Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21672

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se acorda a continuación da tramitación do procedemento e do prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 24 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR905A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia desenvolve un programa de axudas económicas en favor de persoas emigrantes galegas retornadas que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia, programa que se encadra dentro das medidas da Estratexia Retorna 2020, que foi aprobada no Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2018.

O pasado día 16 de marzo de 2020, no DOG núm. 52, publicouse a Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR905A).

Esta resolución de convocatoria establecía un prazo para a presentación de solicitudes, que comprendía desde o 17 de marzo de 2020 ata o 31 de agosto de 2020.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, interrompeuse o prazo para a tramitación deste procedemento.

O Acordo do Consello da Xunta do 3 de abril sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento.

O 22 de maio de 2020, o Consello da Xunta valorou favorablemente a proposta de continuación pola Secretaría Xeral da Emigración dos procedementos de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 462/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da actuación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, entre os que se encontra o procedemento regulado pola Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR950A).

Polo tanto, en virtude do exposto e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, da autorización do Acordo do Consello da Xunta do 22 de maio de 2020, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Acordar a continuación da tramitación do procedemento regulado na Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e continuar o prazo de presentación de solicitudes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de outubro de 2020, incluído.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración