Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 15 de maio de 2020 Páx. 20196

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 4 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR450A).

BDNS (identif.): 505068.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo; ou que tivese presentada oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel, neste caso, a concesión da subvención quedará condicionada á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición débese cumprir, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2017, no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou de organismos e entidades adscritas a esta para o mesmo equipamento, nos últimos cinco anos, incluído o 2019, de acordo co establecido no artigo 4.

d) As mancomunidades ou agrupacións de concellos, no caso de prestar de xeito mancomunado o servizo de protección civil e emerxencia, terán que presentar a súa solicitude de forma conxunta e mancomunada, que será incompatible coa solicitude individual dos concellos que compoñan a entidade.

Segundo. Obxecto

Establecemento das bases reguladoras e da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupaciones de voluntarios de protección civil inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 4 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2020 para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR450A).

Cuarto. Importe

A actuación que se vai desenvolver ten natureza de subvención en especie e o equipamento para ceder distribuirase nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1. 8 vehículos todo terreo tipo pick-up.

Liña 2. 12 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3. 37 tendas de campaña para emerxencias.

Liña 4. 4 UTV (Utility Task Vehicle) con clasificación T1b.

Liña 5. 12 coitelas para retirada de neve.

Liña 6. 12 esparexedores de sal.

Liña 7. 4 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza