BDNS (Identif.): 508815.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
Segundo. Finalidade
Establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT213A).
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 28 de maio de 2020 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e se aproba a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT213A).
Cuarto. Importe
Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 190.000 euros, en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes na Axencia Galega das Industrias Culturais, das aplicacións orzamentarias seguintes: 11.A1.432B.460.0, 50.000 euros, 11.A1.432B.470.0, 15.000 euros e 11.A1.432B.481.0, 125.000 euros, do código de proxecto 2015-00003.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020
Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais