Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 15 de maio de 2020 Páx. 20293

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN501A).

A disposición adicional sexta da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de economía, que ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

Nos termos recollidos no artigo 2 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, desde a Xera preténdese incentivar o avance da formación e cualificación do persoal empregado no sector forestal, favorecendo a capacitación profesional e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector, así como a información/formación sobre actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, e coa xestión sustentable dos recursos.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 está consignado crédito por importe de 500.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.481.0, código de proxecto 2018 00005, para atender as axudas da presente resolución.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia Galega da Industria Forestal, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras que regulan as axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal, a competitividade, o deseño e innovación e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de formación e coa Axenda de Impulso da Industria Forestal, e a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2020 (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza clave na transición cara ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e os seus produtos derivados.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta resolución:

a) Asociacións, organizacións e entidades sen ánimo de lucro representativas ou relacionadas co sector forestal.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI).

c) Colexios profesionais cando os proxectos subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e estar ao día das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos ditos rexistros.

b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

3. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de xeito individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo. Neste último suposto, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de presentación conxunta, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

4. Unicamente poderá presentarse un proxecto por solicitante, agás no caso de proxectos conxuntos. En caso de presentar máis dunha solicitude individual terase en conta a presentada en último lugar e procederase á inadmisión das restantes presentadas.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. Os proxectos recollerán:

a) Organización de actividades formativas non regradas, tales como cursos ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal. En concreto, subvencionaranse as seguintes actividades:

a.1) Formación específica non regrada:

1º. Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina (quedan excluídos os alimentarios como fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais), en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serradura, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do deseño como ferramenta de innovación e diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.

5º. Deseño e cálculo de estruturas de madeira, mecanizado, montaxe, así como reparación, rehabilitación e intervencións en estrutura de madeira.

6º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais

a.2) Formación non regrada de carácter transversal:

1º. Seguridade e saúde nos procesos da cadea forestal que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a reciclaxe neste eido.

2º. Competencias para o manexo de software e TIC no ámbito da industria forestal.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión ou dirección.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos de monitorización de orixe e destino da madeira.

b) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral calquera acción de divulgación sobre a industria forestal. En concreto, subvencionaranse as seguintes actividades:

1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e á economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise de ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais, etc.

2º. Novos usos da madeira na construción.

3º. Materiais derivados da madeira e as súas últimas innovacións.

4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos de monitorización da orixe e destino da madeira.

5º. Nova demanda de produtos madeireiros: valorización e aproveitamento da biomasa para a produción de enerxía.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Normas xerais:

a) Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data de xustificación establecida no artigo 23 destas bases reguladoras. Para os efectos desta resolución, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior á data de xustificación por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables.

c) Os tributos considéranse gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente e estean directamente relacionados coa actividade subvencionada. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

d) As actividades realizaranse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para os contratos menores, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) Os provedores e os relatores externos contratados non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

g) Os orzamentos e facturas presentados deben desagregar cada un dos conceptos obxecto de subvención e indicar a actividade á cal se corresponden. En caso de incumprimento desta obriga ou no caso de conceptos xenéricos, tales como «outros», o gasto da factura non se considerará subvencionable.

2. Normas específicas para diferentes tipos de gasto.

a) No caso de actividades formativas non regradas, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades en que se acredite a asistencia mínima de 10 alumnos, xustificada na forma establecida nesta resolución e sempre que polo menos o 70 % do alumnado acredite unha asistencia mínima do 80 % da duración da actividade.

b) No caso de actividades divulgativas, agás aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais, serán subvencionables os gastos correspondentes sempre e cando se acredite a asistencia mínima de 20 persoas.

c) En ambos os casos, a) e b), así como no resto de actividades de divulgación, serán subvencionables os custos directos asociados á realización da actividade. Exclusivamente considéranse custos directos os seguintes:

1º. Recursos humanos:

i) Gastos de persoal propio. O gasto subvencionable calcularase atendendo á duración efectiva da actividade formativa ou de divulgación. O importe calcularase segundo os seguintes custos unitarios e baseándose no perfil do traballador asignado:

Perfil

Custo horario

Persoal xestor

23 €/hora

Persoal investigador / profesorado / persoal formador

20 €/hora

Persoal técnico

15 €/hora

Persoal administrativo

11 €/hora

ii) Custos de contratación de relatores externos.

iii) Os gastos por aloxamento e manutención non superarán os límites seguintes:

Aloxamento

Manutención

½ día

Día completo

Persoal propio

-

14,11 €

-

Relatores externos

48,95 euros/día

14,11 €

28,21 €

2º. Gastos correspondentes á elaboración de documentación e materiais didácticos, así como á edición de relatorios ou publicacións.

3º. Gastos de desprazamento ao lugar onde se realiza a actividade. No caso de vehículo propio, a contía subvencionable limítase a 0,19 euros por km.

4º. Os gastos de alugamento de edificios, locais, medios audiovisuais e demais materiais que se precisen para realizar as actividades.

5º. Gastos de publicidade para a organización e difusión das actividades subvencionables.

d) Estes gastos deberán presentarse debidamente desagregados por cada acción formativa non regrada e divulgativa e xustificaranse os criterios de imputación a esta.

e) Non se subvencionarán custos indirectos, tales como auga, luz, electricidade, etc.

f) Non se subvencionará a adquisición de maquinaria.

g) Non serán subvencionables os gastos realizados en concepto de arrendamento financeiro (leasing), renting ou sistemas similares.

h) Tanto para as actividades divulgativas como formativas non regradas non serán subvencionables os gastos correspondentes á manutención das persoas asistentes, tales como servizos de comida e pausa-café.

3. No caso de que se obteñan ingresos pola realización das actividades, o gasto subvencionable calcularase minorando do custo real da actividade os ingresos efectivamente percibidos por ela.

4. Así mesmo, deberá respectarse o disposto no artigo 8 sobre compatibilidade e concorrencia con outras axudas.

Artigo 5. Criterios de valoración

1. Para a concesión das axudas realizarase unha avaliación e ordenación en orde decrecente de todos os proxectos incluídos nas solicitudes presentadas, asignándolles a puntuación que corresponda segundo os seguintes criterios de baremación:

a) Pola presentación conxunta de solicitudes: 20 puntos.

b) Por cada actividade en que participen universidades ou institutos de innovación recoñecidos: 10 puntos.

c) Por cada actividade incluída no proxecto en concordancia coa Estratexia de formación da industria forestal e descrita no artigo 3: 5 puntos.

d) Por cada actividade incluída no proxecto en concordancia coa Axenda de Impulso da Industria Forestal: 5 puntos.

e) Por proxectos con actividades que dean lugar a reportaxes, artigos ou publicacións en medios de difusión, tales como revistas científicas ou emisión en medios audiovisuais, agás nos medios de difusión das propias entidades solicitantes: 10 puntos.

f) Polo emprego da lingua galega nas actividades e/ou nos materiais utilizados nas actividades propostas, tales como trípticos, material didáctico, etc., daranse 5 puntos adicionais por cada actividade.

g) Pola tradución para o inglés dos materiais divulgativos desenvoltos en galego, como vídeos, folletos ou publicacións: 5 puntos.

A puntuación total para cada proxecto será a suma das puntuacións obtidas nas alíneas a), b), c), d) e), f) e g).

2. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada para as actividades para as cales se solicita a subvención, e ordenada e valorada de acordo con ela.

3. O órgano competente para resolver asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes correspondentes ás actividades que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

En caso de empate, resolverase segundo os seguintes criterios:

Primeiro. Proxectos presentados conxuntamente con outras entidades.

Segundo. Proxectos que teñan máis puntos no criterio correspondente á alínea b).

Terceiro. Solicitudes de axuda de maior a menor importe.

Artigo 6. Organización e requisitos das actividades

1. As actividades de carácter formativo non regradas deben estar orientadas a profesionais da industria forestal.

2. Control de asistencia:

a) Actividades formativas non regradas: deberá levarse un control de asistencia diario, que será asinado polo alumnado á hora de entrada e saída, así como pola persoa representante da entidade conforme o anexo XI, sen prexuízo do disposto no artigo 24.1.e) para o caso de actividades xa realizadas na data de presentación da solicitude.

b) Para as actividades divulgativas, tales como, xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas en colexios, universidades ou outros centros, ou en xeral para calquera acción de divulgación sobre a industria forestal, será suficiente certificación do representante da entidade, acompañada, de ser o caso, dos datos de inscrición na actividade.

c) En ambos os casos será imprescindible recompilar o número de asistentes desagregado por xénero.

Artigo 7. Financiamento

1. As axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.481.0 no código de proxecto 2018 00005. O orzamento destinado a esta convocatoria do exercicio contable 2020 é de 500.000 euros.

2. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá aumentar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 8. Intensidade e compatibilidade das axudas

1. A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, ata un máximo de 80.000 euros por beneficiario.

2. As subvencións reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra clase de subvencións, axudas ou ingresos obtidos para a mesma finalidade.

3. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución non poderá ser tal que, illadamente ou en concorrencia con outros ingresos obtidos para a mesma finalidade, coas axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria, en que se incluirán todos os custos directamente derivados dela.

4. O importe máximo das axudas deberá respectar os límites que se establecen nesta resolución.

Artigo 9. Solicitude e prazo de presentación

1. Para poder ser beneficiario/a da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Axencia Galega da Industria Forestal axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 desta resolución. As solicitudes presentaranse co contido mínimo exixido no citado artigo para os efectos de considerarse solicitude completa.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación no DOG desta resolución.

3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. Toda a información está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

5. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no proxecto para o cal se solicita a axuda.

h) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

i) Declaración responsable de que ningún dos provedores e relatores está asociado nin vinculado coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar obrigatoriamente coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia dos estatutos da entidade solicitante en que figure o seu obxecto social. Cada entidade achegará a documentación que se indica nesta alínea, no caso de solicitudes conxuntas.

b) Certificación do rexistro competente que acredite a súa inscrición nel, así como que está ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos ditos rexistros.

Cada entidade achegará a documentación que se indica nesta alínea, no caso de solicitudes conxuntas.

c) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude. Cada entidade achegará a documentación que se indica nesta alínea, no caso de solicitudes conxuntas.

d) Anexo II de pluralidade de persoas solicitantes, no cal se detallarán todos os solicitantes a maiores do que figura no anexo I, no caso de solicitudes formuladas conxuntamente. Este anexo integra para cada entidade solicitante a autorización á entidade sinalada como representante para a presentación da solicitude en nome do resto.

e) Anexo III, de declaración expresa doutras axudas e cumprimento de requisitos, para cada entidade solicitante, no caso de solicitudes formuladas conxuntamente. Este anexo, integra para cada entidade solicitante as declaracións responsables a que se refire o punto 5 do artigo 9.

f) Documento en que se acorde a colaboración entre as entidades solicitantes, a designación da que as representa, os compromisos asumidos económicos e/ou materiais por cada unha delas para a execución das actividades e o importe de subvención solicitado por cada unha, no caso de solicitudes formuladas conxuntamente por varias entidades.

g) No caso de actividades en que participen universidades ou institutos de innovación recoñecidos, deberá achegarse documentación xustificativa da colaboración na realización das actividades.

h) Proxecto en que se recollan as actividades formativas non regradas e de divulgación de cada entidade, que será asinado pola persoa que exerza a representación legal da entidade. O proxecto que se presente contará cun índice de actividades que levará a cabo ou xa realizadas. Xa que logo, para cada acción ou actividade incluída no índice do proxecto deberá achegarse a seguinte documentación, coa estrutura que se indica a continuación:

1º. Memoria explicativa do proxecto segundo o anexo IV (unha soa memoria por solicitude), detallando as actividades que se desenvolverán, conforme ao anexo V (cubrir un anexo por actividade), e os orzamentos detallados segundo o anexo VI (un anexo por cada edición).

2º. Entidades formativas que colaboren ou participen no desenvolvemento da actividade, se é o caso.

3º. Orzamento de gastos detallado e individualizado por conceptos, segundo se recolle no anexo VI (un anexo por cada edición da actividade), co IVE desagregado, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento e a porcentaxe da actividade que se pretende subcontratar, de ser o caso.

No caso de gastos de persoal propio, detallaranse con claridade aqueles que se imputan á actividade.

4º. Orzamento de ingresos: faranse constar os ingresos obtidos pola realización de cada actividade.

i) Se é o caso, certificado de exención do IVE ou da porcentaxe de pro rata.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos establecidos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificación de estar ao día das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día das obrigas coa Consellería de Facenda.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude de inicio (anexo I), así como achegar os devanditos documentos

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

2. A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento da persoa afectada.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Galega da Industria Forestal publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da dita lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións establecidas por esta convocatoria é a Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal. Corresponderalle ao director da Axencia Galega da Industria Forestal ditar a resolución de concesión.

Artigo 15. Instrución do procedemento e concesión de axudas

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, ou non se lle xunta a documentación exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou da memoria das actividades do proxecto.

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos e remitidos á Comisión de Valoración sinalada no artigo 16 desta resolución.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada, conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 5.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa titular da xefatura do departamento de xestión administrativa da Axencia.

b) Dúas persoas funcionarias con cargo de xefatura de sección da Axencia.

c) Unha persoa funcionaria da Axencia, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

3. A Comisión de Valoración elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de persoa beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. Unha vez concluída a instrución, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Valoración ao director da Axencia Galega da Industria Forestal para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Sinalarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas ou, se é o caso, a causa de denegación.

No expediente de concesión de subvencións tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, e logo da fiscalización preceptiva do expediente, o director da Axencia Galega da Industria Forestal ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen ditarse resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Notificada a resolución de concesión da axuda, as persoas beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días hábiles para comunicar a aceptación ou renuncia á subvención segundo o anexo VII. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa en contrario entenderase tacitamente aceptada.

No caso de renuncia á subvención por algunha das persoas beneficiarias, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel en orde da súa puntuación, a condición de que, coa renuncia por parte dalgunha das persoas beneficiarias, se liberara crédito suficiente para atender, polo menos, unha das solicitudes aprobadas e denegadas por insuficiencia de crédito.

Presentar a renuncia ás axudas fóra do devandito prazo ou non presentar a renuncia nos casos de inexecución total do proxecto subvencionado suporá que a entidade non poderá solicitar axudas para os investimentos recollidos nesta resolución nas dúas seguintes convocatorias.

5. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo perante o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisa introducir modificacións nel segundo o proxecto, solicitará autorización da Axencia Galega da Industria Forestal, xustificando as razóns do cambio e xuntando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións das actividades previstas no proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata un (1) mes anterior á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros e que non supoña a modificación da puntuación acadada pola aplicación dos criterios de selección.

2. A solicitude de modificación debe formulala a persoa que exerza a representación legal da entidade beneficiaria, na forma sinalada no artigo 9, expresando os motivos e os cambios que se propoñen.

3. A modificación realizarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega da Industria Forestal, logo da instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada da Xerencia da Axencia Galega da Industria Forestal. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á persoa interesada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Axencia Galega da Industria Forestal practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Execución das actividades

1. As actuacións subvencionadas deben executarse nas condicións descritas no proxecto a que se refire o artigo 10, sen prexuízo do sinalado no artigo 18.

2. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva das entidades solicitantes, ben que a Axencia debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas.

3. Con carácter previo á realización de actividades divulgativas ou formativas para as que se concedeu a subvención (excluíndo aquelas que xa fosen realizadas con anterioridade á notificación da resolución de concesión), a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Axencia Galega da Industria Forestal os datos que se indican no anexo VIII cunha antelación mínima de sete días hábiles ao seu inicio, no caso de actividades formativas, e de tres días hábiles no caso de actividades divulgativas.

4. De todo o material e documentación obxecto de financiamento pola Axencia Galega da Industria Forestal, esta poderá facer uso coa finalidade de fomento e promoción en toda a comunidade autónoma.

Artigo 21. Subcontratación

Autorízase a subcontratación con terceiros das tarefas de organización das actividades coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, as seguintes:

a) Realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionables. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Salvo que non proceda polo tipo de entidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

f) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Axencia Galega da Industria Forestal, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade e demais normativa aplicable.

As medidas de difusión consistirán en lendas relativas ao financiamento público en carteis, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben mencións realizadas en medios de comunicación e nas redes sociais, seguindo o modelo que figura no anexo XIV. Para aquelas actividades para as que se solicita subvención e que foron realizadas entre o 1 de xaneiro e a data de notificación da resolución de concesión cumprirase, así mesmo, con esta obriga nas publicacións posteriores que se fagan relativas ás ditas actividades.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos competentes, para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 8 desta resolución.

j) Comunicarlle ao órgano que conceda a axuda calquera modificación das condicións tidas en conta no momento da concesión, así como os compromisos e obrigas asumidos pola entidade beneficiaria.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionables será o 16 de novembro de 2020.

2. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia Galega da Industria Forestal, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

3. Para cobrar a subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento en función das actividades xustificadas mediante o modelo normalizado do anexo XIII, acompañada da documentación sinalada no artigo seguinte. A numeración das actividades que figuran neste anexo seguirá a mesma orde que a indicada no anexo V.

4. As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa da subvención presentaranse no prazo fixado nesta resolución e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2017, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentada esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda e, se for o caso, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

6. Para os efectos da xustificación, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe da retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade beneficiaria quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

7. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique mediante documentos bancarios, en que deberán quedar claramente identificadas as persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos así como o concepto destes. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

8. A Xerencia da Axencia Galega da industria Forestal analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento e realización da actividade obxecto de subvención e emitirá unha proposta de pagamento que elevará á Dirección da Axencia, órgano competente para ordenar o pagamento.

9. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo de acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

10. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para cada actividade queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada na dita actividade.

11. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Artigo 24. Documentación xustificativa para o pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán achegar, xunto coa solicitude de pagamento (anexo XIII), a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Memoria resumo da execución do proxecto desagregada por actividades subvencionadas, que inclúa a xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada, así como a xustificación dos criterios de imputación, asinada pola persoa que teña a representación da entidade beneficiaria, segundo o anexo IX.

b) Certificación da relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados para cada actividade do proxecto, e imputados a ela, conforme o anexo X, debidamente asinada pola persoa representante.

Neste anexo detallaranse os gastos imputados a cada actividade desagregados por gastos de persoal propio da entidade e outros gastos correntes.

As entidades beneficiarias xustificarán os gastos mediante facturas e xustificantes emitidos ao seu nome, conforme as alíneas seguintes deste artigo.

c) Copia das facturas ou documentos probatorios de valor equivalente. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e, en particular, cos seguintes requisitos:

1º. Deben desagregarse por conceptos e indicar a actividade ou actividades a que se imputan.

2º. A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

3º. Deberán ir identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra b), para o caso de gastos correntes.

e) Copia do xustificante bancario do pagamento pola entidade beneficiaria en que conste a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. En todo caso, os xustificantes dos pagamentos deberán ir selados pola entidade financeira.

f) Documentación xustificativa dos gastos de persoal, que consistirá en:

1º. Contrato de traballo e vida laboral no período de realización das actividades, correspondentes á persoa contratada.

2º. Partes de traballo asinados pola entidade e a persoa traballadora en que consten as horas dedicadas á actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas.

g) Relación de persoas asistentes a cada acción, segundo o modelo que figura no anexo XI, no caso de actividades formativas non regradas. Este anexo presentarase debidamente asinado por todas as persoas asistentes, coa finalidade de acreditar a asistencia mínima á que se refire o artigo 4.2.a). A relación de asistentes conterá nome, apelidos, os tres últimos díxitos do DNI e número de teléfono.

Para as actividades divulgativas, tanto as xa realizadas antes da presentación da solicitude como as que se vaian realizar con posterioridade, será suficiente certificación en que o representante da entidade acredite o número de asistentes, así como a asistencia mínima a que fai referencia o artigo 4.2.b).

h) Análise estatística dos asistentes. Independentemente de que sexa unha actividade divulgativa ou formativa, cubrirase a análise estatística segundo o anexo XII, que recompila localidade, número de asistentes e asistentes desagregados por xénero, entre outros datos.

i) Informe fotográfico acreditativo da concorrencia do número mínimo de asistentes tanto para as actividades de formación como para as de difusión.

j) Informe fotográfico acreditativo do cumprimento das medidas de publicidade e difusión recollidas no artigo 22.f) desta resolución.

k) Copia en formato dixital de todos os documentos xerados durante a execución das actividades como, por exemplo, documentos de difusión, materiais entregados, material docente, material audiovisual, reportaxes fotográficas, etc. en que se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citado no artigo 22 destas bases.

l) Documentación acreditativa da repercusión pública das actividades executadas, considerando a presenza nos diversos medios de comunicación e o impacto nas redes sociais.

m) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actividades incluídas no proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, e declaración de que se manteñen os requisitos para ser persoa beneficiaria, segundo o anexo III. Para as solicitudes conxuntas, achegarase un anexo por cada entidade que forme parte da solicitude.

n) Balance provisional de fondos da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención, no caso de non estar exenta da obriga de levar contabilidade.

o) Certificación, emitida polo representante legal, onde se faga constar para cada actividade do proxecto obxecto de subvención que foi de carácter gratuíto ou ben indicar a contía total dos ingresos percibidos por cotas de inscrición dos participantes, ou doutro tipo, para a realización da dita actividade.

2. Deberá existir unha clara coherencia entre os gastos xustificados e os obxectivos de cada acción subvencionable.

3. No caso de proxectos presentados conxuntamente, a documentación irá asinada polo representante que designasen as entidades interesadas.

Artigo 25. Reintegro e perda de dereito ao cobramento da axuda

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas así como os xuros de demora correspondentes.

2. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 70 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo primeiro, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Son causas de perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos achegados polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

f) Calquera das demais causas previstas no Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo, se é o caso, o reintegro das cantidades pagadas será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Réxime sancionador

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Fiscalización e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Axencia Galega da Industria Forestal levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das actuacións.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

3. A Axencia Galega da Industria Forestal poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para a finalidade da convocatoria e, para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na resolución de concesión.

Artigo 28. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN501A, poderase obter información adicional na Axencia Galega da Industria Forestal, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega da Industria Forestal: www.xera.gal

b) No teléfono 881 99 54 76.

c) O enderezo electrónico: xera.ceei@xunta.gal

d) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

e) Presencialmente na Axencia Galega da Industria Forestal, avenida Fernando de Casas Novoa, 38 (San Lázaro), 15781 Santiago de Compostela.

Disposición adicional primeira. Outras regulamentacións

No non previsto nesta resolución observarase o disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en http://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en http://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Axencia Galega da Industria Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XIV

Medidas informativas e de publicidade

IN501A - Axudas para a organización de actividades formativas non regradas
e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación
da industria forestal de Galicia

Na convocatoria de actividades formativas, os programas, os materiais desenvoltos ou calquera outro documento ou comunicación relativo ás actividades subvencionadas nesta orde de convocatoria deberá mencionarse o financiamento segundo os seguintes termos:

1. Citarase a Axencia facendo referencia ao seu nome co seguinte formato: XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

2. En redes sociais, empregarase a ferramenta @ para enlazar correctamente co perfil da Axencia:

Linkedin: XERA-Axencia da Industria Forestal (www.linkedin.com/company/xera-axencia-da-industria-forestal)

Facebook: XERA-Axencia da Industria Forestal (www.facebook.com/XERAindustriaforestal)

Así mesmo, nas redes sociais empregaranse os cancelos: #industriaforestal e #XERAsavia

3. En relación cos logotipos empregarase unicamente o de Xunta de Galicia e, en ningún caso, o de XERA.

No caso de que ademais do logotipo do solicitante e do da Xunta de Galicia fose preciso incorporar outros, consultarase previamente a esta axencia a disposición que se debe empregar.

O logotipo da Xunta de Galicia pode descargarse en https://xera.xunta.gal/a-axencia/identidade-corporativa/xunta-de-galicia

Relación de anexos

Cando se presenta?

Anexo

Nome do anexo

Coa solicitude da subvención

I

Solicitude

II

Pluralidade de persoas solicitantes

(cubrir só no caso de solicitudes conxuntas)

III

Declaración doutras axudas/declaracións responsables

IV

Memoria do proxecto

V

Memoria de actividades

VI

Orzamento por edición

Unha vez resolta a subvención

VII

Modelo de aceptación ou renuncia

Antes de iniciar cada actividade

VIII

Comunicación previa ao inicio da actividade

Coa xustificación da subvención

IX

Memoria xustificativa de actividades

X

Xustificación por edición

XI

Asistentes por edición

XII

Análise estatística dos asistentes

XIII

Solicitude de pagamento

III

Declaración doutras axudas/declaracións responsables

-

XIV

Medidas informativas e de publicidade