Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 20 de maio de 2020 Páx. 20716

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.10, determina que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución española, que establece as competencias do Estado á hora de ditar a lexislación básica nas citadas materias.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece o marco normativo dos montes ou terreos forestais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na Constitución española, no Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei estatal 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Os aproveitamentos forestais en montes de xestión privada reguláronse nos artigos 92 a 95 da Lei 7/2012.

Posteriormente, estes artigos desenvolvéronse no Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, modificou por medio da súa disposición derradeira décima os artigos 92 a 95 da Lei 7/2012, e engadiu un novo artigo 92.bis, relativo aos aproveitamentos madeireiros suxeitos a declaración responsable.

O obxectivo destes cambios foi dobre:

Dunha banda, homoxeneizar os fins da Lei 7/2012 coas normas que se aprobaron con posterioridade, para conseguir que sen menoscabo dos intereses públicos que se pretenden protexer, se acadase unha simplificación administrativa nas actividades de aproveitamento dos recursos forestais en Galicia.

Doutra banda, tamén se pretendeu adaptar a Lei 7/2012 aos preceptos básicos da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes. Con ela, sen prexuízo do réxime de autorizacións necesario para determinados supostos, consolídase a declaración responsable como réxime de intervención administrativa principal, sen que iso supoña unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, e conséguese, en definitiva, a optimización de recursos humanos e a simplificación e normalización dos procedementos de autorización administrativa.

Actualmente faise necesaria a aprobación dun novo decreto que recolla e desenvolva as novidades normativas introducidas en relación cos aproveitamentos forestais, coa entrada en vigor da Lei 5/2017, e regulados de forma transitoria mediante a Orde do 20 de abril de 2018 pola que se modifican os anexos II, III e VI do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, e se regulan os procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final de aproveitamentos madeireiros.

A simplificación administrativa disposta na Lei 5/2017, que xa adiantaba en parte a Lei 7/2012, obriga inexorablemente a acudir aos medios que proporciona a administración electrónica, de xeito exclusivo, para poder dar satisfacción aos prazos de resolución, ao réxime do silencio, de carácter estimatorio, e ao feito de que a presentación dunha declaración responsable habilita para a realización do aproveitamento desde o mesmo momento da súa presentación, polo que as administracións deben ter a capacidade de comprobación e control desde o dito momento para evitaren o menoscabo dos bens e intereses públicos que se pretenden protexer. Pola dita razón, este decreto establece a obrigatoriedade de que as solicitudes de autorización, as declaracións responsables e comunicacións de aproveitamentos forestais se realicen exclusivamente por medios electrónicos.

Posteriormente, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, consolidou o réxime de aplicación da declaración responsable e o emprego exclusivo de medios electrónicos para a realización das solicitudes, declaracións responsables e comunicacións que desenvolve este decreto.

Un elemento esencial na simplificación administrativa das cortas é a información xeolocalizada que, conforme a disposición adicional sétima da Lei 7/2012, deberon elaborar as distintas consellerías con competencias sectoriais, para facilitar que se coñeza cando os montes ou terreos forestais forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou cando están afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, en prol da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos.

A información xeolocalizada debe estar suxeita a unha permanente actualización na cal colaborarán as consellerías afectadas. É por iso que, en cumprimento da lei, as consellerías realizarán un esforzo permanente para que a información xeolocalizada inicialmente introducida sexa progresivamente actualizada. En adición, cabe destacar o Regulamento comunitario 995/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de outubro, sobre as obrigas dos axentes que comercialicen madeira ou produtos de madeira no mercado comunitario, e o seu desenvolvemento no noso ordenamento xurídico mediante o Real decreto 1088/2015, do 4 de decembro, para asegurar a legalidade da comercialización de madeira e produtos da madeira. Esta normativa ten entre os seus obxectivos, por un lado, prohibir a comercialización no mercado comunitario de madeira de orixe ilegal e, por outro, exixir ao axente que comercializa madeira e os seus produtos derivados por vez primeira no mercado común que desenvolva un sistema de dilixencia debida que asegure a orixe legal da madeira. Para iso, os axentes deben ou ben desenvolver un sistema de dilixencia debida de xeito individual ou ben acudir ao sistema de dilixencia debida que definan as entidades de supervisión.

En aplicación do artigo 104 da Lei 7/2012, aqueles axentes con sede social en Galicia que se fornezan exclusivamente con madeira dos aproveitamentos madeireiros provenientes dos montes galegos e realicen as preceptivas comunicacións anuais no Rexistro de Empresas do Sector Forestal, regulado no artigo 102 da mesma lei, e de cuxo mantemento se encarga o departamento da Administración con competencias en materia de montes, entenderase que dispoñen dun sistema de dilixencia debida de xeito individual. Para tal fin, a Administración forestal manterá, sobre os ditos axentes, un sistema de supervisión baseado no control e seguimento da orixe dos aproveitamentos madeireiros que se realicen en Galicia mediante a información subministrada polas autorizacións e declaracións responsables, e mediante os datos das comunicacións anuais presentadas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal, avaliando os riscos e propoñendo accións correctivas de cara á súa mitigación.

Este decreto consta de sesenta e dous artigos, seis disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras, así como de trece anexos cos formularios dos diferentes procedementos regulados no decreto. Divídese en oito capítulos: o primeiro contén disposicións xerais, o segundo as disposicións comúns aos aproveitamentos forestais en montes de xestión privada, os capítulos tres a sete regulan, respectivamente, os aproveitamentos madeireiros e leñosos, os aproveitamentos forestais de cortiza, os aproveitamentos forestais de pastos e os aproveitamentos micolóxicos e de resinas, finalmente o capítulo oito regula o réxime sancionador dos aproveitamentos forestais.

Polo exposto, este decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, de conformidade co previsto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Na tramitación deste decreto foi consultado o Consello Forestal de Galicia, consonte o artigo 12 da Lei 7/2012, e, así mesmo, observáronse os trámites previstos nos artigos 41 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En particular, constan os informes preceptivos da consellería competente en materia de facenda e do órgano con competencia en materia de igualdade, o informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, así como o cumprimento dos trámites preceptivos previstos na referida Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de abril de dous mil vinte,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este decreto ten por obxecto a regulación dos aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de natureza privada xestionados por persoas físicas ou xurídicas de dereito privado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Definicións

1. De conformidade co disposto na Lei 7/2012, son aproveitamentos forestais, en xeral, todos os aproveitamentos que teñen como base territorial o monte e, en especial, os madeireiros e leñosos, incluída a biomasa forestal, e os non madeireiros, como a cortiza, os pastos, a caza, os froitos, os fungos, as plantas aromáticas e medicinais, os produtos apícolas e os demais produtos e servizos característicos dos montes.

2. Amais desta definición e outras recollidas na Lei 7/2012, defínense os seguintes termos:

a) Aproveitamento madeireiro e leñoso: conxunto de operacións que comprenden desde a corta polo pé das árbores ata a extracción dos produtos do monte, incluída a xestión dos restos destas operacións.

b) Aproveitamento de cortiza: acción de desprender a cortiza das sobreiras. A cortiza que se obtén no primeiro descortizamento denomínase bornizo; no segundo, segundeiro, e nos sucesivos, cortiza de reprodución.

c) Aproveitamento de pastos: consumo polo gando da vexetación arbustiva ou herbácea nos montes.

d) Aproveitamento micolóxico: recolleita de fungos en montes con diversas finalidades, entre as que se atopan a doméstica, científica, didáctica ou comercial.

e) Aproveitamento de resina ou resinación: extracción da resina dunha árbore mediante diversas técnicas. A materia prima obtida na resinación denomínase miera.

f) Aproveitamento comercial: aproveitamento do cal se obteñen produtos que se introducen no mercado.

g) Cortas extraordinarias: as que non estean previstas no instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que corresponden ás baixas producidas por enfermidade, decrepitude, morte natural ou accidental dos pés, danos catastróficos, cortas de obrigada execución ou variacións do volume realmente aproveitado nas unidades de actuación planificadas respecto do estimado. En ningún caso a aplicación destas cortas terá unha significación tal que supoña a modificación do plan xeral do instrumento.

h) Franxas de uso exclusivo: aquelas franxas delimitadas polo anexo II da Lei 7/2012, onde so está permitido o emprego de especies de frondosas do anexo I da dita lei.

Artigo 3. Obxectivos

De conformidade cos principios inspiradores recollidos no artigo 3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este decreto persegue os seguintes obxectivos:

a) A regulación do labor das persoas propietarias e xestoras dos montes ou terreos forestais na execución das actuacións silvícolas e no desenvolvemento da xestión sustentable daqueles.

b) O fomento de produtos forestais de calidade atendendo aos criterios de diversificación da produción, sustentabilidade e rendibilidade.

c) A colaboración dos sectores implicados na produción, transformación e comercialización dos recursos forestais, consolidando a cadea monte-industria e fornecendo os datos estatísticos que permitirán diagnoses precisas da situación.

d) O fomento da multifuncionalidade do monte.

e) A prevención das catástrofes naturais, incendios forestais e pragas e enfermidades.

f) A legalidade e rastrexabilidade da madeira dos aproveitamentos madeireiros e leñosos, de carácter comercial, realizados en montes ou terreos forestais de Galicia que se introducen no mercado interior.

Artigo 4. Persoas titulares dos montes ou terreos forestais e dos aproveitamentos

1. Segundo dispoñen o artigo 36.1 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e o artigo 84.1 da Lei 7/2012, a persoa titular do monte ou terreo forestal é a propietaria dos recursos forestais producidos nel, incluídos os froitos espontáneos, e ten dereito ao seu aproveitamento dentro do respecto ás potestades, dereitos e deberes recollidos nesta última.

2. Para os efectos deste decreto, poderán actuar como titulares, ademais daqueles que teñan a titularidade da superficie, as persoas físicas ou xurídicas que actúen como xestoras dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, mediante arrendamentos ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou dos seus aproveitamentos.

Artigo 5. Sede electrónica

Os procedementos regulados neste decreto habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na Guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, cos seguintes códigos:

a) Declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604R (anexo II).

b) Autorización para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604N (anexo III).

c) Comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604C (anexo IV).

d) Declaración responsable para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración: MR604D (anexo V).

e) Autorización para aproveitamentos de cortizas en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración: MR604E (anexo VI).

f) Inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo: MR604F (anexo VII).

g) Comunicación de acoutamento para aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración: MR604G (anexo VIII).

h) Declaración responsable para aproveitamentos de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada que conten un instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración: MR604J (anexo IX).

i) Autorización para aproveitamentos de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración: MR604K (anexo X).

j) Comunicación final para aproveitamentos de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada: MR604M (anexo XI).

k) Solicitude de prórroga de aproveitamentos madeireiros e leñosos: MR604L (anexo XII).

CAPÍTULO II

Disposicións comúns aos aproveitamentos forestais

Sección 1ª. Medios de intervención sobre os aproveitamentos forestais

Artigo 6. Autorizacións e declaracións responsables de aproveitamentos forestais

1. Os aproveitamentos forestais de madeira e leña, así como os de cortiza e/ou de resinas, necesitan para a súa execución unha autorización ou unha declaración responsable, nos termos establecidos neste decreto.

2. Non requiren declaración responsable nin autorización administrativa:

a) As cortas de policía, os rareos e os demais tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial, que non teñen a consideración de aproveitamentos forestais para os efectos deste decreto.

b) Os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se realicen na zona de servidume do dominio público hidráulico.

c) Os aproveitamentos forestais en terreos que non teñan a consideración de monte, sen prexuízo da excepción prevista para os terreos de especial protección na Lei 7/2012.

Artigo 7. Comunicacións de aproveitamentos forestais

1. De conformidade co establecido no Regulamento (UE) nº 995/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de outubro de 2010, polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e produtos da madeira, e no artigo 94 da Lei 7/2012, os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se produzan en montes ou terreos forestais de xestión privada serán obxecto de comunicación final ao remate do aproveitamento.

2. Así mesmo, será obxecto de comunicación a prohibición ou autorización de xeito regulado pola persoa propietaria de calquera aproveitamento de pastos nunha parte ou na totalidade dos seus montes ou terreos forestais cando estes non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal. Esta prohibición ou autorización regulada farase mediante a solicitude de inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, adscrito á consellería competente en materia de montes, e que recolle os terreos forestais onde o pastoreo está prohibido ou regulado.

3. A persoa propietaria, mediante comunicación, poderá prohibir a entrada de persoas sen a súa autorización en montes ou terreos forestais que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal para a recolla de froitos e cogomelos. A prohibición alcanzará, con independencia da modalidade de aproveitamento, a totalidade ou unha parte do seu monte ou terreo forestal mediante o seu acoutamento e sinalización.

4. Nos aproveitamentos de resina será obxecto de comunicación final a cantidade de produto finalmente obtido.

Sección 2ª. Presentación de solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións

Artigo 8. Lexitimación para a presentación de solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións

1. As solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións reguladas neste decreto serán presentadas pola persoa titular do monte ou terreo forestal ou pola persoa que represente a anterior nos termos establecidos pola lexislación do procedemento administrativo común.

2. A representación poderá acreditarse mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia conforme os termos da lexislación básica estatal.

3. Entenderase acreditada a representación ante o sector público autonómico mediante o outorgamento de apoderamentos apud acta efectuados por comparecencia persoal nas oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e rexistro de Galicia, por comparecencia electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia ou a través da acreditación da inscrición no rexistro electrónico xeral de apoderamentos da Xunta de Galicia de poderes de representación.

4. No caso das comunidades de montes veciñais en man común as solicitudes de autorización deben incluír o acordo da asemblea xeral da comunidade propietaria. Este acordo xustificarase por medio da copia da acta da asemblea ou certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade onde se dea fe do acordo aprobado en asemblea.

Para as declaracións responsables e comunicacións será suficiente con introducir no anexo correspondente a data do acordo da asemblea xeral da comunidade propietaria en que se adoptou a decisión.

Artigo 9. Presentación das solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións

1. As solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude, declaración ou comunicación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes, declaracións e comunicacións empregaranse os correspondentes formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que se axustarán aos modelos recollidos nos anexos deste decreto, e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións reguladas neste decreto dirixiranse á persoa titular da xefatura territorial correspondente. A tramitación dos procedementos regulados neste decreto corresponde á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes en cuxo ámbito se sitúe o monte ou terreo forestal en que se vaia realizar o aproveitamento obxecto da solicitude, declaración ou comunicación, ou a maior superficie daquel, no caso de estar situado no ámbito de máis dunha xefatura territorial.

Artigo 10. Presentación de documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deben achegar coa solicitude de autorización a declaración responsable ou a comunicación, a documentación que para cada suposto se especifica neste decreto, respectando o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, as administracións poderán solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo/a interesado/a, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a declaración responsable ou a comunicación, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude, a declaración responsable ou a comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deben realizar durante a tramitación destes procedementos deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) DNI/NIE da persoa solicitante, declarante ou comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante, declarante ou comunicante.

d) NIF da entidade representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

3. Non será válida nin producirá efectos no procedemento ningunha opción diferente á notificación electrónica, agás o caso previsto no punto 5.

4. Entenderase cumprida a obriga de notificación por parte da Administración coa posta á disposición da notificación na sede electrónica da Administración ou no enderezo electrónico habilitado.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. As notificacións realizaranse, en todo caso, á persoa representante do titular. De ter os datos que permitan realizar avisos de notificación electrónica, tamén se notificará á persoa titular do aproveitamento.

Sección 3ª. Réxime xeral dos procedementos de autorización

Artigo 14. Emenda das solicitudes

1. Unha vez presentada a solicitude de autorización nos termos descritos nos artigos anteriores, se non reúne os requisitos sinalados no presente decreto requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos pola lexislación do procedemento administrativo común.

2. O prazo sinalado no parágrafo anterior pode ser ampliado prudencialmente, ata cinco días, por solicitude da persoa interesada ou por iniciativa do órgano competente para a tramitación do procedemento, cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

3. O prazo máximo de resolución e notificación suspenderase polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola persoa interesada ou, na súa falta, polo transcurso do prazo concedido sen contestación pola súa parte.

4. En caso de que a persoa interesada emende a solicitude de conformidade coas instrucións contidas no requirimento, esta suspensión levantarase, e o prazo de resolución e notificación volverase computar desde a data en que a emenda teña entrada no rexistro electrónico xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Informes preceptivos e relación con outros organismos e administracións

1. Para a valoración dos aspectos derivados da lexislación sectorial, o órgano competente para a tramitación do procedemento de autorización solicitará informe preceptivo dos órganos ou organismos competentes.

2. Se a lexislación sectorial non establece outro réxime, de non se recibir o informe a que se refire o número anterior no prazo dun mes desde a súa solicitude, entenderase favorable e proseguirá a tramitación do procedemento.

3. Malia o previsto no número anterior, se o órgano competente para a tramitación do procedemento considera conveniente agardar pola emisión do informe, poderá suspender motivadamente a tramitación daquel polo tempo que medie entre a solicitude e a recepción do informe, feitos que deberán ser comunicados ás persoas interesadas. Este prazo de suspensión non poderá exceder en ningún caso os tres meses. No caso de non se recibir o informe no prazo indicado, proseguirá a tramitación do procedemento.

4. Os informes sectoriais conterán, de ser o caso, as condicións a que deberá suxeitarse o aproveitamento para a protección dos intereses públicos cuxa tutela teña encomendada o órgano ou organismo responsable de emitir o informe. A autorización que se outorgue incorporará expresamente esas condicións.

5. Se se emitisen os informes sectoriais aos cales se refiren os puntos anteriores e conteñen condicións para a autorización do aproveitamento, estas consideraranse incorporadas por ministerio da lei á autorización obtida por silencio administrativo e vincularán o suxeito que a solicitase desde que tiver coñecemento delas por calquera medio, incluída a certificación do silencio administrativo.

6. As aplicacións e sistemas de información que se utilicen para xestionar a tramitación dos procedementos de autorización regulados neste decreto garantirán a remisión automática, por medios electrónicos, das autorizacións que se diten aos órganos ou organismos sectoriais que correspondan en cada caso.

7. De non existir un protocolo de colaboración específico, os procedementos de autorización doutras administracións distintas da autonómica non están integrados no procedemento de autorización única neste decreto, polo que a presentación da solicitude de autorización á Administración forestal non producirá ningún efecto ante as outras administracións tutelantes e, xa que logo, non equivale á obtención da autorización das ditas administracións, e a persoa solicitante deberá instar a resolución dos correspondentes procedementos.

Artigo 16. Prazo de resolución, sentido do silencio e recursos

1. A xefatura territorial da consellería competente en materia de montes resolverá e notificará a resolución nun prazo máximo de dous meses, o cal se computará desde a data en que a solicitude de autorización tivo entrada no rexistro electrónico xeral da Xunta de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se notificase a resolución, entenderase concedida a autorización solicitada, agás que nos supostos recollidos na lexislación básica que resulte aplicable se estableza de maneira expresa o contrario. No caso de denegación da autorización, a resolución deberá ser motivada.

2. A autorización emitida será única no que atinxe ao ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia. Contra a resolución que se dite nestes procedementos poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes.

Sección 4ª. Réxime xeral das declaracións responsables

Artigo 17. Contido

1. As persoas que presenten as declaracións responsables reguladas neste decreto manifestarán expresamente a través do correspondente formulario normalizado de uso obrigatorio e baixo a súa responsabilidade:

a) Que cumpren cos requisitos establecidos na normativa vixente para realizar o aproveitamento forestal obxecto destas.

b) Que, de ser o caso, dispoñen da documentación que así o acredita e que a poñerán ao dispor da Administración cando lles sexa requirida.

c) Que se comprometen a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente á realización do aproveitamento.

d) Que a declaración responsable contén datos veraces respecto a especies e volumes de aproveitamento, e que non están infravalorados co fin de evitar o réxime de autorizacións, nin sobrevalorados cun maior volume para efectos de obter cobertura legal en materia de orixe, rastrexabilidade e certificación forestal.

Artigo 18. Efectos da presentación

A presentación dunha declaración responsable cumprindo os requisitos establecidos neste decreto habilita desde o día da súa presentación para a realización do aproveitamento forestal obxecto daquela, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teñan atribuídas a Administración forestal e as demais administracións públicas competentes.

Artigo 19. Informes preceptivos

De conformidade co establecido no artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/2012, cando os aproveitamentos requiran unicamente a presentación de declaración responsable segundo o establecido nesta lei, non se requirirá a solicitude de informes previos sectoriais, sen prexuízo das responsabilidades en que incorrese a persoa declarante polo incumprimento das condicións contidas na declaración e da obtención das autorizacións que correspondan segundo a normativa doutras administracións públicas distintas da autonómica.

Artigo 20. Actuacións de comprobación

1. Recibida unha declaración responsable, a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes a que se dirixa poderá comprobar de oficio:

a) A súa propia competencia. Se considera que non lle corresponde a competencia para a súa recepción, dará traslado daquela ao órgano competente e notificarallo á persoa que a presentou.

b) Se a declaración responsable é o medio de intervención, legalmente indicado, previo ao aproveitamento forestal.

c) Se a declaración responsable contén os datos exixidos por este decreto.

2. Así mesmo, a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes, poderá requirir en calquera momento a persoa que presentou a declaración responsable que achegue nun prazo de dez días a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente para realizar o aproveitamento forestal.

Artigo 21. Causas de imposibilidade para continuar co aproveitamento

1. A xefatura territorial competente para a recepción da declaración responsable resolverá directamente sobre a imposibilidade da persoa interesada de continuar co aproveitamento, cando no marco das actuacións de comprobación previstas neste artigo aprecie que:

a) O aproveitamento forestal obxecto da declaración responsable está sometido a autorización administrativa.

b) Non se emendaron en prazo as deficiencias detectadas na documentación presentada coa declaración responsable, ou na documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente para realizar o aproveitamento forestal.

c) Non se cumpriron requisitos legais a que estivese sometido o aproveitamento forestal obxecto da declaración responsable.

d) A inexactitude, falsidade ou omisión esenciais en calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á declaración responsable. Para estes efectos, entenderase por:

i. Inexactitude de carácter esencial a falta de correspondencia coa realidade do contido de calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á declaración responsable, sempre que as características reais do aproveitamento forestal a que se refira aquela non se axusten aos requisitos legais aos cales estivese sometido e non exista falsidade de carácter esencial de acordo co previsto na alínea seguinte.

ii. Falsidade de carácter esencial a introdución intencionada de elementos que non se correspondan coa realidade en calquera dato, manifestación ou documento que se achegase ou incorporase á declaración responsable, co fin de superar os controis administrativos previstos neste decreto e a demais normativa aplicable, en especial aquela referida á legalidade da comercialización de madeira e produtos da madeira, sen cumprir os requisitos legais a que estivese sometido o aproveitamento forestal obxecto daquela.

iii. Omisión de carácter esencial a ausencia de calquera dato, manifestación ou documento que fose preceptivo achegar ou incorporar á declaración responsable segundo o previsto neste decreto e que sexa determinante para verificar o cumprimento dos requisitos legais a que estivese sometido o aproveitamento forestal obxecto daquela.

2. De conformidade co número 6 do artigo 92.bis da Lei 7/2012, a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a unha declaración responsable, a non presentación ante a Administración competente da declaración responsable ou a non presentación da documentación que sexa requirida, se é o caso, para acreditar o cumprimento do declarado determinarán a imposibilidade de continuar co aproveitamento desde o momento en que se tivese constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procederen. Así mesmo, a resolución que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao comezo da actividade, así como a imposibilidade de instar novos procedementos para a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada mediante declaración responsable durante un período dun ano.

3. Simultaneamente á determinación da imposibilidade da persoa interesada de continuar co aproveitamento, a xefatura territorial competente poderá adoptar como medida provisional a suspensión da eficacia da declaración responsable, que comportará a prohibición de iniciar o aproveitamento forestal ou o inmediato cesamento deste no caso de terse iniciado, de acordo co réxime previsto polo artigo 56.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma básica que o substitúa. Así mesmo, se existe urxencia inaprazable, poderase adoptar de forma motivada calquera outra medida provisional das admitidas pola devandita lei que resulte necesaria e proporcionada para a protección dos intereses públicos e de terceiras persoas.

CAPÍTULO III

Aproveitamentos madeireiros e leñosos

Sección 1ª. Autorizacións de aproveitamentos madeireiros e leñosos

Artigo 22. Supostos de autorización

1. As persoas titulares de montes ou terreos forestais de natureza privada xestionados por persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, cando estes montes ou terreos forestais non dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola administración competente ou, dispoñendo deste instrumento, pretendan realizar aproveitamentos que non se axusten ao disposto nel, terán que solicitar autorización, empregando para iso o formulario normalizado do anexo III (MR604N), para a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Segundo o disposto no artigo 28, cando os montes ou terreos forestais estean poboados con especies do anexo I nunha proporción de pés significativa ou se atopen en franxas de uso exclusivo para efectos da aplicación do anexo II da Lei 7/2012.

b) Cando os montes ou terreos forestais formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, agás nos supostos establecidos no artigo 29.

c) Cando a consellería competente en materia de sanidade vexetal declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal segundo o disposto no artigo 33 e obrigue á presentación da dita solicitude para unha determinada especie ou especies forestais nas diferentes zonas das áreas afectadas, en virtude do disposto na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

d) Cando a superficie do aproveitamento madeireiro e leñoso sexa superior a 1 hectárea para masas con especie principal incluída no anexo I e ás 15 hectáreas para as demais masas, isto é, os aproveitamentos que precisen a presentación dun plan de cortas segundo o previsto na disposición transitoria segunda deste decreto.

2. Exceptúanse da necesidade de autorización os supostos recollidos no artigo 24 que regula a declaración responsable. Se a persoa interesada prefire acollerse ao procedemento de autorización nos supostos de declaración responsable, nomeadamente nos aproveitamentos da alínea b) do número anterior, poderá presentar unha solicitude de autorización que se tramitará polo seu procedemento específico.

Artigo 23. Documentación complementaria para a tramitación dos procedementos de autorización de aproveitamentos madeireiros e leñosos

1. As persoas interesadas deben presentar a solicitude de autorización no formulario MR604N: autorización para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada, do anexo III, xunto coa seguinte documentación, se procede:

a) Acreditación da representación, se for o caso.

b) Plan de cortas, cando proceda, segundo o disposto na disposición transitoria segunda deste decreto.

c) No caso de montes veciñais en man común, acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, segundo o disposto no artigo 8.

d) No caso de que a superficie dispoña dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración competente e se pretenda realizar aproveitamentos que non se axusten ao disposto nel, deberá xuntarse a xustificación da necesidade de realizar o aproveitamento.

e) Outra documentación que a persoa interesada considere relevante en relación co aproveitamento.

f) Documentación adicional para as autorizacións sectoriais (acordos de colaboración con organismos de bacía): reportaxe fotográfica da zona do aproveitamento. Esta documentación é opcional.

2. A persoa que conste na solicitude do aproveitamento como aquela que vai realizar o aproveitamento de madeira deberá estar dada de alta no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia e ter realizada a pertinente comunicación anual no prazo legalmente estipulado.

Sección 2ª. Declaracións responsables de aproveitamentos madeireiros
e leñosos

Artigo 24. Supostos de declaración responsable

1. As persoas titulares de montes ou terreos forestais de natureza privada xestionados por persoas físicas ou xurídicas de dereito privado non precisarán de autorización de aproveitamento madeireiro e leñoso, e abondará a presentación dunha declaración responsable con carácter previo ao inicio dos traballos sempre que se atopen nunha das seguintes situacións:

a) Montes ou terreos forestais que dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración competente e o aproveitamento se axuste ao disposto nel.

b) Montes ou terreos forestais que non dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración competente e nos cales se realice un aproveitamento madeireiro e leñoso. Danse os dous seguintes supostos:

i. Cando os montes ou terreos forestais non estean poboados con especies do anexo I ou presenten unha proporción reducida de pés nas especies incluídas no dito anexo, consonte o disposto no artigo 28.

ii. Cando os ditos montes ou terreos forestais non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou non estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, ou cando eses montes ou terreos forestais formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público se se aprobasen por orde das consellerías competentes pregos coas condicións sectoriais a que deberán suxeitarse os aproveitamentos madeireiros das especies contidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, nos termos do artigo 29.

2. Quedan de igual forma suxeitos unicamente á obriga de declaración responsable previa ao seu inicio:

a) Os aproveitamentos madeireiros e leñosos para uso doméstico e, por tanto, sen aproveitamento comercial de ningún tipo, sexa cal for o seu destino.

b) Os aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por unha expropiación.

c) As cortas de árbores que sexan de obrigada execución de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e as que se realicen para a obrigada adaptación ás distancias mínimas sinaladas no anexo II da Lei 7/2012, e baixo o respecto as frondosas do anexo I da dita lei, tal como establece a lexislación de aplicación.

d) Cando a consellería competente en materia de sanidade vexetal declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal segundo o disposto no artigo 33 e declare obrigatorias, nas diferentes zonas das áreas afectadas, as cortas de árbores para unha determinada especie ou especies forestais, en virtude do disposto na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

e) As cortas de árbores implícitas nas autorizacións outorgadas pola Administración forestal con motivo dun cambio de actividade forestal a agrícola dos terreos, de conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, para efectos do cumprimento da lexislación forestal.

f) As cortas de árbores implícitas nas autorizacións e outros títulos habilitantes expedidos por outras administracións, para o efecto do cumprimento da lexislación forestal, entendendo que na instrución dos expedientes foron solicitados e tidos en conta todos os informes sectoriais precisos.

Artigo 25. Documentación para a tramitación dos procedementos de declaración responsable de aproveitamentos madeireiros e leñosos

1. A declaración responsable será presentada con carácter previo ao inicio dos traballos, a través do formulario normalizado MR604R: declaración responsable para aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada, recollido no anexo II. A presentación realizarase exclusivamente por vía electrónica.

Xunto coa declaración deberá presentarse a acreditación da representación, se for o caso.

2. No exercicio das facultades de comprobación que lle corresponden, a Administración forestal poderá requirir a seguinte documentación:

a) No caso de montes veciñais en man común, acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, segundo o disposto no artigo 8.

b) Se o motivo se refire a aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por expropiación, poderase solicitar planimetría suficiente onde se sinale o obxecto de actuación.

c) Documentación xustificativa da existencia de autorizacións doutros organismos e administracións, planimetría do aproveitamento e calquera outra que sexa precisa para comprobar o cumprimento dos requisitos para a presentación dunha declaración responsable.

3. As persoas interesadas poderán presentar outra documentación que consideren relevante en relación co aproveitamento.

4. No devandito formulario normalizado sinalarase o concreto suposto de aproveitamento forestal dos recollidos no artigo 24 que é obxecto da declaración responsable que se presenta, considerándose dato de carácter esencial.

5. A persoa que conste na declaración do aproveitamento como aquela que vai realizar o aproveitamento de madeira deberá estar dada de alta no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia e ter realizada a pertinente comunicación anual no prazo legalmente estipulado, agás os aproveitamentos de uso doméstico.

Sección 3ª. Aproveitamentos madeireiros e leñosos con regulación específica

Artigo 26. Aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal que se axusten ao disposto nel

1. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos de calquera especie nos montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal, sempre que o aproveitamento madeireiro e leñoso estivese planificado e se faga seguindo as prescricións contidas naquel, requiren unicamente a presentación dunha declaración responsable ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes, empregando para iso o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R).

2. A persoa interesada deberá identificar o instrumento de ordenación ou xestión aprobado mediante o número de inscrición no Rexistro de Montes Ordenados, considerándose dato de carácter esencial.

3. Conforme o disposto no artigo 79 da Lei 7/2012, a adhesión a un referente de boas prácticas e modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos non comporta a aprobación pola Administración forestal e, por tanto, non lle será de aplicación o réxime de declaración responsable establecido neste artigo.

Artigo 27. Aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais baixo instrumento de ordenación ou xestión forestal que non se axusten ao disposto nel

1. O outorgamento da autorización prevista no artigo 22 suporá a exixencia da modificación do instrumento de ordenación ou xestión aprobado consonte o artigo 82 da Lei 7/2012. A persoa titular do monte ou terreo forestal deberá tramitar a solicitude de aprobación da modificación do instrumento de ordenación ou xestión indicando expresamente o número de expediente do aproveitamento aprobado.

2. Unha vez outorgada a autorización para o aproveitamento e presentada a solicitude de aprobación da modificación do instrumento, a Administración forestal aprobará esta última sen máis trámite.

Artigo 28. Aproveitamentos madeireiros e leñosos en masas forestais con proporción reducida de especies incluídas no anexo I

1. As persoas titulares de masas arborizadas que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección nin estean afectadas por algunha lexislación de protección do dominio público e conteñan pés maiores de especies incluídas no anexo I nunha proporción máxima do 10 % con respecto ao total do aproveitamento poderán presentar para o aproveitamento madeireiro e leñoso unha declaración responsable previa, empregando para iso o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R). En caso contrario, deberán solicitar autorización para o aproveitamento e empregarán para iso o formulario normalizado recollido no anexo III (MR604N).

Para estes efectos, considéranse pés maiores aqueles que presenten un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros.

2. Na declaración responsable especificarase a proporción de pés maiores de especies incluídas no anexo I, considerándose dato de carácter esencial. No caso de que se supere a porcentaxe máxima prevista no número anterior, entenderase que a declaración responsable incumpre as condicións, por estar sometido o aproveitamento ao réxime de autorización.

3. No caso de que os pés de especies incluídas no anexo I sexan frondosas e se atopen nas franxas establecidas no anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, para o seu uso exclusivo, de existir arboredo, non poderán ser obxecto de aproveitamento ao abeiro do réxime de declaración responsable previsto neste artigo, sexa cal for a súa proporción, e deberase solicitar a autorización regulada no artigo 22.

Artigo 29. Aproveitamentos madeireiros e leñosos nos terreos que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, cando se aprobasen por orde das consellerías competentes pregos coas condicións sectoriais a que deberán suxeitarse

1. De xeito xeral, os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos terreos que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público deberán ser obxecto da solicitude de autorización regulada no artigo 22.

2. No entanto, aquelas persoas titulares de predios e as persoas por elas autorizadas poderán realizar aproveitamentos madeireiros e leñosos mediante declaración responsable previa, en masas forestais poboadas por especies incluídas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, nos terreos que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, sempre que se aprobasen por orde das consellerías competentes pregos coas condicións sectoriais a que deberán suxeitarse os devanditos aproveitamentos, empregando para iso o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R).

3. No caso de afectación ao dominio público dunha Administración local bastará que se publicase o prego coas condicións sectoriais no boletín oficial da provincia e se notificase a dita publicación á consellería competente en materia forestal.

4. Os aproveitamentos de piñeiro silvestre (Pinus sylvestris), especie recollida no anexo I, deberán tramitarse polo procedemento de autorización regulado no artigo 22.

5. A declaración responsable, para os supostos previstos neste artigo, incluirá a manifestación expresa da persoa que a presente de que coñece as condicións sectoriais aplicables e se compromete a respectalas, considerándose información de carácter esencial.

Artigo 30. Aproveitamentos madeireiros e leñosos para uso doméstico

1. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se destinen a uso doméstico serán obxecto de declaración responsable previa á súa realización, empregando para iso o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R).

2. Para os efectos do previsto neste artigo, enténdese por uso doméstico o que non teña aproveitamento comercial de ningún tipo, incluído aquel con fins enerxéticos, e non supere os 10 m3 ao ano por persoa propietaria.

3. O límite anual fixado no número anterior ampliarase no caso de comunidades de montes veciñais en man común, nos seguintes termos:

a) Ata os 150 m3 anuais para aquelas comunidades que sexan propietarias de montes veciñais en man común cunha superficie total inferior ás 250 hectáreas.

b) Ata os 300 m3 anuais para aquelas comunidades que sexan propietarias de montes veciñais en man común cunha superficie total igual ou superior ás 250 hectáreas.

Estes aproveitamentos deben estar recoñecidos e aprobados pola asemblea xeral da comunidade propietaria, conforme a lexislación vixente e os seus propios estatutos.

4. Esta declaración responsable ante a Administración autonómica realízase sen prexuízo das obrigas a que estea sometida a persoa interesada ante o resto de administracións concorrentes, e imposibilita a súa comercialización.

Artigo 31. Aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por expropiación

1. Unha vez que o expediente de expropiación fose aprobado e implicase ineludiblemente a desaparición do arboredo, entenderase que na instrución do dito expediente foron solicitados e tidos en conta todos os informes sectoriais precisos, polo que tras a súa aprobación non será necesario solicitar a autorización do aproveitamento e será precisa exclusivamente a presentación de declaración responsable, para o que se empregará o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R).

2. Deste xeito, os aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por unha expropiación só precisarán de declaración responsable con carácter previo ao inicio dos traballos polo órgano expropiante, pola persoa beneficiaria da expropiación ou pola persoa titular afectada. Na declaración responsable prevista neste artigo deberán darse os datos necesarios para sinalizar a zona expropiada, ben polo órgano expropiante, pola persoa beneficiaria da expropiación ou pola persoa afectada, neste último caso por instancia daquel órgano.

3. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos en terreos forestais poboados con calquera proporción de especies do anexo I ou que se atopen baixo réximes de especial protección non precisarán de autorización unha vez que estea aprobado o expediente de expropiación e unicamente será necesaria esta declaración responsable.

4. O aproveitamento estará suxeito ás condicións que consten no expediente de expropiación.

Artigo 32. Cortas de obrigada execución

1. As cortas de árbores que sexan de obrigada execución, de acordo co establecido na Lei 3/2007, e as que se realicen para a obrigada adaptación ás distancias mínimas sinaladas no anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, así como todas aquelas que se executen en aplicación doutra lexislación sectorial, só precisan da presentación dunha declaración responsable, con carácter previo á súa realización, para o que se empregará o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R).

De conformidade co previsto no artigo 92.bis da Lei 7/2012, non será necesaria a solicitude de informes sectoriais para a tramitación das cortas reguladas neste artigo.

2. De conformidade co establecido no parágrafo segundo do artigo 20.bis.c) da Lei 3/2007, en caso de liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, a persoa responsable deberá remitir ao taboleiro de edictos do concello un anuncio, con quince días de anticipación ás operacións de xestión de biomasa, para os efectos de que as persoas propietarias dos terreos poidan ter coñecemento delas e executalas previamente, no caso de estaren interesadas. Transcorrido o dito prazo, a persoa responsable estará obrigada á realización da corta correspondente. Neste caso, a declaración responsable deberá ser realizada por aquela persoa que teña previsto proceder á execución do aproveitamento, ben a persoa propietaria, no caso de estar interesada, ben a persoa responsable, no caso de que a persoa propietaria do terreo non estea interesada na súa execución.

3. Mediante orde regularase un procedemento específico para o control dos aproveitamentos que se deban producir, garantindo a legalidade e rastrexabilidade da madeira que se destine ao aproveitamento comercial.

4. Para os efectos das cortas de obrigada execución a que se refire este artigo, enténdese por persoa responsable a persoa titular do dereito de aproveitamento sobre os montes ou terreos forestais, ou as administracións, entidades ou sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión das liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica ou cedida esta en virtude dalgunha das modalidades previstas legalmente.

Artigo 33. Cortas en masas afectadas por unha praga ou enfermidade forestal

1. Só precisarán de declaración responsable previa á realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos as persoas titulares dos montes ou terreos forestais afectados que estivesen obrigadas a realizar estes tratamentos, cando a consellería competente en materia de sanidade vexetal declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, delimite as diferentes zonas afectadas e dite a extracción daquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, constitúan un risco de praga ou enfermidade, para o que se empregará o formulario normalizado recollido no anexo II (MR604R).

De conformidade co previsto no artigo 92.bis da Lei 7/2012, non será necesaria a solicitude de informes sectoriais para a tramitación das cortas reguladas neste artigo.

2. A consellería competente en materia de montes poderá requirir, de oficio ou por solicitude de parte interesada, as persoas titulares de montes ou terreos forestais para que cumpran as obrigas establecidas no punto anterior, advertíndoas da posibilidade de execución subsidiaria pola súa conta no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.

3. A Administración forestal, de forma xustificada, poderá realizar tratamentos de loita integrada, logo de comunicalo a través do servizo de avisos de enfermidades e pragas forestais da páxina web da consellería competente en materia de montes, sen que sexa necesaria a declaración de praga ou enfermidade.

Así mesmo, promoverá fórmulas de colaboración e difusión coas asociacións de persoas propietarias forestais e con outros departamentos e administracións públicas e realizará comunicacións por escrito ás comunidades de montes veciñais afectadas, de ser o caso.

4. A Administración forestal poderá declarar zonas prioritarias de actuación en materia de control da erosión e da restauración hidrolóxico-forestal en terreos afectados por causas bióticas, como pragas ou enfermidades forestais, que afecten gravemente a cuberta vexetal ou o solo. Nestes casos serán de aplicación os artigos 64 e 65 da Lei 7/2012.

Sección 4ª. Supostos especiais

Artigo 34. Aproveitamentos madeireiros e leñosos nas zonas de servidume de dominio público hidráulico

1. Os terreos de dominio público, agás os que integran o dominio público forestal, non teñen a consideración de monte.

2. Calquera aproveitamento madeireiro ou leñoso que se produza na zona de servidume de dominio público hidráulico non require autorización por parte da consellería competente en materia de montes nin declaración responsable ante esta, sen prexuízo das autorizacións que sexan preceptivas en virtude doutra normativa que lle sexa aplicable.

Artigo 35. Extracción de madeira queimada

1. Como consecuencia dos deberes específicos das persoas propietarias dos montes ou terreos forestais privados establecidos no artigo 44, número 2, alíneas a) e b), da Lei 7/2012, a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes poderá requirir a persoa titular do dereito de aproveitamento, logo de informe do servizo competente en materia de incendios forestais e do oportuno trámite de audiencia, para que nun prazo máximo de seis meses inicie a extracción da madeira queimada ou árbores afectadas por anteriores incendios. Este requirimento non exime da realización dos trámites preceptivos.

2. Nos aproveitamentos de madeira ou leña queimada susceptible de uso comercial, esta circunstancia deberá facerse constar nos formularios da autorización ou declaración responsable, procedementos recollidos nos anexos III (MR604N) e II (MR604R) respectivamente, considerándose dato de carácter esencial.

Sección 5ª. Obrigas das persoas titulares dos aproveitamentos
madeireiros e leñosos

Artigo 36. Comunicación final ao rematar o aproveitamento

1. En aplicación do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 995/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de outubro de 2010, polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e produtos da madeira, e do previsto no artigo 94 da Lei 7/2012, deberá ser comunicada, no formulario normalizado recollido no anexo IV (MR604C), a variación do volume ou peso do aproveitamento madeireiro ou leñoso por especie finalmente aproveitado e que supere o 15 % do previamente aprobado na correspondente autorización ou declarado. Este precepto aplicarase no caso de aproveitamentos madeireiros e leñosos cuxos produtos sexan obxecto de comercialización.

Entenderase que a contía realmente obtida pola persoa titular do aproveitamento é inferior ao 15 % se transcorrido o prazo establecido para a comunicación esta non se producise, baixo a responsabilidade do titular do aproveitamento.

No caso de que as persoas solicitantes ou declarantes actúen en lugar da persoa titular mediante representación, a obriga de comunicación recaerá sobre elas. Deberase acreditar a representación no momento da comunicación. A persoa interesada poderá achegar outra documentación que considere relevante en relación co aproveitamento.

2. A comunicación prevista neste artigo dirixirase á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes no prazo máximo dun mes contado desde a data máxima concedida para a execución do aproveitamento.

3. A comunicación final non poderá cambiar o sentido da autorización concedida ou dos condicionantes que permitiron a presentación da declaración responsable.

Artigo 37. Prazo para a execución dos aproveitamentos

1. A persoa titular ou empresa que leve a cabo o aproveitamento ten un prazo máximo de doce meses para a execución dun aproveitamento madeireiro ou leñoso. O prazo contarase desde a data da notificación da autorización ou, de ser o caso, desde a data en que se produza o silencio administrativo estimatorio, ou ben desde a data en que a declaración responsable tivo entrada no rexistro electrónico xeral da Xunta de Galicia.

2. Cando se demore a execución dun aproveitamento por causas xustificadas, o prazo para a súa realización poderá ser prorrogado pola correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes. A prórroga será por un único prazo, que en ningún caso superará o inicialmente concedido.

3. A solicitude da prórroga deberá presentarse como máis tarde dous meses antes da finalización do prazo inicialmente concedido para executar o aproveitamento, para o que se empregará o formulario recollido no anexo XII (MR604L).

4. Xunto coa solicitude deberá achegarse a acreditación da representación, se é o caso, e a xustificación da necesidade da prórroga. A persoa interesada poderá achegar outra documentación que considere relevante en relación co aproveitamento.

5. O prazo para ditar e notificar a resolución expresa será de dous meses, transcorrido o cal os interesados poderán entendela concedida por silencio administrativo.

Artigo 38. Extracción ou trituración da biomasa forestal residual

1. A realización de calquera tipo de aproveitamento madeireiro ou leñoso regulado neste capítulo implicará a extracción ou a trituración da biomasa forestal residual, consonte a lexislación vixente.

2. A teor do disposto no artigo 95.5 da Lei 7/2012, no caso de optar pola extracción da biomasa forestal residual deberá garantirse a permanencia no monte ou terreo forestal dos restos forestais de menor tamaño nunha porcentaxe do 50 % sobre o total que se vai extraer.

3. A obriga disposta no número 1 deste artigo poderá ser excepcionada, logo de autorización da Administración forestal, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Dificultades de mecanización xustificadas baseadas en porcentaxes de pendentes, en calquera caso superiores ao 30 %, ou nunha elevada pedregosidade.

b) Condicións de pluviometría que supoñan risco de erosión ou grave compactamento do solo. Neste caso poderá solicitarse autorización de prórroga para o cumprimento da obriga de extracción ou trituración da biomasa forestal residual.

c) Motivos ambientais.

4. As excepcións dispostas no número anterior, non serán de aplicación cando a consellería competente en materia de sanidade vexetal, logo de xustificación ou declaración de ameaza ou grave risco de pragas ou enfermidades na zona, considere necesario eliminar ou extraer do monte ou terreo forestal, se for tecnicamente posible, os restos dos tratamentos silvícolas ou dos aproveitamentos forestais para unha determinada especies ou especies forestais. En caso de imposibilidade técnica, a consellería competente en materia de sanidade vexetal, poderá alternativamente, tras a declaración de ameaza ou grave risco de pragas ou enfermidades na zona, permitir a autorización para a queima de restos forestais amoreados prevista na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

As autorizacións para a queima de restos forestais amoreados someteranse ás condicións dispostas nos artigos 15 e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. As operacións deberán respectar as prohibicións de depósito de subprodutos previstas na devandita Lei 3/2007, do 9 de abril.

5. Os restos forestais producidos como consecuencia da realización ou execución de aproveitamentos madeireiros ou leñosos non teñen a consideración de residuos para os efectos do disposto nos artigos 44.2.i) e 88.3 da Lei 7/2012.

6. Unha vez realizada a corta, a extracción ou trituración da biomasa forestal residual realizarase nun prazo máximo de quince días se o aproveitamento se realizara en época de alto risco de incendios ou dun mes o resto do ano.

Artigo 39. Rexeneración despois do aproveitamento madeireiro ou leñoso

1. Unha vez executado o aproveitamento, en casos de corta final, e como consecuencia dos deberes específicos das persoas propietarias dos montes ou terreos forestais privados establecidos, no artigo 44, número 2, alíneas a) e b) da Lei 7/2012, a persoa propietaria do predio deberá realizar as actuacións necesarias encamiñadas á rexeneración, natural ou artificial, da superficie afectada.

2. Para cumprir o previsto neste artigo, a persoa responsable procederá á renovación da masa arborizada nun período de tempo non superior a dous anos contados desde a data en que finalice a execución do aproveitamento, agás causas xustificadas, debidamente, acreditadas. Consideraranse causas xustificadas, entre outras, que a especie necesite un maior período para rexenerar, así como aqueloutras baseadas nun cambio de uso ou actividade que afecte a superficie obxecto do aproveitamento e impida ou dificulte decisivamente esta renovación.

3. Permitirase a rexeneración da especie ou especies que formaban a masa principal obxecto do aproveitamento, sempre respectando as distancias e franxas de uso exclusivo para as especies de frondosas do anexo I establecidas no anexo II da Lei 7/2012.

CAPÍTULO IV

Aproveitamentos forestais de cortiza

Artigo 40. Obxecto e alcance

1. Este capítulo ten por obxecto a regulación dos aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais de xestión privada poboados por especies de sobreiras que estean situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos montes ou terreos forestais de xestión privada, os aproveitamentos de cortiza realizaranse de acordo co disposto pola Lei 7/2012, e polo seu desenvolvemento neste capítulo, sen prexuízo doutras obrigas impostas na normativa concorrente na materia. Procurarase como obxectivo final, ademais do propio aproveitamento, a redución ao mínimo posible dos danos aos pés das sobreiras.

Artigo 41. Condicións específicas na realización dos aproveitamentos de cortiza

1. As operacións de descortizamento de sobreiras deben efectuarse durante o período vexetativo, entre o 20 de xuño e o 30 de agosto de cada ano, ambos os dous incluídos. Non se poden realizar operacións de descortizamento fóra deste período e, dentro deste, suspenderanse cando a cortiza se adhira á arbore e a súa extracción poida causarlle danos.

As operacións de reunión, enfardamento e retirada ou transporte da cortiza extraída pódense realizar en calquera época do ano.

2. O primeiro descortizamento só pode realizarse sobre sobreiras cuxa circunferencia, medida sobre a casca a 1,3 metros de altura, sexa maior ou igual a 60 centímetros. A altura máxima do bornizo, medida desde a base da árbore, será dúas veces a lonxitude da circunferencia.

3. No segundo descortizamento ou segundeiro e nos sucesivos, denominados descortizamentos de reprodución, a altura da peladura será de 2,5 veces a lonxitude da circunferencia, medida sobre a casca a 1,3 metros de altura, tomada desde a base da árbore. A altura máxima da peladura será, en calquera caso, de 3 metros tomados desde a base da árbore.

4. En ningún caso poden realizarse operacións de descortizamento sobre as raíces que sobresaian da terra.

5. O tempo transcorrido entre dous descortizamentos nunha mesma árbore será, como mínimo, de nove anos. Non se realizarán podas nas árbores que foron peladas durante os tres anos anteriores e posteriores ao momento da peladura.

6. En caso de sobreiras afectadas por incendios forestais, pódese extraer a cortiza con calquera idade, ben que debe transcorrer polo menos un ano desde o incendio para poder efectuar a operación de descortizamento. Este só poderá ser autorizado logo da comprobación de que a árbore se atope en bo estado vexetativo, a través do persoal referido no artigo 61 deste decreto.

7. Non se permite a peladura das pólas, agás nas árbores de diámetro igual ou superior a 70 centímetros que, ademais, presenten o fuste gallado a unha altura menor ou igual a 1,6 metros, respectando, en todo caso, a altura máxima de peladura.

8. As operacións de descortizamento serán realizadas sempre por persoas cualificadas e coas ferramentas apropiadas, respectando as seguintes prescricións:

a) Practicaranse cortes lonxitudinais e transversais que permitan obter panas das maiores dimensións posibles.

b) Procurarase que non quede adherido ao tronco ningún anaco de cortiza.

c) Non se causarán feridas á arbore.

d) Non se realizarán cortes na capa nai nin se arrincarán placas a esta.

e) Separaranse da parte inferior do tronco os fragmentos de cortiza que queden adheridos nel despois da peladura. Esta operación realizarase de xeito que, sen causar dano á árbore, esta parte quede ben limpa.

9. Non se levarán a cabo operacións de descortizamento naquelas sobreiras que se visen afectadas por circunstancias externas que motivasen o seu extremo debilitamento. En caso de árbores afectadas por pragas ou enfermidades, descortizaranse por separado do resto e con especial atención á desinfección das ferramentas empregadas nas operacións.

Artigo 42. Regulación específica dos aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. Os aproveitamentos de cortiza en masas de sobreiras nos montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, sempre que se fagan seguindo as prescricións contidas naquel, requiren unicamente a presentación dunha declaración responsable ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes.

Esta declaración responsable será presentada con carácter previo ao inicio dos traballos a través do formulario normalizado recollido no anexo V (MR604D), ao cal se xuntará a acreditación da representación, se é o caso. A persoa interesada poderá achegar outra documentación que considere relevante en relación co aproveitamento.

2. A persoa interesada deberá solicitar unha autorización cando o aproveitamento non se axuste ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión. A solicitude cursarase á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes, previamente á realización daquel e por causa xustificada, empregando o formulario normalizado recollido no anexo VI (MR604E). O procedemento tramitarase de conformidade co establecido no artigo seguinte.

O outorgamento da autorización suporá a exixencia da modificación do instrumento de ordenación ou xestión aprobado consonte o artigo 82 da Lei 7/2012.

Unha vez outorgada a autorización para o aproveitamento e presentada a solicitude de aprobación da modificación do instrumento, a Administración forestal aprobará esta última sen máis trámite.

Artigo 43. Aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais que non se atopen baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. As persoas propietarias de predios e as persoas por elas autorizadas poden realizar aproveitamentos de cortiza en masas de sobreiras que non conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal. Para isto presentarán ante a correspondente xefatura territorial competente en materia de montes, con carácter previo ao inicio dos traballos, unha solicitude de autorización a través do formulario normalizado recollido no anexo VI (MR604E), ao cal se xuntará a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación, se for o caso.

b) Plan de aproveitamento de cortiza, cando proceda, segundo o disposto no punto 3 deste artigo.

c) No caso de montes veciñais en man común, acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria. O acordo acreditarase por medio de copia da acta da asemblea ou certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade, onde se dea fe do acordo aprobado en asemblea.

d) No caso de que a superficie dispoña de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración competente e de que se pretendan realizar aproveitamentos que non se axusten ao disposto nel, deberá xuntarse xustificación do aproveitamento.

e) Outra documentación que a persoa interesada considere relevante en relación co aproveitamento.

2. A persoa que conste na solicitude do aproveitamento como aquela que vai realizar o aproveitamento de cortiza deberá estar dada de alta no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia, e ter realizada a pertinente comunicación anual no prazo legalmente estipulado.

3. Cando a solicitude afecte masas de sobreiras de máis de 5 hectáreas de extensión, deberá xuntarse a aquela un plan de aproveitamento de cortiza, asinado por persoal técnico competente en materia forestal. O plan xustificará a necesidade ou oportunidade do aproveitamento de cortiza e indicarase a súa localización planimétrica, a superficie obxecto deste, o número de pés e o volume de sobreiras afectadas, a taxación correspondente e as prescricións técnicas do aproveitamento. O plan de aproveitamento de cortiza cumprirá o disposto, de ser o caso, na lexislación en materia de seguridade e saúde. Este plan deberá ser autorizado pola persoa titular do predio ou pola persoa titular dos dereitos de aproveitamento.

CAPÍTULO V

Aproveitamentos forestais de pastos

Sección 1ª. Disposicións comúns aos aproveitamentos forestais de pastos

Artigo 44. Réxime xeral dos aproveitamentos forestais de pastos

1. O aproveitamento de pastos polo gando en montes e terreos forestais considérase aproveitamento forestal, de acordo co establecido nos artigos 8.3 e 86 da Lei 7/2012 e neste capítulo.

2. O dereito de pastoreo corresponde en orixe á persoa propietaria, que pode exercelo, ceder o seu aproveitamento a outra persoa ou prohibilo. A regulación ou prohibición dos aproveitamentos forestais de pastos inscribirase, de oficio ou por instancia de parte, no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

3. A cesión dos dereitos de aproveitamento de pastos a outra persoa distinta da propietaria do monte ou terreo forestal requirirá dispoñer da documentación acreditativa da devandita cesión consonte o réxime legal de aplicación. Nos montes veciñais en man común, a autorización regulada, prohibición ou cesión de dereitos será acordada pola asemblea xeral da comunidade propietaria, de conformidade cos seus estatutos e a normativa vixente na materia.

4. En todo caso, o aproveitamento de pastos realizarase de xeito compatible e respectuoso coa conservación do potencial produtivo do monte ou terreo forestal e coas actuacións de rexeneración do arboredo.

Artigo 45. Inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo de montes ou terreos forestais que dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal

1. Nos montes ou terreos forestais que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, o aproveitamento de pastos polo gando estará expresamente regulado naquel e a súa práctica levarase a cabo consonte o establecido no instrumento de ordenación ou de xestión.

Os cambios da regulación do pastoreo nun monte ou terreo forestal con instrumento de ordenación ou xestión aprobado e vixente efectuaranse mediante revisión ou modificación do instrumento.

2. O montes ou terreos forestais que conten cun instrumento de ordenación ou xestión forestal onde estea regulado o aproveitamento de pastos serán inscritos de oficio no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. Constará a anotación da súa inscrición mediante instrumento de ordenación ou xestión forestal e da regulación do aproveitamento de pastos consonte os condicionantes establecidos nel.

3. No momento en que un monte ou terreo forestal, que dispuxese dun plan de aproveitamento silvopastoril inscrito no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, de acordo co establecido no artigo 86.2 da Lei 7/2012, se dote dun instrumento de ordenación ou xestión forestal, causará baixa a inscrición do plan de aproveitamento silvopastoril no devandito rexistro e a súa inscrición será substituída pola do novo instrumento, deixando constancia de tal circunstancia.

Artigo 46. Inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo de montes ou terreos forestais que non dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal

1. Nos montes ou terreos forestais que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado ou comunicado de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, no caso de existir un aproveitamento de pastos, a persoa propietaria ou a persoa titular dos dereitos de aproveitamento de pastos cedidos consonte a normativa de aplicación, poderá solicitar á Administración forestal a súa inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo para os efectos de:

a) Autorizar, de xeito regulado, o aproveitamento de pastos nunha parte ou na totalidade dos seus montes ou terreos forestais.

b) Prohibir o aproveitamento de pastos nunha parte ou na totalidade dos seus montes ou terreos forestais.

Para isto empregarase o formulario normalizado do anexo VII (MR604F).

2. Xuntarase a seguinte documentación ás solicitudes de inscrición:

a) Acreditación da representación, se for o caso.

b) Acreditación, por calquera medio válido en dereito, do dereito de propiedade sobre o predio.

c) A titularidade do dereito de aproveitamento de pastos, se foi cedido a outro suxeito consonte a normativa de aplicación.

d) Autorización expresa para o pastoreo por parte da persoa propietaria ou pola persoa titular dos dereitos de aproveitamento. No caso de comunidades titulares de montes veciñais en man común, deberá constar acordo expreso da asemblea xeral, ben por medio de copia da acta da sesión da asemblea, ben por certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade onde se dea fe do acordo aprobado en asemblea.

3. Se o obxecto da solicitude é a autorización do aproveitamento forestal de pastos, achegarase o plan de aproveitamento silvopastoril para a regulación do aproveitamento, redactado por un técnico competente en materia forestal, que incluirá, como mínimo:

a) Localización, con detalle das referencias catastrais afectadas.

b) Cartografía co límite da superficie de pastoreo que se vai inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado. A táboa de atributos da capa co límite descríbese no anexo VII-B.

c) Plano coa superficie destinada ao pastoreo a escala 1:5000 ou máis precisa co límite da cartografía anterior sobre ortofotografía actual e parcelario catastral.

d) Prescricións técnicas do aproveitamento e características do gando.

e) Prazo a que se axustará o aproveitamento.

f) Xustificación da carga gandeira que soportará a parcela, con desagregación, de ser o caso, das cargas xerais e instantáneas.

g) Actuacións planificadas (cerramentos, pasos, rozas, sementeiras e outras).

h) Persoa ou persoas responsables do aproveitamento.

4. Cando o obxecto da solicitude sexa a prohibición do aproveitamento forestal de pastos, achegarase unha memoria técnica, redactada por un técnico competente en materia forestal, que incluirá, como mínimo:

a) Localización, con detalle das referencias catastrais afectadas.

b) Cartografía co límite da superficie de pastoreo que se vai inscribir, en formato shapefile xeorreferenciado. A táboa de atributos da capa co límite descríbese no anexo VII-B.

c) Plano coa superficie destinada ao pastoreo a escala 1:5000 ou máis precisa co límite da cartografía anterior sobre ortofotografía actual e parcelario catastral.

Quedan exceptuadas da obriga de achegar esta memoria técnica as comunidades titulares de montes veciñais, no caso de comunicaren a prohibición de pastoreo na totalidade do seu monte.

Artigo 47. Procedemento de inscrición e baixa das autorizacións ou prohibicións no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo

1. As solicitudes de inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo da autorización ou prohibición dos aproveitamentos forestais de pastos presentaranse ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes a través do formulario normalizado recollido no anexo VII.

2. Por proposta do servizo de montes da xefatura territorial, o órgano forestal da Comunidade Autónoma resolverá e notificará, no prazo máximo de dous meses, a concesión ou denegación da inscrición das solicitudes de autorización ou prohibición de aproveitamentos forestais de pastos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. Se non se notifica a resolución no prazo sinalado, a inscrición entenderase concedida por silencio administrativo.

3. No Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo inscribiranse de oficio como zonas prohibidas as superficies queimadas naquelas parroquias definidas como de alta actividade incendiaria incluídas nas zonas declaradas como de alto risco de Galicia, durante o período que resulte por aplicación da Lei 3/2007 e da súa normativa de desenvolvemento.

4. A denegación da inscrición no rexistro deberá ser motivada.

5. A baixa no rexistro producirase de oficio, mediante a tramitación do correspondente procedemento consonte o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou por solicitude da persoa interesada.

Sección 2ª. Limitacións ao aproveitamento de pastos

Artigo 48. Suspensión temporal do pastoreo por causas sanitarias ou epidemiolóxicas

1. O órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de sanidade animal pode suspender de xeito temporal o pastoreo por causas sanitarias ou epidemiolóxicas.

2. Nos casos previstos neste artigo, a inscrición dos terreos autorizados obxecto do aproveitamento no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo quedará automaticamente suspendida, logo de comunicación do órgano competente en materia de sanidade animal ao órgano forestal. Esta suspensión levantarase cando cesen as circunstancias que motivaron a suspensión do pastoreo, logo de nova comunicación do órgano competente en materia de sanidade animal.

Artigo 49. Prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios forestais

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os montes e terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais desde a data en que se produciu o incendio ata, como mínimo, o 31 de decembro posterior á data en que se fagan dous anos desde a produción do incendio. Este prazo prorrogarase, de ser o caso, ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborizada permitan de novo o pastoreo.

2. Unha vez cumprido o prazo de prohibición previsto no número anterior, poderanse aproveitar os pastos nos montes ou terreos forestais afectados por incendios forestais, de conformidade co establecido na sección 1ª deste capítulo. A inscrición deste tipo de terreos baixo unha autorización regulada no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo estará condicionada a que o aproveitamento non favoreza o risco de sufrir graves episodios de erosión e escoamento pola degradación ou pola sobreexplotación dos seus solos.

3. Inscribiranse de oficio no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo como zonas prohibidas as superficies queimadas naquelas parroquias definidas como de alta actividade incendiaria incluídas nas zonas declaradas como de alto risco en Galicia, durante o período que resulte por aplicación da Lei 3/2007 e da súa normativa de desenvolvemento. A dirección xeral competente en materia de incendios comunicará semestralmente, ao longo do mes de xuño e do mes de decembro, as superficies queimadas que hai que incluír como zonas prohibidas no rexistro.

Artigo 50. Excepcións á prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios forestais

1. Malia o disposto no artigo anterior, en casos excepcionais, o aproveitamento de pastos en terreos afectados por incendios forestais poderá ser autorizado antes de que transcorra o prazo disposto no número 1 do artigo anterior, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Acreditación de perdas de difícil ou imposible reparación pola prohibición do pastoreo.

b) Inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas polos incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal.

En todo caso, corresponde á persoa interesada demostrar que concorren as circunstancias mencionadas no parágrafo anterior.

Estas excepcións non serán aplicables cando se trate de superficies arborizadas queimadas ou superficies queimadas pertencentes ás parroquias definidas como de alta actividade incendiaria incluídas nas zonas declaradas como de alto risco de Galicia, durante o período que resulte por aplicación da Lei 3/2007 e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Poderán autorizarse excepcións á prohibición xeral de pastoreo en terreos queimados, ademais dos supostos anteriores, nos supostos de pastos afectados por grandes incendios forestais, en que a Administración adoptase medidas extraordinarias dirixidas á consolidación de solos queimados, a trituración da vexetación queimada, a reparación de peches gandeiros e a reparación de infraestruturas. Nestas situacións poderanse recoñecer de oficio as perdas de difícil reparación e a ausencia de solucións alternativas. Esta excepción non poderá considerarse en ningún caso para as zonas cualificadas como de arboredo.

3. Para aproveitar os pastos en montes ou terreos forestais nos supostos excepcionais a que se refire este artigo deberase cumprir o establecido na sección 1ª do presente capítulo, xustificando que o terreo forestal foi afectado por un incendio forestal e que non transcorreu o prazo establecido por regra xeral, e motivando e acreditando, de ser necesario, que concorre algunha das circunstancias taxadas nos números anteriores.

4. As solicitudes de autorización reguladas neste artigo dirixiranse á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de montes en cuxo ámbito se sitúe o monte ou terreo forestal obxecto do aproveitamento, ou a maior superficie daquel, no caso de estar situado no ámbito de máis dunha xefatura territorial.

CAPÍTULO VI

Aproveitamentos micolóxicos

Sección 1ª. Disposicións comúns aos aproveitamentos micolóxicos en montes
ou terreos forestais

Artigo 51. Obxecto e alcance

1. O obxecto deste capítulo é a ordenación e regulación do aproveitamento micolóxico, mediante a recolla de cogomelos ou fungos, nos montes e terreos forestais de xestión privada situados no territorio Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os aproveitamentos a que se refire este capítulo realizaranse dentro dos límites que permitan os intereses de conservación e mellora do monte ou terreo forestal, de acordo co disposto no presente decreto e na demais normativa sectorial aplicable, e de xeito que se garanta a súa persistencia e capacidade de renovación.

3. Exceptúanse do réxime xeral establecido neste capítulo aqueles cogomelos que sexan obxecto dunha regulación específica. Neste caso, o aproveitamento rexerase polo disposto na devandita normativa.

Artigo 52. Condicións específicas na realización dos aproveitamentos micolóxicos

1. Tanto na fase de localización como na de recolla de cogomelos e fungos non se empregarán máis instrumentos para a extracción que un coitelo ou navalla. Os cogomelos extraeranse coidadosamente coa punta da navalla ou coitelo desde a base do pé, de xeito que queden enteiros, e tendo perfectamente visibles todos os caracteres que permitan a súa correcta identificación sen danar o micelio. Unha vez extraídos, reporase a terra ou a folla de xeito que o terreo quede nas condicións orixinais.

2. Deixaranse intactos os exemplares que non se vaian recoller por calquera motivo, sexa pola súa mala conformación, sexa por estaren rotos ou alterados, pola falta de interese para a persoa que realiza o aproveitamento, por dúbidas na súa identificación ou por calquera outro motivo de similar ou análoga natureza.

3. Os recipientes utilizados para o traslado e almacenaxe dos cogomelos por aquelas persoas que realicen o aproveitamento dentro dos montes ou terreos forestais terán que ser cestos ou recipientes de material permeable de semellante natureza, abertos pola súa cara superior, que permitan a súa aireación e a caída ao exterior das esporas.

Artigo 53. Prácticas prohibidas na realización dos aproveitamentos micolóxicos

Na realización de aproveitamentos micolóxicos quedan prohibidas as seguintes prácticas:

a) Remexer o chan, tanto na fase de localización como na de recolla, de xeito que se altere ou prexudique a cuberta vexetal superficial. Por excepción, no caso dos fungos hipoxeos (subterráneos) permítese remexer o chan sempre que o seu aproveitamento se realice extremando as precaucións, de xeito que, unha vez rematados os traballos, o terreo quede nas condicións máis próximas ás orixinais.

b) Usar anciños, angazos, aixadas ou calquera outra ferramenta que altere a parte vexetativa do cogomelo. En todo caso, a folla do instrumento empregado non excederá os 11 centímetros de lonxitude.

c) Recoller cogomelos e fungos pola noite, con independencia do tipo de aproveitamento e da especie. Para estes efectos, a noite comprenderá o período que vai desde o solpor ata o amencer, segundo as táboas de orto e ocaso.

d) Romper ou deteriorar calquera exemplar que non sexa obxecto de recolección, agás roturas puntuais dalgún exemplar necesarias para a axeitada identificación taxonómica.

e) Recoller cogomelos nas primeiras e nas últimas fases do seu desenvolvemento, é dicir, cando os exemplares sexan demasiado novos ou demasiado vellos.

f) Recoller, alterar ou estragar exemplares de especies protexidas.

g) Trasladar e almacenar os cogomelos en bolsas de plástico ou similares, ou en recipientes con recubrimento exterior ou interior que impidan ou diminúan a permeabilidade.

Artigo 54. Tipos de aproveitamento micolóxico

1. Para os efectos do presente decreto, os aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia clasifícanse nos seguintes grupos:

a) Aproveitamentos para consumo propio: son aqueles aproveitamentos de marcado carácter consuetudinario e esporádico que presentan unha finalidade doméstica, isto é, non económica ou comercial. Só se considerará que o aproveitamento é para consumo propio cando a recolla de cogomelos de calquera especie permitida non exceda a cantidade de 2 quilogramos de peso por persoa e día, e os cogomelos sexan silvestres e non produtos de plantación ou de micorrización.

b) Aproveitamentos comerciais: son aqueles aproveitamentos a través dos cales a persoa propietaria do monte ou terreo forestal pretenda obter un rendemento económico ou lucrativo ao seu favor. En todo caso, este tipo de aproveitamento require de autorización da persoa propietaria, entendéndose que existe aproveitamento comercial cando a recolla de cogomelos de calquera especie exceda a cantidade de 2 quilogramos de peso por persoa e día ou os cogomelos non sexan silvestres.

c) Aproveitamentos con fins científicos ou didácticos: son aqueles aproveitamentos que presentan un obxecto eminentemente científico-taxonómico, de identificación, de colección, educativo ou similar, que deberá quedar acreditado suficientemente con anterioridade á execución do aproveitamento. Este tipo de aproveitamentos está limitado a 5 unidades representativas enteiras por especie e pode ser compatible con outros tipos de aproveitamentos definidos neste artigo.

2. Os aproveitamentos para consumo propio e os aproveitamentos con fins científicos ou didácticos son libres, agás que a persoa titular regule o acoutamento do seu aproveitamento no instrumento de ordenación ou xestión forestal ou comunique o acoutamento deste aproveitamento que, en calquera caso, deberá sinalizar.

Sección 2ª. Aproveitamentos micolóxicos en montes e terreos forestais. Coutos

Artigo 55. Réxime dos aproveitamentos micolóxicos en montes e terreos forestais

1. As persoas propietarias de montes ou terreos forestais teñen dereito ao acoutamento das súas propiedades, orientado á viabilidade e ao mellor aproveitamento micolóxico.

2. O aproveitamento micolóxico en montes ou terreos forestais que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión, validamente aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, deberá estar regulado naquel. Para estes efectos, no instrumento de ordenación ou de xestión sinalarase, de ser o caso, a superficie que será obxecto de restrición ao acceso mediante o acoutamento e incluiranse as condicións establecidas neste decreto para efectuar o aproveitamento. O incumprimento destas condicións implicará que se incumpre co disposto no instrumento de ordenación ou de xestión.

3. En caso de non contar con instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, a persoa propietaria pode manifestar a súa vontade de prohibir a entrada de persoas sen a súa autorización para a recolla de cogomelos con independencia da modalidade de aproveitamento, na totalidade ou nunha parte do seu monte ou terreo forestal, mediante o acoutamento. Para este fin deberá remitir comunicación desta decisión á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes, a través do formulario normalizado recollido no anexo VIII (MR604G), ao que se xuntará a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación, se for o caso.

b) No caso de montes veciñais en man común, acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio copia da acta da asemblea ou certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade onde se dea fe do acordo aprobado en asemblea.

c) Plano de localización da superficie obxecto de acoutamento (obrigatorio só no caso de non relacionar as referencias catastrais afectadas).

4. Na comunicación prevista neste número faranse constar:

a) Os datos identificativos da persoa propietaria.

b) As referencias catastrais afectadas e a superficie obxecto de acoutamento ou o plano do aproveitamento.

c) O período de validez da comunicación, que poderá ser por tempo determinado ou ben indefinidamente mentres a persoa propietaria do terreo forestal non se manifeste en contra ou ben concorran circunstancias sobre o terreo que obriguen a modificar a devandita restrición.

5. Aqueles terreos acoutados para o aproveitamento micolóxico deberán ser obxecto efectivo do devandito aproveitamento cada ano. Se existe instrumento de ordenación ou xestión, o aproveitamento deberá facerse consonte o establecido neste.

6. A recolla de cogomelos nas modalidades definidas neste capítulo como para consumo propio ou con fins científicos ou didácticos pode efectuarse sen necesidade de autorización por parte da persoa propietaria nos montes ou terreos forestais de xestión privada, sempre fóra da superficie obxecto de acoutamento.

7. A recolla de cogomelos na modalidade de aproveitamento definida neste capítulo como comercial está sometida, en calquera caso, á autorización explícita e por escrito da persoa propietaria do monte ou terreo forestal, nos termos establecidos no artigo seguinte.

Artigo 56. Necesidade de autorización dos aproveitamentos micolóxicos pola persoa propietaria en terreos afectados por algún tipo de restrición

1. Cando o aproveitamento micolóxico teña a consideración de comercial ou cando, calquera que sexa a modalidade, se leve a cabo dentro dunha superficie acoutada consonte o disposto neste capítulo, requirirase autorización expresa da persoa propietaria do terreo. No caso das comunidades titulares de montes veciñais en man común será necesario, para a devandita autorización, acordo expreso da asemblea xeral conforme os seus estatutos e a normativa vixente na materia.

2. Na autorización prevista neste artigo debe constar, como mínimo:

a) Os datos identificativos e a sinatura da persoa que outorga o permiso.

b) Os datos identificativos da persoa á cal se lle concede o permiso.

c) O nome do monte ou terreo forestal e/ou as referencias catastrais das parcelas forestais afectadas.

d) Superficie obxecto da autorización ou o plano do aproveitamento.

e) O prazo de vixencia.

En caso de aproveitamentos realizados por un grupo de persoas organizado, a autorización poderá concederse para o grupo completo e para todo o período de tempo que dure a actividade.

3. As persoas que dispoñan da autorización a que se refire este artigo deberán levala consigo no momento de realizar o aproveitamento.

Artigo 57. Sinalización dos montes e terreos forestais de xestión privada afectados por restricións dos aproveitamentos micolóxicos

1. Co obxecto de que sexa posible recoñecer os montes ou terreos forestais de xestión privada afectados por restricións dos aproveitamentos micolóxicos, as persoas propietarias destes predios deberán acoutar e sinalizar o perímetro sometido a restrición de acceso.

2. Para o efecto do previsto neste artigo, empregaranse sinais claros e facilmente visibles, coa seguinte inscrición en letras maiúsculas: «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora». Estes sinais deberán estar situados no recinto acoutado e nos accesos principais ao monte ou terreo forestal.

3. Para a sinalización das restricións dos aproveitamentos micolóxicos prohíbese cravar ou esgazar con calquera elemento, manual ou mecánico, as árbores de forma tal que se lles produza dano ou feridas.

CAPÍTULO VII

Aproveitamentos de resinas

Artigo 58. Aproveitamentos forestais de resina en montes ou terreos forestais de xestión privada

1. Poderán realizarse aproveitamentos de resina en montes ou terreos forestais de xestión privada que estean poboados con piñeiros das especies Pinus pinaster Ait., Pinus radiata D. Don e Pinus nigra Arnold.

2. Os aproveitamentos de resina realizaranse de acordo co disposto na Lei 7/2012 e coa normativa que os desenvolva. Sen prexuízo doutras obrigas derivadas da normativa concorrente na materia, procurarase como obxectivo final ademais do propio aproveitamento, a redución ao mínimo posible dos danos sobre os pés resinados, e o mantemento da saúde e vitalidade das masas forestais obxecto do aproveitamento de resina. Con carácter xeral, as masas que se vaian resinar terán un diámetro normal medio igual ou maior de 25 cm; poderase solicitar autorización xustificando a resinación de masas cun valor inferior.

3. O período hábil para a realización dos aproveitamentos forestais de resina comprende os meses de xaneiro a novembro. As solicitudes de autorización e declaracións responsables para un ano natural poderán cursarse desde o 1 de setembro do ano anterior ata o 31 de marzo do mesmo ano, entendéndose denegadas as presentadas fóra dese prazo.

4. A persoa que conste na solicitude do aproveitamento como aquela que vai realizar o aproveitamento resineiro deberá estar dada de alta no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia e ter realizada a pertinente comunicación anual no prazo legalmente estipulado.

5. A cantidade final de produto obtido en cada aproveitamento será comunicada á Administración forestal como máis tarde no mes de decembro do ano do aproveitamento, a través do formulario normalizado recollido no anexo XI (MR604M), achegando a documentación acreditativa da representación, de ser o caso. A persoa interesada poderá achegar outra documentación que considere relevante en relación co aproveitamento.

Artigo 59. Aproveitamentos de resina en montes ou terreos forestais baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. Os aproveitamentos de resina nos montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no artigo 9 e no capítulo II do título III da Lei 7/2012, sempre que se fagan seguindo as prescricións contidas naquel, requiren unicamente a presentación dunha declaración responsable ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes.

Esta declaración responsable será presentada con carácter previo ao inicio dos traballos a través do formulario normalizado recollido no anexo IX (MR604J), ao que se xuntará a acreditación da representación, se for o caso. A persoa interesada poderá achegar outra documentación que considere relevante en relación co aproveitamento.

2. Cando o aproveitamento non se axuste ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión, a persoa interesada deberá solicitar á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de montes, previamente á realización daquel e por causa xustificada, unha autorización a través do formulario normalizado recollido no anexo X (MR604K). Para isto, deberá xuntar xustificación técnica da modificación proposta e o procedemento tramitarase de conformidade co establecido no artigo seguinte.

O outorgamento da autorización suporá a exixencia da modificación do instrumento de ordenación ou xestión aprobado consonte o artigo 82 da Lei 7/2012.

3. A realización de prácticas en cursos de formación que afecten menos de 300 pés requirirán unicamente a presentación da declaración responsable prevista neste artigo, en que se indicará tal circunstancia e as datas de comezo e fin da actividade. Xunto coa declaración responsable deberá remitirse unha certificación do centro responsable do curso en que figure o nome da actividade e o número de alumnos que están a realizala.

4. A realización de investigacións ou probas científico-técnicas que afecten menos de 600 pés requirirán unicamente a presentación da declaración responsable prevista neste artigo, en que se indicará tal circunstancia e as datas de comezo e fin da actividade. Xunto coa declaración responsable deberá remitirse a documentación xustificativa da investigación que se está a realizar.

Artigo 60. Aproveitamentos de resina en montes ou terreos forestais que non se atopen baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. As persoas propietarias de predios e as persoas por elas autorizadas poden realizar aproveitamentos de resina en masas de piñeiro que non conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal presentando ante a correspondente xefatura territorial competente en materia de montes, con carácter previo ao inicio dos traballos, unha solicitude de autorización a través do formulario normalizado recollido no anexo X (MR604K), ao cal se xuntará a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación, se for o caso.

b) Plan de aproveitamento resineiro, cando proceda, segundo o disposto no número 2 deste artigo.

c) No caso de montes veciñais en man común, acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio copia da acta da asemblea ou certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade onde se dea fe do acordo aprobado en asemblea.

d) Outra documentación que a persoa interesada considere relevante en relación co aproveitamento.

2. Cando a solicitude afecte masas de piñeiros de máis de 5 hectáreas de extensión e/ou se pretenda resinar máis de 2.500 pés, deberá xuntarse a aquela un plan de aproveitamento resineiro, asinado por persoal técnico competente en materia forestal, co seguinte contido mínimo:

a) Identificación da persoa propietaria e da persoa titular do dereito de aproveitamento, de ser esta unha persoa distinta.

b) Identificación do monte ou terreo forestal afectado: nome, superficie, especie principal, idade media, densidade e diámetro medio, quenda de corta prevista, estado de saúde xeral da masa e aproveitamentos actuais.

c) Xustificación da necesidade ou oportunidade do aproveitamento de resina.

d) Localización planimétrica, con detalle das referencias catastrais afectadas.

e) Método de resinación: método de extracción, se a resinación se realizará a vida ou a fin de quenda, a súa ordenación temporal, prazo a que se axustará o aproveitamento (número de caras e largura e número de entalladuras que se realizará en cada árbore, ou número de perforacións, se é o caso), o número de pés afectados, a taxación correspondente, compatibilidade co resto de aproveitamentos e demais prescricións técnicas do aproveitamento solicitado.

f) Responsable do aproveitamento.

g) O plan de aproveitamento resineiro cumprirá o disposto, de ser o caso, na lexislación en materia de seguridade e saúde.

h) Comprador previsto, se se dispón desta información.

3. Cando a solicitude non supere os límites establecidos no punto 2 deste artigo, xunto coa solicitude achegarase a información requirida nas alíneas d), e) e f) do punto anterior.

CAPÍTULO VIII

Facultade inspectora da Administración e réxime sancionador

Artigo 61. Facultade inspectora da Administración

1. A Administración forestal poderá efectuar as inspeccións, os controis e os recoñecementos que considere convenientes sobre os aproveitamentos forestais. Isto sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que, sobre aspectos dos aproveitamentos que afecten a lexislación sectorial, teñan atribuídas as demais administracións públicas competentes.

2. O persoal funcionario que teña a condición de axente da autoridade, co fin de velar polo cumprimento dos preceptos contidos neste decreto e no exercicio das súas funcións, está facultado para:

a) Entrar libremente en calquera momento e sen aviso previo nos lugares suxeitos a inspección e a permanecer neles, con respecto, en todo caso, á inviolabilidade do domicilio. Ao efectuar unha visita de inspección, deberá comunicar a súa presenza mostrando a súa acreditación á persoa inspeccionada ou á persoa que a represente, menos que non sexa posible tal comunicación.

b) Proceder, sen causar danos á propiedade, ás súas infraestruturas ou ao voo, a practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que considere necesaria para comprobar que as disposicións contidas neste decreto se observan correctamente.

c) Tomar ou sacar mostras de substancias e materiais, realizar medicións, obter fotografías, vídeos, gravacións de imaxes e realizar esbozos e planos, sempre que se notifique á persoa titular ou á persoa que a represente, agás en casos de urxencia, nos cales a notificación poderá efectuarse con posterioridade.

3. As persoas propietarias e as persoas por elas autorizadas que se atopen realizando un aproveitamento madeireiro e leñoso están obrigadas a colaborar na inspección en todo aquilo para o que sexan requiridas.

Artigo 62. Réxime sancionador

1. Os incumprimentos do disposto neste decreto son sancionables atendendo ás infraccións tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, no artigo 128 da Lei 7/2012 e no artigo 50 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

2. Constitúen infraccións das previstas no artigo 128.x) da Lei 7/2012:

a) A falta da comunicación exixida no punto 5 do artigo 94 da Lei 7/2012, ao rematar o aproveitamento madeireiro e leñoso obxecto de autorización ou declaración responsable en montes ou terreos forestais de xestión privada.

b) O incumprimento do prazo para realizar a comunicación sinalada na alínea anterior.

c) A falta da comunicación, polas persoas físicas ou xurídicas solicitantes ou declarantes que actúan en lugar da persoa titular, do volume ou o peso finalmente aproveitado.

3. Constitúe unha infracción das previstas no artigo 128.h) da Lei 7/2012, a non realización das actuacións encamiñadas á restauración das superficies de xestión privada obxecto de aproveitamento madeireiro e leñoso dentro do período de tempo establecido sen que se acreditasen as causas xustificadas recollidas no artigo 39 deste decreto.

4. Constitúe unha infracción das previstas no artigo 67.h) da Lei 43/2003 a realización de aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais de xestión privada sen cumprir o requisito da declaración responsable previa preceptiva ou sen obter previamente a preceptiva autorización da Administración forestal para a súa execución nos casos establecidos no capítulo IV deste decreto.

5. As infraccións dos números anteriores cualificaranse como moi graves, graves e leves segundo os criterios previstos no artigo 68 da Lei 43/2003, consonte o artigo 129 da Lei 7/2012.

Disposición adicional primeira. Difusión dos datos dos aproveitamentos forestais

A consellería responsable da dirección e elaboración das estatísticas en materia agroforestal publicará e difundirá nos primeiros tres meses de cada ano os datos dos aproveitamentos forestais que fosen solicitados ou declarados no ano anterior, desagregados por distrito forestal e formación específica, desagregando cando menos o volume de aproveitamentos anuais de Pinus pinaster, Pinus radiata, Pinus sylvestris e o xénero Eucalyptus polas súas principais especies, todo isto de acordo coa normativa estatística de Galicia e, en particular, co previsto sobre planificación e programación estatística.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados nos procedementos que se tramiten ao abeiro deste decreto serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da súa xestión e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

O tratamento dos datos de carácter persoal farase segundo a lexislación vixente na materia.

2. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

3. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional terceira. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional cuarta. Coordinación co Rexistro de Cartografía de Galicia

En virtude do artigo 18 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, a base cartográfica dixital en que estean representados os límites das superficies inscritas no Rexistro de Pastoreo, será obxecto de inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia. Toda a cartográfica achegada para as inscricións de superficies no Rexistro de Pastoreo utilizará o sistema de referencia oficial.

Disposición adicional quinta. Visor de información xeolocalizada

1. Consonte o previsto na disposición adicional sétima da Lei 7/2012, e desde a entrada en vigor deste decreto estará accesible no portal para solicitudes de cortas privadas da consellería competente en materia de montes, a información xeolocalizada dos espazos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, conforme os datos subministrados polos distintos órganos competentes, de forma que permita unha planificación na xestión forestal respectuosa cos devanditos espazos, co carácter de ferramenta corporativa de acceso fiable ás afeccións que nela constan.

2. De conformidade coas leis citadas, a información xeolocalizada será obxecto de actualización permanente ata garantir a súa total, exacta e efectiva implementación.

Disposición adicional sexta. Sistema de dilixencia debida

1. En aplicación do previsto na Lei 7/2012, aqueles axentes con sede social en Galicia que se fornezan exclusivamente con madeira dos aproveitamentos madeireiros provenientes dos montes galegos e realicen as preceptivas comunicacións anuais no Rexistro de Empresas do Sector Forestal, entenderase que dispoñen dun sistema de dilixencia debida de xeito individual. Para tal fin, a Administración forestal manterá, sobre os ditos axentes, un sistema de supervisión baseado no control e seguimento da orixe dos aproveitamentos madeireiros que se realicen en Galicia mediante a información subministrada polas autorizacións e declaracións responsables, e mediante os datos das comunicacións anuais presentadas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal, avaliando os riscos e propoñendo accións correctivas para a súa minimización.

2. A resolución que declare a imposibilidade de continuar co aproveitamento consonte o artigo 21 do presente decreto, poderá determinar, xunto á imposibilidade de instar novos procedementos para a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais de xestión privada mediante declaración responsable durante un período dun ano, o non amparo, á persoa que realizou o aproveitamento, ao sistema de dilixencia debida desenvolvida no número anterior desta disposición, polo mesmo prazo.

3. O anexo XII do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, incluirá os rexistros necesarios para incorporar as empresas importadoras de madeira e produtos de madeira. De igual xeito, os códigos de clasificación de produtos por actividades deberán estar actualizados a aqueles, de carácter oficial, que se atopen en vigor.

Disposición transitoria primeira. Procedementos en tramitación

1. Aos procedementos iniciados ao abeiro da normativa existente con anterioridade á entrada en vigor deste decreto seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, agás nos casos en que o previsto neste decreto sexa máis favorable para a persoa interesada.

2. Os procedementos MR602A, MR603A, MR604A, MR604B, correspondentes cos anexos II, III, IV e V do Decreto 50/2014, terán que coexistir en sede electrónica cos novos procedementos regulados neste decreto durante todo o proceso de tramitación das solicitudes presentadas a través dos ditos procedementos, e ata o remate dos expedientes de aproveitamentos, sen que sexa posible o inicio de novos procedementos nestes modelos.

3. Os procedementos MR604H e MR604I, correspondentes cos anexos II e III da Orde do 20 de abril de 2018, da Consellería do Medio Rural, pola que se modifican os anexos II, III e VI do Decreto 50/2014, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, e se regulan os procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos, terán que coexistir en sede electrónica cos novos procedementos regulados neste decreto durante todo o proceso de tramitación das solicitudes presentadas a través dos ditos procedementos, e ata o remate dos expedientes de aproveitamentos, sen que sexa posible o inicio de novos procedementos nestes modelos.

Disposición transitoria segunda. Plan de cortas

1. Mentres os montes ou terreos forestais non dispoñan do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio que preceptúa a normativa vixente, as solicitudes de autorización de aproveitamento madeireiro e leñoso presentadas consonte o disposto no capítulo III deberán achegar un plan de cortas cando a superficie do aproveitamento madeireiro e leñoso sexa superior a 1 hectárea para masas con especie principal incluída no anexo I e a 15 hectáreas para as demais masas.

A presentación ao longo dun mesmo ano natural de sucesivas declaracións responsables de aproveitamento para unha mesma masa forestal comportará a obriga de presentar un plan de cortas que inclúa a totalidade das cortas do ano, no caso de que se superen os límites do parágrafo anterior.

2. O plan de cortas exixido nesta disposición será asinado por unha persoa técnica competente en materia forestal segundo o recollido na Lei 7/2012, e incluirá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Xustificación da necesidade ou oportunidade do aproveitamento.

b) Localización planimétrica do aproveitamento, a escala 1:5000 ou superior.

c) Superficie obxecto do aproveitamento.

d) Número de pés e volume por especie e clase natural de idade (repoboación, monte bravo, latizal, fustal ou combinacións).

e) Taxación correspondente.

f) Prescricións técnicas do aproveitamento.

3. O plan de cortas cumprirá o disposto, de ser o caso, na lexislación en materia de seguranza e saúde.

4. O plan de cortas deberá ser autorizado pola propiedade forestal ou pola persoa titular dos dereitos do aproveitamento. Nos montes veciñais en man común é preciso o acordo da asemblea xeral da comunidade propietaria. Este acordo xustificarase por medio da copia da acta da asemblea ou certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade onde se dea fe do acordo aprobado en asemblea.

5. O contido desta disposición manterá a súa vixencia mentres sexa de aplicación o prazo establecido na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, e na lexislación básica.

Disposición transitoria terceira. Pregos con condicións sectoriais

1. Ata que se aproben os pregos con condicións sectoriais a que deberán suxeitarse os aproveitamentos madeireiros das especies recollidas na disposición adicional terceira da Lei 3/2007, nos montes ou terreos forestais que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, as persoas interesadas deberán presentar a oportuna solicitude de autorización, polo que a presentación nestes casos dunha declaración responsable non as amparará na execución dos ditos aproveitamentos.

2. No momento en que, mediante orde das consellerías competentes ou mediante actos das administracións locais competentes, se aproben pregos de condicións técnicas para a execución de aproveitamentos madeireiros mediante declaración responsable, habilitarase automaticamente a utilización do modelo de declaración responsable que se xunta como anexo deste decreto, para que as persoas solicitantes realicen as manifestacións relativas aos seus aproveitamentos, sen prexuízo das responsabilidades que procedan como consecuencia da inexactitude, falsidade ou omisión dos datos contidos nas ditas declaracións.

Disposición transitoria cuarta. Presentación das solicitudes ata a entrada en vigor deste decreto

Ata a entrada en vigor do presente decreto continuará sendo de aplicación o disposto na Orde do 20 de abril de 2018 pola que se modifican os anexos II, III e VI do Decreto 50/2014, do 10 de abril.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

Non obstante, manterán a súa vixencia:

a) O capítulo VII, regulador do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), así como os anexos XII, XIII e XIV, vinculados á referida regulación.

b) As prescricións da súa disposición derrogatoria única, número 1, relativas á declaración de vixencia dos artigos 8 e 9, números 2 e 3; 11; 12, número 1.e); 15, números 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8; e 17 do Decreto 105/2016, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.

2. Queda derrogada a Orde da Consellería do Medio Rural do 20 de abril de 2018 pola que se modifican os anexos II, III e VI do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, e se regulan os procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final de aproveitamentos madeireiros.

3. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para modificar os formularios anexos a este decreto para adaptalos aos protocolos de integración na autorización única que poidan asinarse con outras administracións distintas da autonómica.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de abril de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

– Coníferas:

Piñeiro silvestre: Pinus sylvestris L.

Teixo: Taxus baccata L.

– Frondosas:

Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaetrn.

Pradairo: Acer pseudoplatanus L.

Bidueiro: Betula sp.

Freixo: Fraxinus excelsior L.

Freixa: Fraxinus angustifolia Vahl.

Castiñeiro: Castanea sativa Mill.

Castiñeiro híbrido: Castanea x híbrida (resistente á tinta).

Cerdeira: Prunus aviun L.

Carballo: Quercus robur L.

Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.

Sobreira: Quercus suber L.

Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.

Aciñeira: Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp.

Abeleira: Corylus avellana L.

Faia: Fagus sylvatica L.

Umeiro de montaña: Ulmus glabra Huds.

Umeiro: Ulmus minor Miller.

Loureiro: Laurus noblilis L.

Sorbeira do monte: Sorbus aria L.

Capudre: Sorbus aucuparia L.

Nogueira: Juglans regia L.

Érbedo: Arbutus unedo L.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII-B

Cartografía dos límites das superficies de pastoreo

A capa cos límites das superficies de pastoreo que se van inscribir no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo presentarase en formato shape xeorreferenciado.

Obterase mediante intersección da cartografía catastral co límite dos terreos forestais que se van inscribir segundo o tipo de inscrición que se vaia realizar.

A táboa de atributos da capa terá a seguinte estrutura:

Campo

Tipo

Tamaño

Precisión

Descrición

IdRPTFP

texto

18

0

Código de inscrición no rexistro. Deixar en branco

DataAlta

data

Data de alta no rexistro. Deixar en branco

DataBaja

data

Data de baixa no rexistro. Deixar en branco

PropNome

texto

255

0

Persoa propietaria dos terreos: nome ou razón social

PropApel1

texto

255

0

Persoa propietaria dos terreos: primeiro apelido

PropApel2

texto

255

0

Persoa propietaria dos terreos: segundo apelido

PropNIF

texto

9

0

Persoa propietaria dos terreos: NIF

TituNome

texto

255

0

Persoa titular do aproveitamento de pastoreo: nome ou razón social

TituApel1

texto

255

0

Persoa titular do aproveitamento de pastoreo: primeiro apelido

TituApel2

texto

255

0

Persoa titular do aproveitamento de pastoreo: segundo apelido

TituNIF

texto

9

0

Persoa titular do aproveitamento de pastoreo: NIF

REFCAT

texto

14

0

Código da referencia catastral obtida da sede electrónica do Catastro

IDMONTE

numérico

5

0

Campo de obrigado cumprimento no caso de montes públicos, protectores ou MVMC. Obtense do Rexistro de Montes

IDPREDIO

numérico

5

0

Código correlativo (1, 2, 3, ..., 99.999)

TIPO

texto

12

0

Tipo regulación

SUPERF

numérico

10

4

Superficie de cada recinto, en hectáreas

Para o campo [TIPO] utilizaranse as seguintes opcións:

– «Non forestal», para as superficies que non teñen a consideración de monte ou terreo forestal.

– «Non definido», para as superficies onde non se prohibiu nin se regulou o pastoreo.

– «Prohibido», para as superficies onde se prohibe o pastoreo.

– «Regulado», para as superficies onde se autoriza o pastoreo, de xeito regulado.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file