Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 2 de xuño de 2020 Páx. 22027

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 20 de maio de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2020, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG650A).

BDNS (Identif.): 507813.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2019/20 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

b) A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

c) As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2020, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de maio de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2020, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG650A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4802 e por un importe de 12.000,00 € con cargo ao ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica