Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 27 de maio de 2020 Páx. 21438

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2020 pola que se dá publicidade da relación de persoas beneficiarias e importes das axudas de agroambiente e clima (submedida 10.1) e de agricultura ecolóxica (submedidas 11.1 e 11.2) solicitadas ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2019.

Mediante a Orde do 22 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro) a Consellería do Medio Rural regulou a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

O artigo 28 da citada orde dispón que as resolucións poderán ser notificadas de acordo co establecido no artigo 45 de la Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no dito artigo, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, de conformidade co artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aprobaron os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (en diante, Fogga), atribuíuse á Dirección do Fogga a potestade de resolver os procedementos de concesión de axudas que se tramiten no ámbito das súas competencias.

RESOLVO:

Primeiro. Facer pública na web do Fogga a relación de persoas beneficiarias e importes das axudas de agroambiente e clima (submedida 10.1) e de agricultura ecolóxica (submedidas 11.1 e 11.2) ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2019.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/

Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas, no portal de axudas da PAC, as resolucións completas das axudas citadas no punto primeiro.

O acceso ao dito portal poderá realizarse a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria