Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21677

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 15 de maio de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 9 para reclasificar o solo urbanizable SUD-17 Monte do Sino en solo urbano, do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Oleiros solicita a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) arriba referido en virtude do artigo 60.16, en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).

Unha vez analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Oleiros en xaneiro de 2020 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente de forma parcial mediante a Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11 de marzo de 2009 e a Orde do 11 de decembro de 2014 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 26 de marzo de 2018 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, en resolución de data 27 de abril de 2018.

4. O arquitecto municipal e a coordinadora de servizos urbanísticos emitiron informes previos á aprobación inicial con data do 7 de maio de 2019.

5. A secretaria municipal emitiu informe o 16 de maio de 2019.

6. O Pleno do Concello de Oleiros aprobou inicialmente a modificación o 23 de maio de 2019. Foi sometida a información pública durante o prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 10 de xuño e Diario Oficial de Galicia do 12 de xuño), sen se presentar ningunha alegación, segundo informe da funcionaria municipal encargada de data do 14 de agosto de 2019 incluído no expediente.

7. Consta a emisión do seguinte informe estatal:

– Dirección Xeral de Aviación Civil do 30 de maio de 2018, de carácter favorable condicionado.

8. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Instituto de Estudos do Territorio do 1 de agosto de 2019.

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 17 de xullo de 2019.

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de solos contaminados do 2 de agosto de 2019.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27 de setembro de 2019.

9. Rematado o prazo previsto para a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia, enténdese emitido este informe en sentido favorable.

10. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada.

11. A coordinadora de servizos urbanísticos do concello emitiu informe previo á aprobación provisional o 14 de xaneiro de 2020, coa conformidade da secretaria municipal do 20 de xaneiro de 2020.

12. O Pleno do Concello de Oleiros aprobou provisionalmente a modificación o 30 de xaneiro de 2020.

13. A solicitude de informe realizouse mediante oficio do 5 de febreiro de 2020, que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o día 11 de febreiro de 2020. Tras ser requirida documentación, esta foi recibida o 9 de marzo de 2020.

14. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declarouse, mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional por parte do Goberno de España.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos, e sinala a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto e descrición.

1. A modificación ten por obxecto principal reclasificar os terreos comprendidos no sector de solo urbanizable delimitado SUD-13, que ten imputado un sistema xeral exterior de 3.784 m² (Parque Metropolitano de Liáns, ZV-5), a solo urbano consolidado, pois estes terreos reúnen, e xa reunían no momento de aprobación do PXOM, as condicións legais para seren clasificados como solo urbano consolidado.

2. A modificación dota o ámbito da mesma ordenanza de vivenda unifamiliar que os terreos lindeiros e fixa aliñacións mantendo o largo das rúas, establecido no PXOM, na zona, procurando respectar os cerramentos consolidados compatibles coa ordenación.

3. Ademais, a modificación resolve dentro do seu ámbito o final da rúa Sofía Casanova mediante un fondo de saco, por resultar inviable a prolongación desta rúa ata o seu encontro coa rúa Casares Quiroga pola excesiva pendente resultante, incompatible coa normativa de accesibilidade.

4. O sistema xeral de zonas verdes actualmente adscrito ao sector SUD-17 (que pasa da clasificación de solo urbanizable á de solo rústico) e a vía anteriormente mencionada en fondo de saco obtéñense mediante un convenio urbanístico de planeamento e para a execución de planeamento cos propietarios do ámbito.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación recibida, infórmase que non se encontran obxeccións ao seu contido, que dá resposta axeitada ás observacións efectuadas no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de data 26 de marzo de 2018.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual (MP) número 9 do PXOM do Concello de Oleiros (A Coruña) para reclasificar o solo urbanizable SUD-17 Monte do Sino a solo urbano.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselles esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para presentar o recurso contencioso-administrativo está suspendido e restablecerase unha vez que finalice a vixencia do citado real decreto ou, de ser o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda