O texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, no seu artigo 30 atribúe ás comunidades autónomas as facultades de designación e separación dos vogais dos consellos de administración das autoridades portuarias de interese do Estado situadas no seu territorio, que deberán facerse necesariamente por proposta das administracións públicas e organismos e entidades que aqueles representen.
O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 16 de setembro de 2010 faculta a persoa titular da consellería competente en materia de portos para o exercicio das devanditas competencias.
Por outra banda, a teor do previsto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de xuño de 2002, no cal se fixou a composición do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, nel intégrase un representante dos concellos de Cervo e Xove, que alternarán cada dous anos.
Tendo en conta que mediante a Orde do 24 de abril de 2018 (DOG número 88, do 8 de maio) se dispuxo o nomeamento dun vogal en representación do Concello de Cervo, e transcorrido o período de dous anos antes indicado, cómpre efectuar un novo nomeamento.
Polo exposto, en exercicio da facultade atribuída, por proposta do alcalde do Concello de Xove,
DISPOÑO:
O nomeamento de José Demetrio Salgueiro Rapa como vogal no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en representación do Concello de Xove.
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar