Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21666

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ACORDO do 28 de maio de 2020 polo que se deixa sen efecto o do 24 de marzo de 2020 polo que se establecen medidas preventivas no eido da sanidade mortuoria, como consecuencia da epidemia do COVID-19, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarouse a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), e adoptáronse unha serie medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

No punto décimo terceiro establecéronse limitacións respecto dos establecementos e servizos funerarios.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, autoriza a Consellería de Sanidade a establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias que sexan necesarias.

No uso das atribucións conferidas ditouse o Acordo do 24 de marzo de 2020 polo que se estableceron medidas preventivas no eido da sanidade mortuoria, como consecuencia da epidemia do COVID-19, na Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 60, do 26 de marzo, para responder á situación que naquel momento se estaba a producir e que requiría da adopción de medidas especiais.

Tendo en conta a evolución da pandemia, así como as disposicións regulamentarias ditadas pola autoridade delegada a nivel nacional no ámbito da sanidade mortuoria, non tería sentido manter as medidas concretas adoptadas nunha situación ben diferente á actual, máxime cando moitas destas medidas foron implementadas a nivel nacional nun grao menos restritivo.

Tendo en conta o anterior, e no exercicio das facultades conferidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020,

ACORDO:

Único. Deixar sen efecto as medidas adoptadas no Acordo do 24 de marzo de 2020 polo que se establecen medidas preventivas no eido da sanidade mortuoria, como consecuencia da epidemia do COVID-19, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade