Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 21014

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2020 pola que se autoriza e se dá publicidade do procedemento de tramitación da declaración de impacto ambiental do proxecto básico da dragaxe do porto de Ribadeo, que por razóns motivadas debe continuar a súa tramitación durante a vixencia do estado de alarma (expediente 15/2015/proxectos).

I. Antecedentes e consideracións xurídicas.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a modificación operada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, adopta na súa disposición adicional terceira a seguinte medida en materia de prazos:

1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos renovarase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, de ser o caso, as súas prórrogas.

2. A suspensión de termos e a interrupción de prazos aplicarase a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Non obstante o anterior, o órgano competente poderá acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

4. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, desde a entrada en vigor do presente real decreto, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Como consecuencia do anterior, deben considerarse suspendidos ex lege os procedementos tramitados coas únicas excepcións que a propia normativa admite.

E como excepción permítese que as administracións públicas poidan acordar a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, sen que nestes supostos sexa necesario obter a conformidade previa das persoas interesadas.

De acordo co exposto, esta resolución ten por obxecto autorizar motivadamente a continuación do procedemento desta entidade pública empresarial (expediente 15/2015/proxectos) e dar publicidade desta decisión, para cumprir cos requisitos de fondo e de forma que a dita continuación exixe e para dar resposta ás debidas exixencias de transparencia que rexen a actividade das administracións públicas.

Ademais, neste mesmo acto dáse curso ao debido trámite de información pública do estudo de impacto ambiental do proxecto básico de obras obxecto do procedemento de referencia, respecto do cal se acorda a continuación; trámite de información pública que incide na protección dos dereitos e intereses dos cidadáns, do seu dereito á participación e ao acceso á información, e transparencia pública en materia ambiental.

No momento de ditarse esta resolución cómpre ter presente que nos acordos do Cecop do 14 de abril de 2020 se inclúe a proposta para que as administracións públicas reactiven a tramitación de expedientes administrativos, emisión de informes e concesión de permisos e licenzas como medio necesario para a reactivación progresiva da actividade económica.

II. Parte dispositiva.

Por todo o anterior, en uso das competencias atribuídas polo artigo 12, números 1 e 3.g) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Continuidade do procedemento de clave 15/2015/proxectos

Autorizar motivadamente a continuación do procedemento de tramitación da declaración de impacto ambiental do proxecto básico de dragaxe do porto de Ribadeo (expediente de clave 15/2015/proxectos), tramitado pola entidade pública Portos de Galicia, mentres estea vixente o estado de alarma, así como dar publicidade á dita autorización. O concepto continuación enténdese no sentido amplo de inicio ou seguimento da tramitación dun procedemento xa iniciado.

Segundo. Motivos que xustifican a continuidade

Estas motivos fundaméntanse en que para o funcionamento básico do porto de Ribadeo (Lugo) resulta imprescindible manter en debidas condicións de seguridade e operativa o calado do porto dando así cumprimento as obrigas establecidas nos artigos 9, 19 e 21 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, de xeito que os buques e embarcacións que precisen acceder a este porto (que, polo demais, por razóns de seguridade da navegación, ten establecido como preceptivo o servizo de practicaxe) o fagan en instalacións conservadas conforme as necesidades do tráfico portuario e en condicións de seguridade.

Para poder realizar as obras de dragaxe resulta preceptivo e vinculante que tal proxecto básico obteña antes a preceptiva autorización ambiental, neste acaso a través da declaración de impacto ambiental do órgano ambiental competente. É dicir, a execución destas obras que afectan a seguridade, operatividade e funcionamento básico do servizo público do porto de Ribadeo precisa a tramitación previa do expediente administrativo de autorización ambiental como requisito preceptivo e vinculante para que o órgano substantivo promotor das obras poida proceder logo á súa aprobación e execución.

Terceiro. Apertura do trámite de información pública

Dispor o impulso e execución do trámite de información pública do estudo de impacto ambiental do dito expediente 15/2015/proxectos. Para tal efecto ábrese un prazo de 30 días hábiles para que calquera interesado o poida consultar nas dependencias de Portos de Galicia e na web de Portos de Galicia, e se for o caso, formular nese prazo as alegacións que considere convenientes.

Este prazo empezará a computarse desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

III. Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante a Presidencia de Portos de Galicia, contando desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Neste punto relativo a recursos non pode esquecerse a previsión contida no número 1 da disposición adicional oitava do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, relativa ao cómputo dos prazos para interpor recursos en vía administrativa ou para instar calquera outro procedemento de impugnación, reclamación, conciliación, mediación ou arbitraxe que os substitúa, ou aqueles de que poidan derivar efectos desfavorables ou de gravame para o interesado que, en calquera caso, se computarán desde o día hábil seguinte á data de finalización da declaración do estado de alarma, sen prexuízo da eficacia e executividade do acto administrativo impugnado.

Por tanto, de conformidade co previsto no número 1 da dita disposición adicional oitava do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, o prazo para interpoñer recurso de reposición computarase desde o día hábil seguinte á data de finalización da declaración do estado de alarma, con independencia do tempo que transcorrese desde a notificación da actuación administrativa obxecto de recurso.

Sen prexuízo do anterior, en virtude da disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e restablecerase unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, de ser o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia