Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 1 de xuño de 2020 Páx. 21784

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 30 de maio de 2020.

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 30 de maio de 2020, adoptou os seguintes acordos:

«O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia, coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 30 de maio de 2020,

ACORDA:

– Acordo sobre un convenio coa Fegamp para a realización de tests rápidos á policía local e auxiliares de policía local na Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre as medidas de prevención e control da pandemia COVID-19, o Goberno galego considerou a conveniencia da realización de tests rápidos aos axentes da Policía Nacional e da Policía Autonómica, ao consideralos colectivos de risco que están máis expostos.

As corporacións locais participan tamén no mantemento da seguridade pública nos termos establecidos na Lei reguladora das bases de réxime local e, no marco da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, contan cos corpos de policía local correspondentes, que tamén se consideran colectivo de risco xa que actúan en protección das persoas e asisten en situacións que requiren dunha actuación inmediata, o que supón a exposición ao contaxio no desenvolvemento normal das súas funcións.

Polo exposto, considérase adecuado dispor de medios oportunos para a prevención da detección precoz de posibles casos positivos por COVID-19 entre os policías locais e os auxiliares de policía local, xa que garante tanto a integridade dos seus efectivos, como o desenvolvemento das súas funcións con garantías sanitarias.

Corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a coordinación da actuación das policías locais que prestan os seus servizos en concellos galegos.

Entre as competencias que, no relativo ás relacións coas entidades locais galegas, corresponden á Administración autonómica, de acordo co disposto nos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, está a de cooperación e colaboración, que se pode levar a cabo mediante a subscrición de convenios.

A Federación Galega de Municipios e Provincias ten entre os seus fins promover, representar e defender os intereses das entidades locais ante outras administracións públicas, conforme o disposto no artigo 6.1, letra b), dos seus estatutos.

Por iso, acórdase que a Administración autonómica subscriba un convenio coa Fegamp, co obxecto de establecer o marco xurídico xeral dentro do cal as entidades locais poderán asinar a súa adhesión para executar de forma coordinada a posta en marcha do Programa para o control de COVID-19 nos efectivos da policía local dos concellos galegos e a aplicación do Protocolo de medidas hixiénico-sanitarias que se aprobe para os policías locais e auxiliares de policía local en relación co virus SARS-CoV-2.

– Acordo para a ampliación de capacidade para o consumo no local en establecementos de hostalaría e restauración do 40 % ao 50 % a partir do 1 de xuño.

Como consecuencia da aprobación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no seu artigo 10 establecéronse as medidas de contención no ámbito de actividades de hostalaría e restauración e outras adicionais.

Nese mesmo artigo, no seu número 6, habilita o Ministerio de Sanidade para modificar, ampliar ou restrinxir as medidas adoptadas.

No momento actual iniciouse un proceso de redución gradual das medidas extraordinarias determinadas mediante o citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Neste sentido o Goberno de España estableceu o denominado Plan para a transición cara a unha nova normalidade en que se fixa un proceso de catro fases cara a unha recuperación da normalidade, proceso gradual e adaptable en función da evolución dos datos epidemiolóxicos e do impacto das medidas adoptadas.

Ao respecto do ámbito dos locais de hostalaría e restauración, o Cecop pronunciouse anteriormente, por exemplo na reunión do 14 de abril en que se elevou ao Goberno de España a proposta de habilitar, coas máximas garantías sanitarias e cos protocolos adecuados, a apertura de determinados establecementos de hostalaría, restaurantes preferentemente, como servizos de interese para a satisfacción das necesidades alimentarias de traballadores de colectivos que prestan servizos esenciais e de interese público.

O sector turístico está a ser un dos máis gravemente afectados polos efectos derivados da pandemia. Para tratar de paliar esta situación a Xunta de Galicia aprobou o 30 de abril de 2020 o Plan de reactivación dos sectores culturais e turístico fronte aos efectos derivados do COVID-19. Neste plan establécense diferentes medidas vinculadas ao Programa Galicia destino seguro, que xira sobre o apoio á adecuación hixiénico-sanitaria para establecementos hostaleiros, entre outros, en forma de elaboración de guías específicas de medidas hixiénico-sanitarias por sectores, plans de formación asociados e apoio económico para a implementación das medidas.

A Orde SND/440/2020, do 23 de maio, modifica diversas ordes anteriores relativas á xestión da crise sanitaria en aplicación do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Entre estas modificacións engádese un novo número 6 ao artigo 18 da Orde SND/414/2020, do 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

Neste novo número 6 faise unha habilitación expresa para que as comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, poidan modificar o número máximo autorizado de persoas previsto tanto no punto 1 do citado artigo 18 (un máximo do 40 % para a reapertura de establecementos de hostalaría e restauración para consumo no local), pero sempre dentro dunhas porcentaxes non inferiores ao 30 % nin superiores ao 50 %.

Tendo en conta os antecedentes expostos, en relación co traballo para a mellora hixiénico-sanitaria nos establecementos turísticos, a necesidade de ir gradualmente reactivando o sector turístico e tendo en conta principalmente a evolución actual dos datos epidemiolóxicos en Galicia, considérase oportuno neste momento facer uso da habilitación establecida no número 6 do artigo 18 da Orde SND/414/2020, do 16 de maio.

Por todo o exposto, e por proposta da Consellería de Cultura e Turismo, adóptase o seguinte Acordo:

– No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o límite de capacidade dos establecementos de hostalaría e restauración para consumo no local será do cincuenta por cento, de acordo co establecido no artigo 18 da Orde SND/414/2020, do 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Este acordo entrará en vigor o luns 1 de xuño.

– Acordo relativo ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais na súa función de asistencia á emerxencia no rural.

A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto terceiro establece o seguinte:

“En todo caso, considéranse funcións de carácter esencial (...) os servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia (...)”.

Pola súa parte, a Resolución do 30 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 30 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, no seu punto oitavo comprende a realización de funcións do persoal do Servizo de Incendios como servizo de asistencia á emerxencia no rural en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Na dita resolución alúdese a que o 18 de marzo de 2020, na reunión do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), foi aprobada, por petición da Consellería do Medio Rural, a posibilidade de utilizar o Servizo de Extinción de Incendios como servizo de asistencia á emerxencia provocada polo coronavirus.

Tal acordo ten o seu fundamento no previsto no artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, de acordo co cal dentro dos servizos de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil nel definidos se atopan os servizos de prevención e extinción de incendios.

Así, no artigo 5.4 do dito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, disponse que «os servizos de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil definidos no artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, actuarán baixo a dependencia funcional do ministro do Interior».

Sen prexuízo do anterior, o artigo 6 do citado real decreto dispón que cada Administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente na xestión ordinaria dos seus servizos para adoptar as medidas que considere necesarias no marco das ordes directas da autoridade competente para os efectos do estado de alarma e sen prexuízo do establecido nos artigos 4 e 5.

Desde a consideración de que o SDPIF pode ser activado como un servizo de asistencia en emerxencias, a consellería desde a declaración do estado de alarma e do estado de emerxencia sanitaria aprovisionouse de todo o material de protección necesario para os traballadores do SDPIF, tendo en conta que as funcións de extinción que desempeña o servizo fan que este persoal xa dispoña de EPI e de material de protección, polo que só foi preciso complementar o material de protección existente con todo o necesario para poder traballar en condicións de máxima protección.

Tamén contou con maquinaria e produtos para actuar en posibles desinfeccións de locais ou zonas afectadas polo coronavirus; xunto co cal se prepararon os protocolos de actuación do persoal nestas situacións co fin de garantir a súa seguridade no desenvolvemento das súas funcións.

De acordo co anterior, unha vez que o dispositivo contou coa totalidade do material de protección, así como maquinaria e produtos de desinfección, protocolos e formación para o desempeño destas funcións, o SDPIF de Galicia actuou no rural galego en funcións de servizo de asistencia a esta emerxencia, dentro dos mecanismos de coordinación determinados e sempre garantindo a dispoñibilidade máxima para atender a súa función principal, que é a extinción de incendios.

Desde esta perspectiva, as funcións adicionais desempeñadas polo SDPIF desde os primeiros momentos da declaración do estado de alarma foron as seguintes:

– Vixilancia de zonas de lecer rurais para garantir o cumprimento das obrigacións de confinamento decretadas no estado de alarma.

– Colaboración na desinfección de instalacións, locais ou medios de transporte da Administración autonómica.

– Colaboración na desinfección de locais e zonas de uso común no rural galego.

– Colaboración coas autoridades locais para o auxilio a persoas domiciliadas en zonas remotas ou de difícil acceso.

– Transporte de materiais tales como víveres ou material sanitario, entre outros, a zonas do rural galego.

– Disuasión de posibles comportamentos incendiarios.

– Colaboración nas comunicacións a través da nosa rede de emisoristas ou utilizando o sistema de comunicacións TETRA.

O SDPIF da Consellería do Medio Rural, na súa función de asistencia á emerxencia do COVID-19, exerceu, polo tanto, funcións de desinfección das zonas exteriores dos centros residenciais de maiores, así como dos centros de saúde, actualmente en funcionamento nos concellos de menos de 5.000 habitantes da nosa Comunidade Autónoma. Así mesmo, levou a cabo desinfeccións en concellos de máis de 5.000 habitantes ou en zonas exteriores de centros de servizos sociais de carácter residencial doutras tipoloxías, segundo o determinado pola Administración autonómica en atención ás circunstancias e necesidades concorrentes.

Sen prexuízo do anterior, deben terse en conta os seguintes factores:

– O tempo transcorrido desde a primeira declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo;

– a propia evolución da emerxencia sanitaria, cunha importante redución no número de contaxios e persoas hospitalizadas nas últimas semanas;

– as últimas medidas adoptadas polo Goberno de España, entre elas unha desescalada progresiva por actividades e territorios, tal e como dispuxo a Orde do Ministerio de Sanidade SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade;

– así mesmo, a Orde SND/440/2020, do 23 de maio, pola que se modifican diversas ordes para unha mellor xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 en aplicación do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, que modifica a Orde SND/399/2020 e que inclúe no seu anexo as catro provincias galegas, de modo que, a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia se atopa actualmente, de conformidade coa Orde SND/440/2020, dentro do ámbito da fase 2 do dito plan.

Por outra parte, a estación en que nos encontramos, en plena primavera e xa próxima a época de perigo alto de incendios forestais, aconsella neste momento priorizar sobre outro tipo de actuación o servizo de prevención e extinción, que é a súa función principal. Cómpre sinalar, ademais, que o Consello da Xunta de Galicia, do 29 de maio, aprobou a actualización do Pladiga para o ano 2020, no cal, xunto co Plan de extinción, o Plan de detección, disuasión, investigación e de medidas correctoras e o Plan de formación, se integra, con entidade e autonomía propia, o Plan preventivo de incendios forestais de Galicia; no marco do dito plan preventivo recóllense accións dirixidas á poboación e ao territorio, de modo que complementa as restantes actuacións desenvolvidas e configura unha visión estratéxica a nivel territorial tendo en conta a necesidade de protexer os núcleos habitados. O que antecede evidencia que o SDPIF da Consellería do Medio Rural debe centrar os seus esforzos no contexto da prevención e a loita contra os incendios forestais.

Sen prexuízo do cal, e por instancia da Consellería de Sanidade, o persoal do SDPIF da Consellería do Medio Rural seguirá atendendo, na súa función de asistencia á emerxencia do COVID-19, aqueles centros e instalacións indicados pola Consellería de Sanidade, determinados conforme criterios obxectivos segundo os índices sanitarios ou de saúde pública correspondentes.

Tomando, pois, en consideración o anterior, o Cecop adopta o seguinte Acordo:

O Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural limitará, a partir do vindeiro 1 de xuño, a súa función de asistencia á emerxencia do COVID-19 a aqueles centros e instalacións indicados pola Consellería de Sanidade, determinados conforme criterios obxectivos segundo os índices sanitarios ou de saúde pública correspondentes, por así requirirse en atención ás circunstancias e necesidades concorrentes.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica.

– Acordo relativo á obriga de xestión da biomasa ou retirada de especies arbóreas das faixas primarias, de conformidade co establecido no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

O carácter esencial dos servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia está expresamente recollido no punto terceiro da Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Así mesmo, as actuacións preventivas en materia de incendios forestais conforman, xunto coas actuacións de extinción, detección, disuasión, investigación, corrección e formación, a planificación estratéxica integral a nivel territorial en materia da loita contra os incendios forestais, tendo en conta a necesidade de protexer os núcleos habitados.

Nese sentido, a xestión da biomasa é a principal medida preventiva que se aplica no territorio galego e actúa sobre a carga de combustible vexetal, procedendo á súa modificación ou á súa remoción total ou parcial na procura de romper a continuidade horizontal e vertical da biomasa presente nos montes e terreos forestais e, en xeral, en todo o solo clasificado como rústico; esa actuación, ademais, permite que, de producírense os incendios forestais, estes non se propaguen de forma incontrolada.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, articula a execución da xestión da biomasa existente nos terreos forestais e zonas de influencia forestal a través de faixas; en particular, respecto das faixas primarias, o artigo 20.3 da dita lei establece que constitúen infraestruturas lineais de prevención e defensa, situadas en lugares estratéxicos, relacionados como tales nas epígrafes do mesmo precepto.

Nos espazos así definidos (como redes primarias de faixas de xestión de biomasa) será obrigatorio para as persoas responsables, nos termos establecidos no artigo 21 ter do mesmo corpo legal, xestionar a biomasa segundo as específicas delimitacións espaciais recollidas no artigo 20 bis da Lei 3/2007, do 9 de abril.

Respecto ás devanditas delimitacións espaciais, coa modificación operada na Lei 3/2007, do 9 de abril, pola Lei 3/2018, do 26 decembro, de medidas fiscais e administrativas, engádese, ás obrigas xa establecidas, a correspondente de xestión da biomasa para as instalacións de produción de enerxía eléctrica eólica nunha faixa de 200 metros de diámetro ao redor á posición de cada aeroxerador instalado.

Ao abeiro do disposto no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, as persoas que resulten responsables conforme o artigo 21 ter procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que finalice o mes de maio de cada ano. Exceptúanse os supostos nos cales, pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies, sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións, que terá que ser aprobada pola Administración forestal. Esta planificación coordinarase coa actuación doutras administracións públicas responsables da xestión da biomasa e retirada de especies respecto a infraestruturas da súa titularidade, especialmente atendendo á seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Esas exixencias establecidas normativamente víronse notablemente condicionadas pola declaración en todo o territorio nacional do estado de alarma mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como pola súa propia extensión temporal, incidindo especialmente no relativo á xestión da biomasa, afectada polas importantes limitacións inherentes ao estado de alarma en materia de desprazamento e circulación das persoas; pero tamén pola repercusión administrativa, dada a suspensión dos prazos administrativos prevista na disposición adicional terceira do propio Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, en canto á tramitación administrativa derivada das ditas exixencias legais.

Por outro lado, o cambio estacional e a proximidade da época de perigo alto de incendios forestais fixeron necesario aclarar, mediante Resolución da Consellería do Medio Rural do 28 de abril de 2020, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 25 de abril, a continuidade da obriga de execución da xestión da biomasa prevista no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, fixando o límite temporal para o seu desenvolvemento ata o 16 de xullo de 2020, inclusive.

A repercusión do contexto descrito sobre as instalacións recollidas nos artigos 20.3 e 20 bis da Lei 3/2007, do 9 de abril, o seu carácter esencial e a concorrencia de normativa sectorial aplicable fan preciso conciliar o cumprimento das determinacións normativas coa situación excepcional en que estamos inmersos.

En concreto, por unha banda, tendo en conta o termo legal do 31 de maio establecido para efectos do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa por parte dos seus responsables, resulta adecuado axustar este termo ás actuais circunstancias de emerxencia, de xeito idéntico a como xa se fixo para o caso da biomasa en faixas secundarias.

E, por outro lado, dada a distinta natureza das instalacións, así como a diferente extensión das faixas, e a existencia de propiedade de terceiros afectada, compre tamén axustar os termos da obriga correspondente para o caso de determinadas faixas, tendo en conta as previsións que para tales efectos ofrece a Lei 3/2007, do 9 de abril.

Tomando, pois, en consideración o anterior, o Cecop adopta o seguinte Acordo:

1. Acoutar temporalmente a obriga de execución da xestión da biomasa prevista no artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no relativo ás instalacións recollidas nos artigos 20.3 e 20 bis da dita lei, á data fixada na Resolución da Consellería do Medio Rural, do 28 de abril de 2020, en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 25 de abril, é dicir, ata o 16 de xullo de 2020, inclusive; e acoutar materialmente á superficie afectada de pleno dominio e voo, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, o ámbito de actuación de xestión da biomasa para o caso das redes primarias de xestión da biomasa situadas ao redor de cada aeroxerador de produción de enerxía eléctrica eólica instalado, tendo en conta a extensión e especial dificultade dos labores correspondentes, e sen prexuízo do establecido no punto seguinte do presente acordo.

2. Tendo en conta a extensión e especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou a retirada de especies arbóreas nas faixas primarias de xestión relativas ás instalacións de produción de enerxía eléctrica eólica, dificultade que se ve incrementada pola vixente situación de alarma, considérase precisa, para o caso das redes primarias de xestión da biomasa delimitadas ao redor de cada aeroxerador de produción de enerxía eléctrica eólica instalado, a planificación a que se refire o artigo 22.1 da Lei 3/2007, do 9 de abril, no que exceda a superficie a que lle é de aplicación o punto anterior. Para efectos do deseño e elaboración da planificación, poderá articularse o correspondente convenio de colaboración entre a Administración forestal, a Administración eólica e os responsables da xestión da biomasa, ben directamente ou ben a través das asociacións que os representen.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e adecuada coordinación con esta Administración autonómica».

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza