Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20855

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2020 relativa á apertura dos mercados de gando en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 16 de maio.

A Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto décimo establece o seguinte:

«Suspéndese, (…) a actividade comercial retallista en todo o territorio da Comunidade Autónoma, a excepción dos establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos a continuación segundo a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (…).

No caso de equipamentos comerciais colectivos, tales como mercados municipais, centros, parques e/ou galerías comerciais, suspenderase a actividade comercial daqueles establecementos integrados nestes e non incluídos na lista anterior».

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma en todo o territorio nacional para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, determinou a imposición de importantes restricións á circulación e concentración de persoas, adoptándose co mesmo fin medidas de contención no ámbito da actividade comercial, e de suspensión da apertura ao público de equipamentos e actividades, ao abeiro do disposto no artigo 10 da propia disposición normativa.

O tempo transcorrido desde a primeira declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo; a propia evolución da emerxencia sanitaria cunha importante redución no número de contaxios e persoas hospitalizadas nas últimas semanas; así como as últimas medidas adoptadas polo Goberno central, entre elas unha desescalada progresiva por actividades e territorios, tal e como dispón a Orde do Ministerio de Sanidade SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade (Orde que inclúe no seu anexo as catro provincias galegas, de modo que, de conformidade co artigo 2.1 da dita orde, a totalidade do territorio da Comunidade autónoma de Galicia está actualmente dentro do ámbito da fase 1 do Plan), obrigan a reconsiderar a situación dos mercados de gando, actualmente suspendidos.

Os mercados de gando supoñen unha actividade cun grande interese para o sector primario galego, ao constituír a venda de animais unha fonte de ingresos adicionais para moitas explotacións que posúen excedentes, resultando fundamentais para a dinamización do dito sector. Ademais, os mercados de gando supoñen tamén un elemento relevante da cadea de produción agroalimentaria, en canto que espazo físico en que os animais son parte das transaccións efectuadas, ben para utilizar na reprodución, ben para o seu aproveitamento directo ou indirecto a través das súas producións.

Nese sentido, cómpre ter presente o disposto no artigo 15 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada por el COVID-19, o cal establece que as autoridades competentes delegadas adoptarán as medidas necesarias para garantir o abastecemento alimentario nos lugares de consumo e o funcionamento dos servizos dos centros de produción, permitindo a distribución de alimentos.

Igualmente, debe traerse a colación o previsto na mencionada Orde do Ministerio de Sanidade SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que no seu artigo 10 regula a reapertura dos establecementos e locais comerciais retallistas e de prestación de servizos asimilados, incluíndo tamén a reapertura dos mercados que desenvolvan a súa actividade ao aire libre ou de venda non sedentaria na vía pública.

Tomando pois en consideración o anterior, e, en particular, o Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop) do 16 de maio,

RESOLVO:

Levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con estrita observancia dos protocolos de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria, e debendo en todo caso cumprirse coas condicións e medidas recollidas nos artigos 4, 10, 11, 12 e 13 da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, do Ministerio de Sanidade, en canto poidan ser de aplicación nestes eventos; todo o anterior sen prexuízo do obrigatorio cumprimento do determinado na normativa de sanidade animal que resulte aplicable e das competencias que correspondan aos concellos, en virtude da normativa sobre réxime local.

Sen prexuízo do anterior, respecto das condicións específicas de celebración dos mercados gandeiros durante a vixencia do estado de alarma, estas serán, como mínimo, as previstas no anexo á presente resolución.

O disposto na presente resolución terá eficacia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Condicións específicas de celebración dos mercados gandeiros durante o estado de alarma

1. A celebración de mercados de gando durante o estado de alarma quedará sometida ás seguintes normas específicas:

a) Unicamente se permitirá o acceso ao recinto feiral a aquelas persoas debidamente acreditadas para a compra-venda de gando e o seu transporte (operadores comerciais, transportistas e persoas gandeiras) que vaian efectuar operacións comerciais no mercado. Para estes efectos, a entidade organizadora realizará un control na entrada principal do recinto, no horario que se estableza, e non se permitirá o acceso ás instalacións con posterioridade a ese horario.

Se así se require, para acreditar a súa condición, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné; os transportistas, a autorización administrativa pertinente, e as persoas gandeiras, o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade.

En ningún caso poderán acceder ao recinto persoas visitantes que non acudan a realizar transaccións comerciais.

b) Tanto as operacións de descarga como as de carga de gando realizaranse gradualmente, procurando que a confluencia de persoas nos peiraos de carga e descarga sexa a menor posible.

c) Todas as persoas que accedan ao recinto, tanto no caso das que vaian participar nas actividades de compra-venda como as persoas operarias da entidade organizadora e o persoal veterinario que asista a este, deberán levar máscara.

d) Nas operacións de compra-venda nas naves de gando, manterase unha distancia interpersoal de aproximadamente dos metros.

e) Nas zonas de acceso ao recinto e naquelas con maior presenza de operadores, a entidade organizadora colocará dispensadores de solución hidroalcohólica á disposición destes.

f) Sempre que sexa posible, para facer efectivas as transaccións comerciais habilitarase unha zona con mesas dotadas de anteparos ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores, e nas cales existirá solución hidroalcohólica á disposición das persoas usuarias.

g) Nos aseos das instalacións existirá en todo momento auga, xabón e toallas desbotables á disposición dos usuarios.

h) As papeleiras existentes nos aseos e no resto do recinto serán baleiradas e limpadas de xeito frecuente.

i) As medidas de prevención adicionais que deban utilizar as persoas operarias que traballan no mercado serán determinadas pola entidade organizadora, en función dos labores que realicen.

j) Na oficina veterinaria, a entidade organizadora instalará, na zona de atención ás persoas usuarias, anteparos ou elementos que aseguren o distanciamento social, e realizarase a entrega e recollida de documentación do xeito máis aséptico posible. Así mesmo, a entrada ás dependencias veterinarias por parte das persoas operadoras que demanden o servizo veterinario realizarase individualmente.

En todo caso, a organización dos labores e do fluxo de persoas nas ditas oficinas será determinada polos propios servizos veterinarios oficiais.

De existir posibilidade estrutural nestas dependencias, habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para os usuarios, de xeito que non exista cruzamento de persoas de entrada e saída.

Así mesmo, na oficina veterinaria existirán dispensadores de solución hidroalcohólica á disposición das persoas veterinarias e das persoas usuarias.

k) A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os servizos veterinarios oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios.

l) Se no mercado houber edificio administrativo, a entidade organizadora regulará a súa capacidade e establecerá un fluxo controlado de persoas na entrada e saída del que asegure o distanciamento social. Se for posible, nas zonas de maior confluencia de persoas operadoras definiranse sentidos de circulación, diferenciando ambos os sentidos mediante elementos ben visibles para as persoas usuarias.

m) Na medida do posible, e sempre que non afecte o benestar dos animais, durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas, para favorecer a ventilación, así como para evitar o contacto reiterado das persoas cos picaportes e pomos dos accesos.

n) Finalizado o mercado, a entidade organizadora realizará a limpeza e desinfección das instalacións, con especial atención ás superficies de contacto máis frecuente coas persoas, como pomos de portas, mobiliario, pasamáns, chans, billas etc., así como gaiolas, amarres e restantes instalacións para albergar o gando, utilizando desinfectantes como dilucións axeitadas de lixivia ou calquera outro desinfectante con actividade virucida existente no mercado e autorizado e rexistrado polo Ministerio de Sanidade.

Igualmente, a oficina veterinaria e as restantes dependencias administrativas serán desinfectadas convenientemente unha vez finalizada a xornada.

ñ) Tras a limpeza e desinfección, os materiais empregados, os equipamentos de protección individual utilizados e os residuos xerados serán eliminados de xeito seguro por parte da entidade organizadora.

2. As entidades organizadoras que desexen celebrar mercados gandeiros durante o estado de alarma deben comunicalo aos servizos provinciais correspondentes, sinalando as datas de celebración, co obxecto de poder organizar a prestación dos correspondentes servizos veterinarios.

3. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, mentras estea vixente o actual estado de alarma, poderá suspender a celebración de mercados gandeiros en que non se garantan as medidas sanitarias axeitadas, que serán, como mínimo, as previstas neste anexo.