potenciación de Galicia, así como o reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, obradoiros, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras (TU300A).

O artigo 16.2 das citadas bases reguladoras establece os seguintes prazos de execución e xustificación das axudas concedidas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2019, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2019.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2019 e o 30 de abril de 2020, o prazo de xustificación rematará o 15 de maio de 2020.

Dadas as medidas extraordinarias adoptadas na Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, publicadas no DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo; na Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, publicado no DOG núm. 50-Bis, do 13 de marzo, e no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, publicado no BOE núm. 67, do 14 de marzo, que foi prorrogado tres veces mediante o Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, o Real decreto 487/2020, do 10 de abril, e o Real decreto 492/2020, do 24 de abril, faise preciso revisar os prazos de execución e xustificación dos proxectos imputables á anualidade 2020, posto que se ven directamente afectados polas medidas anteditas.

En relación cos procedementos administrativos, o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo dispón no seu punto segundo:

«As consellerías competentes adoptarán, de acordo coa lexislación aplicable, as medidas de ampliación de prazos que sexan precisas nos procedementos en tramitación, para posibilitar o seu cumprimento polos cidadáns.

Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para posibilitar o cumprimento dos requisitos establecidos nas correspondentes bases reguladoras aos beneficiarios de subvencións.

Procurarase en todos os casos que sexa posible a tramitación telemática dos procedementos evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros».

Así mesmo, e dado que a presente situación supón causa sobrevida non imputable ás entidades beneficiarias, no caso de que as actuacións fosen canceladas por non ser posible o cambio das datas da súa celebración, a Axencia Turismo de Galicia poderá pagar, logo da xustificación motivada, os gastos non recuperables en que tivesen incorrido as entidades beneficiarias.

Polo exposto,

RESOLVO:

1. Modificar o artigo 16.2 da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020, de xeito que queda redactado como segue:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2019, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2019.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2020.

2. No caso de que a entidade beneficiaria xustifique motivadamente e acredite a asunción de gastos non recuperables pola cancelación da actividade subvencionada que non puidese realizarse debido ás medidas acordadas para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a Axencia Turismo de Galicia poderá proceder ao pagamento destes gastos logo da xustificación da realización dos gastos e do seu pagamento pola entidade beneficiaria.

3. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia